Usted está aquí

Voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais. Petición que lle fixo o conde Fernando de Andrade ao rei Carlos I de España (1516-1556)

JoseFS

Ademais da súa fazaña en Seminara, en 1503, que o fixo merecente do título de príncipe de Caserta e de incorporar as dezaoito bandeiras gañadas na batalla ao seu escudo, que ordenou labrar na fachada da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume o arcebispo Rajoy (1751-1772) en 1763, Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, considerado por Couceiro Freijomil "unha das figuras de máis extraordinario relevo na historia de Galicia" (Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume e a súa comarca, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, 1995, p. 241), que xa descansa para sempre na capela maior deste templo que mandara facer, non dubidou en reclamar, en 1520, diante do rei Carlos I de España (1516-1556), xunto ao arcebispo compostelán Alonso III de Fonseca (1507-1522), voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais e en pedirlle ao monarca que prohibise a Zamora falar no nome de Galicia “porque no era cosa justa que una çibdad de otro reyno hable ni dé voto por un Reyno tan antiguo y tan noble como es este de Galizia” (García Oro: Galicia en la Baja Edad Media, Santiago de Compostela, 1977, p 118 e 119).

O rei atendeu estas demandas e proclamou a Alonso III de Fonseca e a Fernando de Andrade en 1521 capitáns xenerais de Galicia, aínda que pouco lles durou o cargo, "porque a iniciativa mermaba sensiblemente as competencias do gobernador e da Audiencia de Galicia, cuxos titulares reivindicaban permanentemente as responsabilidades militares e defensivas e porque os municipios galegos, e en particular os máis activos que eran A Coruña e Betanzos, temían a prepotencia que o novo título lles confería a Andrade e Fonseca, que sempre se comportaran máis como amos que como valedores" (Idem, p. 120).

Así e todo, non perdeu o favor de Carlos I polo seu atrevemento, xa que o monarca o consideraba un dos seus principais interlocutores en Galicia e quixo que o acompañase, como capitán da súa frota, na viaxe a Alemaña para ser proclamado emperador Carlos V (1520-1558) do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Entre as concesións que o rei e emperador lle fixo destaca a dirección do importante negocio que xurdía coa nova Casa de Contratación da Especiería da Coruña, en decembro de 1523, da que aparecía como valedor e garantía das iniciativas que tiñan a súa propia autonomía e respondía por iso diante da Corte. Mortos Fernando de Andrade e o arcebispo Alonso de Fonseca, os nobres galegos abandonan as xustas reivindicacións do Reino de Galicia que estes defenderan e só propuran o seu interese persoal e situarse ben nas grandes maxistraturas da monarquía.

As principais obras que o conde de Vilalba Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas mandou facer na súa vila de Pontedeume foron a capela maior e o retablo pictórico que a preside na igrexa parroquial, onde quixo ser enterrado, e o convento agostiño de Nosa Señora de Graza, convertido hoxe en Casa da Cultura.

[Debuxo de Siro López]

Trouxo tamén de Italia a lendaria reliquia de san Nicolás de Tolentino que os frades agostiños arrebolaron ás lapas no incendio do ano 1607 para o sufocar. No incendio de 1621, contan que sacaron en procesión a imaxe do santo e o lume minguou. Por todos estes feitos, san Nicolás de Tolentino foi nomeado copatrono da vila o dezanove de xuño de 1621 "para todo tiempo de siempre jamás".  

 

 

 

 

Añadir nuevo comentario