Usted está aquí

A vida de san Xoán o Bautista no seu retablo en Pontedeume

JoseFS

En memoria do meu tío Juan Sardiña, que levaba o nome do Precursor

e que tamén o foi para min, preparándome o camiño na vida

e endereitando os meus vieiros co seu exemplo

 

A primeira referencia documental que eu coñezo da capela de San Xoán Bautista da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume aparece no traslado realizado polo escribán Pedro Varela, o vinte e cinco de xuño de 1588, do testamento outorgado o vinte e nove de xuño de 1530 por “Alonso de Noguerido vecino é rexidor que fué desta villa dela Puentedeume apedimiento de Alonso de Piñeiros Maiordomo de la Capilla de San Juan Bautista [...], sita en la Yglesia maior de santiago desta villa de la Puentedeume que hizo fundó y edificó Alonso de Noguerido el Viejo vecino e rexidor que fué desta villa de la Puentedeume” (Tomado de Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias: La iglesia de Santiago de Pontedeume. Historia y patrimonio artístico, A Coruña, 2003, p. 132). No testamento, manda “que quando la voluntad de Dios nuestro señor fuere de apartar mi Anima delas Carnes, y la llebare de esta presente vida que mi cuerpo y carnes pecadoras sean sepultadas dentro de la Yglesia de Santiago de esta dicha villa de la Puentedeume en la Capilla de Sant Juan Bautista que yo é Maria Rodriguez mi muger hizimos y edificamos en la dicha Yglesia" (Idem, p. 133). Parece evidente que Alonso de Piñeiros, mordomo da capela de San Xoán Bautista, solicitou en 1588 do escribán a copia do testamento outorgado en 1530 por Alonso de Noguerido para que constase a vontade do xa defunto de ser soterrado naquela capela que fundara coa súa muller (Imaxe do retablo actual).

Algo máis de corenta anos antes, tamén fora enterrado no templo parroquial de Pontedeume, na capela maior, o conde don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, cuxo sartego aínda se conserva hoxe no lado do Evanxeo da devandita capela maior na que quixo repousar para sempre, consonte pedira no testamento que outorgara o trinta de agosto de 1540.

Co gallo da reedificación do templo parroquial, cuxas obras, sufragadas polo arcebispo Rajoy, comezaron en 1756 e remataron en 1763, aínda que a igrexa xa fora consagrada polo prelado eumés o sete de setembro de 1761, o Concello de Pontedeume, como patrón desta capela de San Xoán Bautista, decide, nese mesmo ano, trasladar o vello retablo, realizado en 1550 por encargo seu, á capela da Vera Cruz, xa que “la nueva capilla segun forma de la Yglesia no se puede en manera alguna colocar” [así se recolle no Libro de acordos da obra pía de Noguerido, caixa 252, folios 391v e 392, conservado no Arquivo Municipal de Pontedeume], e encargarlle a execución do novo retablo da capela, por catrocentos ducados, ao escultor compostelán Alexandro Nogueira, que situou, no lado da Epístola, a escena da Visita da Virxe María, xa embarazada de Xesús Cristo, á súa curmá Isabel, que tamén levaba ao seu fillo Xoán nas entrañas; no ático, representou a Circuncisión de Xoán; no lado do Evanxeo, dispuxo a escena do Bautismo de Xesús; e presidindo o retablo, no corpo central, a imaxe do Bautista. O retablo atópase actualmente no lado da Epístola da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, entre a imaxe de san Cristovo e a capela da Santísima Trindade.

Na escena en relevo da Visita da Virxe á súa curmá Isabel, esta aparece na porta da súa casa para recibir a María cunha agarimosa aperta e unha mirada de complicidade, que son correspondidas pola nai de Xesús. A man dereita da Virxe acaricia o ombreiro esquerdo da nai de Xoán e tamén se pode ver a man esquerda desta sobre o ombreiro daquela. Isabel mostra no seu rostro a pegada dos seus moitos anos, viste unha camisa dourada con incrustacións en púrpura e unha longa saia estampada que lle chega aos pés e pola que asoma o zapato escuro do pé esquerdo, e cobre a cabeza cunha touca branca. María, cunha faciana que deixa ver que ela é bastante máis nova, recibe compracida a calorosa acollida da súa prima, viste unha longa túnica branca que lle chega ata os pés, pola que asoma o escuro zapato dereito, cinguida por un cinto dourado, e tamén un amplo manto azul, que alude á súa pureza e virxindade, con adobíos de ouro, co que cobre a cabeza e que lle cae polos ombreiros e lle chega ata o chan. Ambas as dúas deixan ver a súa preñez, que lles fora anunciada polo arcanxo Gabriel, primeiro a Zacarías, o home de Isabel, e despois a María (Cfr. Lucas 1, 5-38). Tamén recolle Lucas no seu Evanxeo a escena aquí representada cando di que “naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo esta o saúdo da súa prima, o neno brincoulle nas entrañas. Nese momento, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel a grandes voces: ―Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito das túas entrañas. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo ós meus oídos, choutou de ledicia a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!” (Cfr. Lucas 1, 39-45).

Seguindo unha orde cronolóxica, Alexandro Nogueira representa no ático do retablo a escena, tamén en relevo, da Circuncisión de Xoán. En primeiro plano aparecen dúas mozas, unha co cabelo descuberto e sentada co neniño no colo, e outra axeonllada, cun turbante dourado, que semella que serán as encargadas de facerlle a circuncisión a Xoán, o Precursor de Cristo. Detrás das mulleres, de pé, podemos ver dous varóns barbados; o que está no centro é, sen dúbida Zacarías, o pai do Bautista, e ten á súa esquerda ao que podería ser un sacerdote do templo ou un familiar. No recanto superior esquerdo, un pouquiño afastada da escena principal, colocou Alexandro Nogueira a Isabel, cun vestido escuro, con incrustacións e reberetes dourados, e unha touca branca, que leva as mans ao seu ventre do que había oito días que saíra o seu fillo Xoán. Así conta o acontecido Lucas no seu Evanxeo: “Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu a luz un fillo [...]. Aos oito días levárono circuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma o seu pai. Pero interveu a nai dicindo: ―Non, chamarase Xoán [así llo mandara o arcanxo Gabriel a Zacarías (Cfr. Lucas 1, 13)]  [...]. Preguntáronlle valéndose de acenos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir [quedara mudo por desconfiado desde que se lle aparecera o arcanxo (Cfr. Lucas 1, 20)] e puxo: ―Xoán é o nome do neniño. Todos quedaron sorprendidos e de súpeto ceibóuselle a lingua e comezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños estaban abraiados e pola montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. Todos os que o oían dicían moi impresionados: ―¿Que vai ser deste neno? Porque a man de Deus estaba con el” (Cfr. Lucas 1, 57-66).

Consonte o relato diacrónico que concibira, Alexandro Nogueira dispuxo no lado do Evanxeo a escena en relevo do Bautismo de Xesús. Nun relanzo do Xordán, con tan pouquiño calado que non lle cobre nin os pés nos que leva unhas modestas sandalias escuras, aparece en primeiro plano Cristo, case espido, só tapado por un escaso pano de pureza e un manto púrpura con incrustacións e reberetes dourados que suxeita coa man esquerda e bica a auga do río. O seu corpo robusto e forte, que deixa ver ben a súa nudez, parece totalmente entregado a Deus Pai, xa que leva as súas mans ao corazón, como mostra de aceptación da vontade divina, e inclina levemente o seu rostro moreno, con longos cabelos escuros e barba recortada, ao lado esquerdo, onde se atopa Xoán, que, cunha cuncha de vieira, lle bota encima as augas bautismais. Ata o século XIII, esta escena representaba o bautismo por inmersión que recolle a tradición; así e todo, desde aquela, comezouse a utilizar a cuncha de vieira xacobea coa que Xoán vertía a auga do Xordán sobre a cabeza de Xesús Cristo. Xoán, o Precursor, cos brazos, os pés, a perna esquerda e o peito espidos, cobre o resto do corpo cun manto de pel de camelo, que suxeita coa man esquerda; xira levemente, cara á súa dereita, o seu rostro moreno, barbado e con longa melena escura, para mirar a Cristo con mimo e ergue a súa man dereita, coa que suxeita a cuncha de vieira, para botarlle a auga bieita enriba. Contempla a escena desde o alto unha pomba dourada que representa ao Espírito Santo. O relato de Lucas conta que, “como o pobo estaba esperando polo Mesías, algúns deron en pensar se o sería Xoán; así e todo, el declarou diante da xente: ―Eu bautízovos con auga, pero está por chegar o que é máis forte ca min e a quen non son digno de lle desatar os amallós das súas sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume, porque trae a forcada na man para limpar a súa eira e recoller na tulla o seu trigo, pero a palla ha de a queimar no lume que nunca amortece [...]. Durante un bautismo xeral e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo: ―Ti es o meu fillo benquerido, en ti me comprazo” (Cfr. Lucas 3, 15-22).

Así aparece tamén representada esta escena no óleo que preside o retablo da capela do Baptisterio, na que tiven a honra, como a maioría dos eumeses, de ser bautizado, que se dispón á entrada do templo parroquial, no lado da Epístola. 

Preside o retablo, na fornela que se dispón no corpo central, sobre unha peaña dourada e verde, a talla de Xoán o Bautista, cuberto cunha pel de camelo que lle deixa espidos os brazos, o peito, as pernas e os pés. O seu rostro, barbado e con longa melena, mostra unha grande expresividade, nomeadamente nos ollos. Disponse en actitude de camiñar, xa que é o Precursor de Cristo, adiantando levemente a perna esquerda. Ergue o brazo dereito e bendí ao pobo con esta mesma man; coa esquerda, suxeita un lábaro cunha bandeira verde con reberetes dourados no que vai gravada en letras de ouro a lenda Ecce Agnus Dei [Velaí o Año de Deus]. Á súa esquerda, un tronco de árbore negro sostén o Libro dos Evanxeos aberto e sobre el se coloca o Año de Deus que arrinca o pecado do mundo, que representa a Xesús Cristo, que é o que virá despois del para bautizar co Espírito Santo e con lume.

Como conta Marcos no seu Evanxeo, “está escrito no profeta Isaías: ―Mira, mándoche por diante o meu mensaxeiro, para que prepare o teu camiño. Unha voz clama no deserto, preparade o camiño do Señor, endereitade os seu vieiros. Presentouse Xoán no deserto e pregoando un bautismo de conversión para o perdón dos pecados. E ía onda el a xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén, confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán. Ía vestido con peles de camelo e un cinguidoiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo” (Cfr. Marcos 1, 1-5).

 

 

 

 

 

Añadir nuevo comentario