Usted está aquí
Versos de despedida de Ramiro Fonte para Colas Veiga Dopico. Bo amigo e tantas veces compañeiro no fútbol e na vida
Entereime agora mesmo do pasamento do meu amigo Colás, Nicolás Veiga Dopico, despois dunha longa doenza.
Vivimos moitos momentos bos e tamén algúns malos na nosa infancia e adolescencia, na que estabamos unidos pola amizade e polo fútbol. Coas cores azul e branca da bandeira galega e do noso Eume gañamos amigos para a eternidade e comezamos a rexer as nosas vidas polos nobres valores do deporte que nos aprenderon Tucho Díaz Deus, Xosé Andrés López Leira, Pepe Fonte, Carmiña, O Carrancho, Pedro Villar..., que xa nos deixaron, e outros que aínda felizmente viven como Ramiro Sarmiento, Luis o Ramallo, Manuel Bouza, Andrés Martiño, Manolo Costas, Cinza e tantos máis, verdadeiros referentes para nós. Dá xenio ver hoxe o Eume nas mans de grandes amigos que mamaron o fútbol, Juan Carlos Mendaña, Ignacio Freire, Pablo Freijomil, Juancho Fuentes..., garantía de que as novas xeracións seguen a recibir o mellor exemplo. A foto de Tito Ríos é daquel Eume xuvenil que gañara a Liga da Ría 1980-1981. Arriba: Cinza, Lino, Canario, José, Paqui, Mario, Chelín, Antonio, Chuspi, Chesco, Ramallo; abaixo: Francisco, César, Aguilar, Juan, Germán, Vitucho, Ramón Noche, Ignacio, Andrés e Colás.
Quero darlle o meu derradeiro adeus, coa axuda do poema de Ramiro Fonte (Ramiro Fonte: ‘Teoría do adeus’, en “Pasa un segredo”, Vigo, 1988, p. 56 e 57) e as fotos de Carmen Rodríguez e Ángel Cendón, como se despide aos homes bos, traballadores e retranqueiros, que, coma el, amaron profundamente o mar:
“Despedídevos dos barcos nocturnos
pois eles saben
aquel tempo supremo dos adeuses;
[…]
Sen dolor, despedídevos
deses barcos nocturnos que procuran
o gume do mencer, unha ribeira escura
na que ancorar a vida como un rumbo imposible
[…]
Invocade o mariño que levades moi dentro,
eternamente naufragado e triste;
a nostalxia das luces que derrama o mar
nos vosos rostros xoves. Despedide
estes barcos nocturnos como quen sabe acaso
que algo parte con eles”.
Añadir nuevo comentario