Usted está aquí

A vendima e a visita de Novoneyra a Pontedeume

JoseFS

Xa rematou a vendima nas Terras do Eume e as uvas quedaron recollidas pouco antes da festa de san Miguel, para poder subir a Breamo o día vinte e nove de setembro e seguir así a tradición dos devanceiros.

Cómpre agora facer o viño.

Un grande da poesía galega, Uxío Novoneyra, viñera visitar a vila por estes días no ano 1960, consonte nos conta o noso bardo (Ramiro Fonte: Os ollos da ponte, Vigo, 2004, p. 352) e dera un recital de poesía trobadoresca nun lugar inmellorable, o Torreón dos Andrade. Talvez a súa visita lle inspirou este poema:

“Ir a Pontedeume tomar a costrada

pela a pela emparedada.

Cruzar toda a ponte

coma Roxín

co xabarín.

Rubir ó pazo, a torre do mar,

i ó castelo, a torre do monte.

Co outono nos parrais

e viño novo nos bancais.

Oír ondear como alentar

i a barca que trai

o mar que se vai…”.

Uxío Novoneyra: Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, A Coruña, 1999, p. 115.

As mellores uvas de toda a redonda, ao meu ver e sen que ninguén se ofenda, están en Ar, no Viñoás eumés, nas parras dos meus queridos Paragüeiros, que tiven por veciños na nosa vella casa de San Agustín 43. Á miña nai tocoulle, coma sempre, unha boa ración.

Noutros tempos tamén o eran, Concha e mais eu damos fe, as da casa de Maruja Pena, hoxe, dolorosamente, comesta pola ruína.

Aínda haberá que agardar para probar o viño deste ano e brindar pola saúde dos membros desa familia, que eu considero miña tamén. Así e todo, as etiquetas xa están preparadas coa roda de afiar herdada do señor Arturo, o patriarca e responsable do alcume co que son coñecidos na vila.

 

 

 

 

Añadir nuevo comentario