Usted está aquí

Unha declaración de amor a Pontedeume de Ramiro Fonte. Conciliación

JoseFS

Ninguén ten que pedirmo para que te defenda,

ninguén pode dicirme

por que non vén connosco, por que foxe,

por que é cazador de nubes pasaxeiras,

se asegura que quere a casa branca,

o balcón de madeira,

as calellas que soben os pasos cara ó ceo

e as calellas que baixan ó mar os mesmos pasos.

Se aquí está o que permanece:

o sétimo arco baixo o que corre o tempo,

a quinta badalada da torre do reloxo

que anuncia a eternidade a cada hora,

a ollada de cristal das galerías

que reteñen a luz verde dos vales,

a prata gris da desembocadura.

E os antigos cadáveres de barcos

que a baixamar descobre como se fosen restos

de peixes mitolóxicos,

ou a marea viva que fai vir os golfiños

ós recantos da ría, confiados.

Se está buscando sempre aquel xardín,

o rostro dos amigos noutros rostros,

o eco das súas voces

noutras palabras vas que non perduran,

e, sendo así, por que levou o rostro

pola brétema incógnita dos días cidadáns,

por que anda na ribeira solitaria,

perde o tempo en cafés, e escribe versos,

e moitas veces parte media vida por nada.

Debo recoñecelo:

nunca cambiei de rosa.

É por ti que conservo a resistencia

dun porto ameazado pola perda do mar,

e se morrín en ti máis dunha vez,

nai posesiva, sabia,

teño un lago de amor para mirarte,

para quererte teño un diáfano río

que corre paralelo

ás cousas que defende o corazón,

e goberna, central, as túas paisaxes.

E tamén moitas chaves

gardadas xunto a min; con cada unha

podo abrir un recordo,

unha doce canción de vellos tempos,

que me fará chorar, e estará ben.

Cando atraveso en pontes de cidades e ríos,

penso que me dirixo a esa banda do mundo

das praias e as cerdeiras florecidas,

dos suaves outeiros que eu ascendo

tan só para mirarte desde lonxe,

e cando escoito esas campás diversas

a avanzar polo aire da memoria

sei distinguir os cóncavos bronces da túa igrexa:

e no alto das torres precisas hai un neno

tocando a morto,

e ese neno son eu.

Eu amo, miña vila, todo canto me deches,

todo o que prometiches na túa escola

de nenos portuarios naquelas tardes grises,

é aquilo que me move,

o prezo que lle pago gustoso ó meu destino.

Nunca cambio esa rosa de efémero papel

pola espiña da túa.

Non teño outras sentencias

que esas palabras pobres dos peiraos,

non necesito outras nos furtivos

estaleiros de naves solitarias

para alzar nova vida desde os versos.

Amo incluso os rancores,

as raíces amargas,

as culpas escondidas,

o que ti non podías concederme.

Cantas veces sorprendo

o afastado habitante que preserva os teus días,

descubríndoche todos os secretos

cos seus ollos fechados.

Ramiro Fonte: "Conciliación", en Luz do mediodía, A Coruña, 1995, p. 33-35. As ilustracións son de José Ramón: Ayuntamiento de Pontedeume. Monumentos y lugares más representativos de la comarca eumesa, A Coruña, 19993; e Víctor G. Garabana: Gravados, debuxos e pinturas, Pontedeume, 1999.

 

 

 

 

 

 

Añadir nuevo comentario