Usted está aquí
Sesenta anos do nacemento de Ramiro Fonte. Cómpre preparar con mimo unha digna celebración
O sábado sete de setembro de 1957 nacía na praciña das Angustias Ramiro Fonte.
Os mómaros, puntuais coma sempre á súa cita, comezaban o seu primeiro baile do ano cando no reloxo da Casa do Concello soaban as doce badaladas que anunciaban o inicio das nosas festas patronais. A súa principal visita sería para aquel eumesiño que acabar de vir ao mundo e que, xa de maior, cos ollos dun neno, sería o mellor cronista da vila na súa máxica triloxía Vidas de infancia.
Así describía o poeta aquel día no engaiolante libriño dedicado aos nenos, que tamén nos entusiasma aos que xa non o somos, titulado Xardín do pasatempo, e o mostraba en imaxe outro eumés, Jacobo Muñiz López, nunha marabillosa ilustración:
Está de festas a vila.
Xa pasaron os gaiteiros,
os mómaros algareiros,
os cabezudos. Vivir a
troula parece ousadía.
A este ano cincuenta e sete
fixéronlle máis dun sete
no seu vestido. ¡Alegría!
Cheira a pólvora no ambiente.
Asústanse as andoriñas.
O viacrucis das tasquiñas
rebosa de bos clientes.
Ese día nazo eu.
¡Vállame Deus!
Ramiro Fonte: "Sábado, 7", en Xardín do pasatempo, Vigo, 2008; ilustración de Jacobo Muñiz, p. 77.
Tamén nos conta Ramiro Fonte as peculiaridades dos nosos mómaros e que talvez o feito de nacer o sete de setembro fose determinante na súa vida. "Na casa sempre se dixo que eu nacín cos mómaros. Descoñezo se querían suxerir que este feito me facía depositario das mellores expectativas. Como se as coincidencias entre a posición dos astros, as dores de parto dunha muller e a saída dos mómaros marcasen o meu destino. Un biógrafo de tenruras locais, iso é o que chegaría a ser no futuro. E todo por nacer no primeiro día das festas [...]. Só un fato os chamaría xigantes. Son as altas xerarquías que, rúa arriba e rúa abaixo, enchen de colorido, ledicia e trangallada as mañás das festas [...]. -Non son xigantes, que son mómaros -habería corrixir Xesús o Faluchero a un deses poucos veraneantes, que aínda non marcharon de Cabanas [...]. Os mómaros en Pontedeume son a mómara e o mómaro. Ámbolos dous humanísimos, pero coas súas respectivas personalidades. Ela é a verdadeira deusa do noso santoral profano. Un vestido de flores, moi cinguido á cadeira, esaxera a súa sensualidade. Peitos voluminosos e, sobre o esquerdo, unha hortensia azul: o adorno que mellor lle acae á desmesurada dona. Na súa cara hai quen verá unha artista dunha película dos irmáns Marx, e hai quen verá a mómara de toda a vida. El é un señor de cabelos e bigotes brancos. Tocado cun fez, ten un aire mouro pícaro e ricacho. Leva posto un longo saión dunha peza, que foi vermello e que, ó destinxir, ficou en pouco menos ca colorado.
Para bailar os mómaros ó estilo eumés non se necesitan homes especialmente corpulentos. Hai que bailalos coa punta do pé, que diría o cantar. E, sobre todo, hai que darlles un xeito ós ombros e á cadeira, para así traspasarlles o ritmo do corpo humano ás ríxidas estruturas" (Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 349 e 350).
Son chegados xa os tempos en que Pontedeume pague a débeda de gratitude que ten co seu bardo. Eu penso que o Concello faría moi ben en impulsar, co maior consenso posible, primeiro as propostas encamiñadas a que a vila lle tribute o recoñecemento que merece. Sería fermoso que o sete de setembro de 2017, no que se cumpre o sesenta aniversario do seu nacemento, estivesen finalizados todos os trámites burocráticos para poder convocar un pleno extraordinario no que se aprobase por unanimidade poñerlle o nome de Ramiro Fonte á biblioteca municipal.
Ese día, cando os mómaros chegasen pola mañá á súa casa, tamén se podería ler algunha das múltiples referencias a eles que se atopan na súa obra literaria.
Ao meu ver, o Concello debería promover ademais outras iniciativas como por exemplo establecer un premio literario que levase o seu nome cun xurado que podería ser proposto pola RAG ou que incluíse algún dos seus membros relevantes, organizar un curso de verán na vila coa participación da Universidade e a RAG no que se analizase a súa obra, facer o roteiro para nenos e adultos como tan acertadamente propuxo Xosé Abeledo, realizar unha exposición sobre el (a iniciativa da biblioteca co "Xardín do pasatempo" foi unha boa idea) e a súa relación con Pontedeume, facer un recital anual dos seus poemas o Día das Letras Galegas, convidar cada ano a un persoeiro da cultura galega a ler un pequeniño fragmento da súa obra diante da casa natal o día sete de setembro cando os nosos mómaros pasasen por alí, habilitar un espazo na Casa da Cultura ou na Biblioteca onde estean nun lugar destacado todos os libros que publicou para que fosen máis accesibles á xente e se puidese estudar a súa obra...
Todas estas actividades poderían ter o seu colofón coa petición, por parte da Corporación Municipal, en representación de todos os eumeses, á Real Academia Galega, nun pleno extraordinario, cando se cumpran, en outubro de 2018, os dez anos do seu pasamento que a lei determina, de que lle dedique o Día das Letras Galegas pola cualidade indiscutible da súa obra que fai del un escritor universal, o seu compromiso con Galicia e a súa lingua e o amor correspondido coa vila e a terra que o viu nacer.
Añadir nuevo comentario