Usted está aquí

Rosalia de Castro en Pontedeume

JoseFS

Á miña sobriña, Marina Fonte Villar,

que naceu, ben que moitos anos despois,

o mesmo día que a inmortal Rosalía.

 

Un vinte e catro de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro, á que os composteláns, no nome de Galicia, lle levantaron un fermoso conxunto escultórico no que aparece, sentada e pensativa, no paseo da Ferradura da Alameda.

Cumpridos os vinte e seis anos, animada e axudada polo seu home, o grande intelectual galeguista Manuel Murguía, paría, en 1863, nun dezasete de maio no que na actualidade celebramos o día das nosas letras, os seus Cantares gallegos, cos que renacía, despois de cinco séculos de "negra sombra", a poesía galega.

Logo agromaron as Follas novas, das que a propia autora dicía:

Diredes destos versos, i é verdade,
que tén estrana insólita harmonía,
que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por instantes,
que desaparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Eu direivos tan só que os meus cantares
así sán en confuso da alma miña
como sai das profundas carballeiras
o comenzar do día,
romor que non se sabe
se é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
se agrestes, misteriosas harmonías
que neste mundo triste
o camiño do ceu buscas perdidas.

[...]

Non Follas novas, ramallo
de toxos e silvas sós,
hirtas, coma as miñas penas,
feras, coma a miña dor.

Hoxe descansa por sempre, con xustiza, nun lugar de honra, orgullo dos que amamos a nosa lingua, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa conventual de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, capital de Galicia.

En Pontedeume, na entrada do paseo marítimo, tamén temos unha praciña dedicada a Rosalía de Castro, na que se erixiu un monólito na súa honra e lembranza.

Pretiño da ponte onde morre o Eume, a carón deste pequeno monumento de pedra que os eumeses lle levantamos en 1985, escoita hoxe a nosa máis grande poetisa, que coa publicación dos Cantares gallegos o dezasete de maio de 1863 lle puxo data ao Día das Letras Galegas, os versos que lle canta baixiño desde a súa derradeira morada o noso bardo Ramiro Fonte, ao que a Real Academia Galega, a non moito tardar, lle terá que dedicar esta emblemática xornada.

Baixo os arcos desta ponte
pasan as augas da vida
durmidas.

Pasan as augas do tempo
levando os ollos dun neno
cara ás outras augas frías.

Ramiro Fonte: “Ponte”, en Luz do mediodía, A Coruña, 1995, p. 63.

 

 

Añadir nuevo comentario