Usted está aquí

Rosalía de Castro e o Pórtico da Gloria na Catedral

JoseFS

Na Catedral

 

Como algún día, polos corrunchos

do vasto tempro,

vellos e vellas, mentras nomean,

silvan as salves i os padrenuestros;

i os arcebispos nos seus sepulcros

reises e reinas, con gran sosego,

na paz dos mármores tranquilos dormen

mentras no coro cantan os cregos.

O órgano lanza tristes cramores,

os das campanas responden lexos,

i a santa imaxe do Redentore

parés que suda sangre no Huerto.

[O Salvador rodeado dos evanxelistas Xoán, coa aguia; Mateo, co anxo; Lucas, co boi; e Marcos, co león]

[Sepulcro do bispo Teodomiro, que descubriu, co eremita Paio, os sagrados restos do apóstolo Santiago] 

[Sepulcro de Afonso VIII no Panteón Real da catedral de Santiago]

¡Señor Santísimo, ós teus pés canto,

tamén de angustia sudado teño!

Mais se o pecado castigas sempre,

ó que afrixido vai a pedircho

daille remedio.

[Capela do Salvador na catedral de Santiago]

O sol poniente polas vidreiras

da Soledade lanza serenos

raios que firen descoloridos

da Groria os ánxeles i o Padre Eterno.

Santos e apóstoles, ¡védeos!, parecen

que os labios moven, que falan quedo

os uns cos outros, e aló na altura

do ceu a música vai dar comenzo,

pois os groriosos concertadores

tempran risoños os instrumentos.

[Os apóstolos Pedro, Paulo, Santiago e Xoán no Pórtico da Gloria, movendo os labios, falando quedo]

[Os vinte e catro anciáns da Apocalipse no Pórtico da Gloria, temperando risoños os instrumentos e falando entre eles]

¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra

aqués sembrantes tan verdadeiros,

aquelas túnicas marabillosas,

aqueles ollos de vida cheos?

Vós que os fixeches de Dios c’axuda,

de inmortal nome, Mestre Mateo,

xa que aí quedaches homildemente,

arrodillado, falaime deso;

mais co eses vosos cabelos rizos

Santo dos Croques, calás... i eu rezo.

[Os profetas Xeremías, Daniel, Isaías e Moisés no Pórtico da Gloria]

[O Santo dos Croques que representa ao Mestre Mateo aos pés do Pórtico da Gloria]

Aquí está a Groria, mais naquel lado,

naquela arcada, negrexa o inferno

cas almas tristes dos condanados,

onde as devoran tódolos demos.

De alí non podo quita-los ollos,

mitá asombrada, mitá con medo,

que aqueles todos se me figuran

os dun delirios, mortaes espeutros.

[Os benaventurados no Ceo no tímpano do Pórtico da Gloria]

[Condenados por gula no Inferno, comendo o que parece unha empanada, nos arcos do Pórtico da Gloria]

¡Como me miran eses calabres

i aqueles deños!

¡Como me miran, facendo moecas

dende as colunas onde os puxeron!

¡Será mentira, será verdade!,

santos do ceo,

¡saberán eles que son a mesma

Daqueles tempos...!

Pero xa orfa, pero enloitada,

pero insensibre cal eles mesmos...

¡Como me firen...! Voume, si, voume,

¡que teño medo!

[Demos, "deños" ou diaños no Inferno, nos arcos do Pórtico da Gloria]

Mais xa nos vidros da grande araña

cai o postreiro

raio tranquilo que o sol da tarde

pousa sereno;

en cada prancha da araña hermosa

vivos refrexos,

cintileando como as estrelas,

pintan mil cores no chan caendo,

e fan que a tola da fantesía

soñe milagres, finxa portentos.

Mais de repente veñen as sombras,

todo é negrura, todo é misterio,

adiós alxofres e marabillas...

Tras do Pedroso, púxose Febo.

[Os postreiros raios de sol do día iluminan a catedral desde o Pedroso]

Coma pantasmas cruzan as naves

silvando salves e padrenuestros,

vellos e vellas que a Dios lle piden

el tan só sabe cales remedios;

que cando o mundo nos deixa, é soio

cando buscamos con ansia o ceo.

[Pórtico da Gloria cheo de xente pintado por Xenaro Pérez Villaamil en 1849]

Ós pés da virxen da Soledade,

¡de moitos anos nos conocemos...!,

a oración dixen que antes dicía,

fixen mamoria dos meus sacretos,

para mi madre deixei cariños,

para os meus fillos miles de beixos,

polos verdugos do meu esprito

recei... e funme, pois tiña medo.

[Virxe da Soedade na súa capela da catedral de Santiago]

Rosalía de Castro: “Na catedral”, en Follas Novas, primeira edición A Habana, 1880, citado pola edición de La Voz de Galicia e Edicións Xerais de Galicia, con textos fixados por Blanca-Ana Roig Rechou, A Coruña, 2001, p. 65-68.

Añadir nuevo comentario