Usted está aquí

Recital de homenaxe a Ramiro Fonte en Pontedeume

JoseFS

¡Que gusto dá ver a fermosa praza de San Roque, a nosa Calzada, sen coches e con xente, como nos mostran as vellas fotos e algúns aínda lembramos! Felicitamos ao alcalde Bernardo Fernández Piñeiro e á concelleira de Cultura Yolanda Vázquez Busto pola iniciativa e os actos que con tanto agarimo prepararon na honra do noso poeta máis grande.

Graciñas de corazón todos os que participan neste recital poético de homenaxe a Ramiro Fonte e aos eumeses que asistides. E sede benvidos tamén os que nos visitades nestas Festas das Peras de Pontedeume, a vila que foi escenario da súa triloxía Vidas de infancia e de moitos dos seus poemas, na que naceu, fixo antonte sesenta anos, e á que levou sempre no corazón (Foto de Felipe Galego).

Hoxe é un día de grande alegría para os que amamos a literatura galega, porque a Corporación Municipal do Concello de Pontedeume, despois dun longo proceso administrativo, decidiu, nun pleno extraordinario e solemne, e por unanimidade, que a biblioteca municipal levase o nome do noso bardo, cumprindo así un desexo longamente reclamado por moitos eumeses (Fotos de Felipe Galego).

As festas enchíanse tamén de poesía ao acoller na Casa da Cultura, a presentación da reedición, por iniciativa de Chus Fonte, a súa irmá, do primeiro libro de Ramiro,  As cidades da nada, e unha exposición de fotos titulada Unha mirada a Pontedeume desde os ollos de Ramiro Fonte, tamén no convento, que completa, con este recital, os actos de homenaxe (Fotos de Felipe Galego).

En outubro de 2018 cumpriranse os dez anos do seu pasamento e será o momento de pedirlle á Real Academia Galega, da que o noso bardo foi membro correspondente, que lle dedique o Día das Letras Galegas a Ramiro Fonte e que non tarden tanto como o fixemos os eumeses en recoñecer os seus indiscutibles méritos (Debuxo de Siro López).

Dicía Ramiro Fonte en Os meus ollos que “Pontedeume é, por definición, unha vila musical […]. Case sen decatarme, fun recibindo clases de canto nas sobremesas das festas familiares […]. Aquelas cancións son seguramente os mananciais da miña poesía”. Así pois, nada mellor que comezar este recital coa actuación da Coral Polifónica Eumesa, cuxo director, Pepucho, levou sempre aceso, xa desde ben novo, o facho que alumaba a cultura galega, nomeadamente a eumesa e a musical. Alentado polo meu barbeiro desde que eu era un neno, Uxío Cuíñas, como nos conta Ramiro Fonte en Os meus ollos, “Xosé Paz decidiu recoller canta copla, cantar ou poemiña que un día soaron nas rúas de Pontedeume. Sen o seu labor, agora serían vagas lembranzas de vellos, consentidos esquecementos de xente madura. Ou simples xogos ofrecidos á musa Mnemosine. Como quen bota un solitario coas cartas”.

A Coral interpretou dous poemas de Ramiro Fonte, “A despedida”, con música de Xosé Paz Fernández, e “Cantar que chove”, musicado por Miguel Brotóns Pérez (Foto de Felipe Galego).

Os alumnos da Unitaria de Ombre, as estrelas máis novas pero non por iso menos brillantes da noite, que xa lle fixeran unha fermosa homenaxe a Eva Veiga cando os visitara naquela escola na que ela aprendera de nena, quixeron seguir os pasos da súa xa consagrada paisana e moito gozamos coa súa actuación. Cantaron primeiro “O poeta escribirá” e “Ramiro Fonte falou de Pontedeume”, con letra e música da súa mestra Isabel García e acompañamento musical de Alma María Cendán. Logo, Iago Miño Garrido, Simón Ramos Cuíña, Xoán Bellón Fernández, Iván López García e Elías Vázquez Molares recitaron os “Versos da lúa”; Bieito Cal Pena, “A primavera”; Miguel Fraga López, “Barquiño do escribir”; Mateo González Caruncho, “Manequín”; Manuel Olegario Varela Beceiro, “Natureza”; Ana González López, “Universo”; e todos xuntos, “Retahíla”. Finalmente, remataron cantando “Rosalía”, con letra de Isabel García, música de Luís Blanco Rey, Pablo Ramos, Alberto Amigo e Isabel García, e o acompañamento musical de Alma María Cendán (Foto de Felipe Galego).

Interviñeron a continuación, con poemas propios, os alumnos do Colexio Couceiro Freijomil, que eu tiven a sorte de inaugurar, no curso 1974-1975, como alumno de quinto de EXB, despois de saír da escola do Pescador, na que tamén estudou Ramiro. Eles atoparon unha inmellorable fonte de inspiración na súa actual biblioteca, marabillosamente decorada por Ito Mosquera e fermosamente bautizada como Xardín do pasatempo, en homenaxe ao libro de poemas que Ramiro Fonte publicou na editorial Tambre para os nenos e os que xa non o somos. O coordinador da colección, o eumés Nacho Chao, elixiu como ilustrador ao noso paisano Jacobo Muñiz López, e a cousa non lle puido saír mellor.

Matías Rodríguez Bellón recitou “O bo poeta”; Candela Fernández Fernández, “A ra cantante”; e Celia Montero Carrera, “A arte da amizade” (Fotos de Felipe Galego).

E despois dos alumnos, ten que sentar cátedra o mestre, Xoán Xosé Fernández Abella. Logo de pasar tres anos en Venezuela, regresou, en 1972, á súa terra e, en 1976 presentou no Colexio Couceiro Freijomil o seu primeiro libro de poemas, titulado Poemas galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas; catorce deles escritos na nosa lingua nai.

Nuns tempos nos que ningún profesor nos daba as clases en galego, foi el un dos primeiros que nos falou do Día das Letras Galegas e nos explicou que a data fora elixida pola Real Academia Galega para honrar algún persoeiro egrexio xa falecido que destacase neste eido, porque o dezasete de maio de 1863 Rosalía de Castro publicara os Cantares Gallegos. Dicía decote na clase uns versos octosílabos publicados por el naqueles anos que a min moito me impresionaron e non podo deixar de compartir con vós: “A min a lingoa galega / naide ma pode tirar. / Aínda que mudo ficase / falaríaa co pensar”.

Fixo en galego no ano 1977 o Himno do Colexio Couceiro Freijomil que nos recitou e ao que lle puxo música outra profesora miña, a eumesa María Lamas Vázquez, que daquela dirixía o coro de alumnos que o cantou por primeira vez en público. Tamén nos recitou don Xoán Xosé un poema titulado “Pontedeume”, que lle dedicou ao que fora director do colexio e tamén profesor meu, Ignacio Dosil, e unha décima na que gababa a Ramiro Fonte e pedía un Día das Letras Galegas para el. Síntome moi honrado de ser o seu amigo e veciño nos Tilos, preto de Santiago (Foto de Felipe Galego).

María José Allegue Otero recitounos o seu poema “En su silencio...”. A nosa paisana, cuxo segundo libro de poemas, La ventana que me miraba, tiven a honra de presentar en Pontedeume e que logo ela levou ata o Perú, fai agromar nos seus versos os sentimentos íntimos, agochados no fondo do peito, que flúen, ás veces, mesmo de xeito cruento, e busca decote o consolo no mar apracible da nosa ría de Ares, que a arrola agarimoso nos momentos de tristura e desesperación. Esperamos pronto dela a novela prometida que sen dúbida chegará (Foto de Felipe Galego).

É o tempo de escoitar agora a Xosé Abeledo, o Poeta das Terras do Eume, como a min me gusta chamarlle, que non eumés, porque, como el ben sabe, o nome do río, do que escoita acotío a súa canción e cuxas augas flúen tamén en moitos dos seus versos, non é exclusivo da vila de Pontedeume, senón que lle pertence tamén a todas as súas parroquias, aos municipios veciños e irmáns de Cabanas, Monfero, A Capela, As Pontes e mesmo aos pobos que baña a ría de Ares na que o pai Eume quixo morrer. Os seus poemas, sempre intensamente galegos, concisos e profundos, convidan a erguer a vista cara ao alén e a reflexionar sobre as cousas cotiás da vida, que ás veces nos atormentan e mesmo indignan e outras nos enchen de ledicia e pracer. Recitounos “Habanera efímera”, “Xeados de inverno” e “A virxinidade das palabras violentas”.

Alejandra Bellón, sempre fiel voceira dos Murmullos do Eume Lírico, recitounos, a continuación, un poema dedicado ao actor e querido paisano noso, Mateo González Miño, fundador da Compañía Teterella Teatro, que non podería ter un nome máis fermoso e eumés, ao que con dor, emoción e carraxe despedimos esta primavera, porque, como dixo Ramiro Fonte no poema “Tres naipes”, en Capitán Inverno, “A vida é un tafur impenitente / cunha soa obsesión: a de botarnos / un día, sen piedade, da partida”. Vai por ti, Mateo (Foto de Felipe Galego).

E se despois da magnífica actuación da Coral Polifónica Eumesa, comezabamos o recital cos nenos da Escola Unitaria de Ombre, nada mellor que rematar coa súa alumna máis brillante. Non podería ter un broche de ouro máis fermoso e emocionante este acto que a intervención de Eva Veiga, recitando “Primo de li, miei amici”, o poema de Ramiro Fonte en Pensar na tempestade (Foto de Felipe Galego).

Todos sabedes que a nosa paisana de Ombre é unha das mellores plumas da literatura actual, que nos engaiola con versos como estes que din: “Hai un lugar con auga e canaveiras / na miña imaxinación. // É un lugar de difícil acceso / e non sei realmente o que alí acontece. // O meu corazón detense / a unha distancia prudencial / e vólvese xa remando. / Sen afondar”. Así e todo, talvez algún de vós ignore o ben que recita. Eu escoiteina en Santiago o pasado setembro, cheo de eumesa saudade porque era o día de San Miguel de Breamo, e saín de alí realmente emocionado, pola fermosura dos seus poemas pero tamén pola intensidade e paixón que lle poñía ao recitalos.

Graciñas de todo corazón, Eva, “irmá no río que nos leva”, por estares hoxe con nós, por faceres máis grande esta homenaxe, por deixares a alma nos teus poemas e por traernos os versos de Ramiro coa música serea e apaixonada da túa voz, "que é sempre a do Eume".

 

 

 

Añadir nuevo comentario