Usted está aquí

Puentes Deume no mapa do Gallaecia Regnum de Ojea. Aquí buscou e atopou Ramiro Fonte o nome da nosa vila e aquelou este poema

JoseFS

Diante do marabilloso mapa do Reino de Galicia realizado polo cartógrafo Fernando de Ojea no ano 1640, o noso bardo Ramiro Fonte non puido resistir a tentación, coma decote nos acontece a moitos eumeses, de buscar o nome da nosa vila, que por suposto atopou, malia que coa forma Puentes Deume, e fixo a seguinte lúcida e asemade melancólica reflexión:

Patria sobre papel, esta Galicia
sentada nunha rocha deste mundo
que retalla no océano o seu mar;
reino para cen ríos cos seus nomes,
utópico no mapa do cartógrafo,
doloroso e fatal na nosa vida.

Coma a morte, ela está na nosa vida.
Eu busco a miña vila co seu nome
na costa máis dramática do mundo,
que así xulgou o rostro de Galicia
con verídicas liñas o cartógrafo,
e con ollos de nube, sobre o mar.

Esa Rosa dos Ventos polo mar
sabe os camiños todos deste mundo.
Con ela copia os ceos o cartógrafo,
acende estrelas que non teñen vida,
e concédelle ó Reino de Galicia
a herdanza triste dun fermoso nome.

Ramiro Fonte: “Gallaecia Regnum (Sobre un mapa de Fernando Ojea)”, en A rocha dos proscritos, Xerais, Vigo, 2005, p. 246.

Añadir nuevo comentario