Usted está aquí

Pontedeume no I Forum do Camiño de Santiago

JoseFS

Onte visitei en Santiago de Compostela o I Forum do Camiño de Santiago, no que o noso Concello de Pontedeume se fixo presente. Para min foi unha grande alegría porque xa no ano 2008, no meu traballo “El paso por Pontedeume de la ruta jacobea y su incidencia dinamizadora en la villa eumesa”, publicado polas Cámaras de Comercio de los Caminos Jacobeos de España, en II Edición Becas de Investigación Caminos Jacobeos Año 2008, Santiago de Compostela, 2009, p. 37-80, e logo noutro titulado “Tradición xacobea en Pontedeume, unha vila medieval no Camiño Inglés cara a Santiago de Compostela”, en Cátedra, 20, Pontedeume, 2013, p. 201-262, falaba das grandes posibilidades que tiñan de prosperar as vilas medievais como a nosa ao abeiro do Camiño de Santiago.

O primeiro paso, e máis importante, xa se deu en 2010, coa habilitación dun dos almacéns mandados construír na ribeira eumesa polo noso ilustre paisano o arcebispo Rajoy (1751-1772) como albergue de peregrinos, e foi un éxito total, malia que se fixo cun notable retraso porque outras vilas, mesmo máis pequenas e menos desenvolvidas cá nosa, xa o tiñan desde había moitos anos.

Pontedeume, historicamente, reservara catro camas para os peregrinos a Santiago de Compostela, no hospital que na ponte mandara facer no último cuarto do século XIV o primeiro señor da vila, Fernán Pérez de Andrade o Bo, que foi atendido polos frades franciscanos de Santa Catarina de Montefaro ata 1820, cando nunha carta do superior do convento lle comunicou ao alcalde que deixaban esa responsabilidade porque as primitivas cláusulas xa non se cumprían (Debuxos de M. Marín e Fernando Sarmiento).

A vila de Pontedeume ten un enorme e rico patrimonio natural, cultural, artístico e mesmo gastronómico que ofrecerlles aos peregrinos, pero cómpre darlles a coñecer ese potencial. Esta pois é unha importante oportunidade que o Concello soubo aproveitar e desde aquí quero felicitar aos responsables. O libro de Carlos de Castro e Adela García: Pontedeume, Cabanas y comarca, Espino Albar, Pontedeume, 2012, que regalaban, é a mellor tarxeta de presentación que se podía ofrecer; a degustación de melindres e amendoados, á que eu xa cheguei tarde, foi tamén unha magnífica idea; o vídeo promocional estaba moi ben feito; a Guía turística Pontedeume, Cabanas, Fene, presentaba, en castelán e inglés, cousas bastante interesantes, como tamén o facía o folleto Pontedeume, con textos de Carlos de Castro e composición de flopsestudio, só en castelán. Teño que dicir que botei en falta algún material máis relacionado co tema xacobeo e, sobre todo, que non se levase nada en lingua galega (preguntei expresamente se había algunha publicación na nosa lingua e dixéronme que non), xa que se presentaba a vila na capital da nosa terra e na Cidade da Cultura de Galicia. Espero que se poida corrixir o ano que vén.

Na caseta do Xacobeo, collín tamén o folleto do Camiño Inglés. Xa no meu devandito artigo en Cátedra publicado en 2013 denunciaba o deseño totalmente descompensado das etapas −tanto pola dificultade da ruta como polo número de quilómetros− que propoñía na súa páxina web a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo –Ferrol-Neda, 14 quilómetros; Neda-Miño, 24; Miño-Bruma, 38; Bruma-Sigüeiro, 30; Sigüeiro-Santiago de Compostela, 16−, onde se excluía inxustamente á vila de Pontedeume como destino dunha delas, malia contar xa cun albergue do propio Xacobeo desde o ano 2010, en beneficio de Neda e Miño. O folleto non se puido corrixir porque era de 2012, pero na páxina web, que si se pode cambiar, as cousas seguen igual. Penso que Pontedeume non pode consentir esta discriminación, porque o deseño das etapas proposto é seguido por moitos peregrinos, e que cómpre esixir que se mostren todas as posibilidades, sen necesidade de se decantar por ningunha.

Moito animo e a repetir o ano que vén.

 

 

Añadir nuevo comentario