Usted está aquí
Pontedeume na novela A viaxe de Gagarin. Un fermoso e furtivo lugar de encontro co amor prohibido entre Miguel e Francesca no relato de Agustín Fernández Paz
É ben coñecido o amor que lle tiña á nosa vila Agustín Fernández Paz, porque así o deixou por escrito: "É unha evidencia que as persoas somos fieis ás nosas raíces, que se van facendo máis fortes co paso do tempo. E é natural que sexa así, porque a infancia é unha das épocas determinantes da nosa vida. Eu teño as miñas, firmemente asentadas na Terra Cha luguesa, na comarca 'poboada de ventos e carpazas' que tan ben cantou Manuel María. As raíces son irrenunciables, pero non exclúen outros afectos. E todas as persoas que me coñecen saben que, aínda que non nacín en Pontedeume, gústame dicir con todo o orgullo que, dalgún xeito, eu son tamén de Pontedeume [...]. O que nun principio só ía ser un cambio de domicilio máis converteuse, de vagariño, en algo moito máis fondo. E non porque ocorrese nada especial, nada que se arredase do que é a vida cotiá: andar polas rúas, entrar nos comercios, falar coa xente. Pero empecei a sentir a sensación de que, dalgún xeito, eu xa vivía aquí dende sempre; que aquelas rúas, aquelas pedras, aquelas paisaxes, formaban parte das miñas cousas, da miña memoria. Que Pontedeume era tamén o meu lugar, que eu non era un estraño nel (Agustín Fernández Paz: "Onde o mundo se chama Pontedeume", Libro das Festas das Peras 1994, Pontedeume, 1994, p. 25).
Na súa novela A viaxe de Gagarin conta a historia dun matrimonio, que vivía na Coruña co seu fillo Miguel e fora perseguido nos anos sesenta da España franquista polo seu compromiso político. Un dos seus principais acosadores era o xuíz Torrevieja, que presidía o TOP da cidade herculina, pai de Francesca, a rapaza da que Miguel se namorou.
Ante as dificultades de vérense na Coruña, Francesca propúxolle a Miguel que a visitase en Pontedeume, pois pensaba pasar alí a ponte do dezaoito de xullo, na casa duns amigos dos seus pais. "Así que estarei en Pontedeume, lonxe deles, desde o día catorce ata o día vinte e un, a data que me propuxeron para volver -o rostro de Francesca recuperou o sorriso que me engaiolara cando a coñecín-. Se ti podes ir algún deses días, non teriamos ningún problema para estarmos xuntos" (Agustín Fernández Paz: A viaxe de Gagarin, Vigo, 2014, p. 223 e 224).
Miguel coñecía xa Pontedeume e sabía que "a praia de Cabanas non quedaba lonxe; estivera cos meus pais había xa ben tempo e lembraba a existencia do inmenso piñeiral, que chega ata a mesma beira da area. Nada me impedía montar alí unha tenda de campaña; unha tenda acolledora, onde Francesca e mais eu nos poderiamos illar en calquera momento do día" (Idem, p. 225).
(Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana)
Así e todo, a idea da tenda de campaña non lle pareceu axeitada e foi a súa nai a que lle solucionou o problema do aloxamento. "Cando chegues a Pontedeume, tes que agardar pola vila ata que dea a unha. A esa hora, alguén se reunirá contigo ao pé da fonte de pedra que hai na praza do mercado. Non tes perda, que está no mesmo centro" (Idem, p. 227) (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).
En Pontedeume foi Pancho, un amigo correlixionario dos seus pais, o que o levou a unha pensión, "situada noutra praciña, un espazo onde confluían diversas rúas. A praza chamábase das Angustias e tiña no medio un cruceiro moi traballado" (Idem, p. 230).
Miguel houbo de cruzar a vella ponte de pedra para ver a Francesca, que o agardaba no piñeiral do veciño concello de Cabanas. "A ponte serve para salvar o amplo esteiro que o Eume forma na súa desembocadura; é longa, ha ter uns oitocentos metros ben cumpridos, mais atraveseina coma se unha forza estraña me levase polo aire. A brisa que viña do mar, fresca e cargada de salitre, enchíame de azos o corazón" (Idem, p. 233 e 234).
"Pasaba das doce cando volvín cruzar a ponte, desta vez en dirección a Pontedeume. Mentres camiñaba, a miña cabeza non deixaba de lles dar voltas aos pensamentos contraditorios que albergaba. Por unha banda, ilusionábame a promesa que Francesca me acababa de facer: ao día seguinte, iriamos nós os dous e mais Rosa a unha praia escondida á que adoitaban achegarse algunhas mañás. Mais, por outra, non podía deixar de lembrar o meu pai e mais Euricles, agochados nalgún lugar coma se fosen bandidos, nin tampouco a miña nai, que gardara para si todo o sufrimento do tempo en que estivera arrestada" (Idem, p. 236) (Foto de Ángel Cendón).
O día que pasaron naquela caliña paradisíaca si que lle gustou de verdade a Miguel. "Había que coller pola estrada estreita que corre paralela á costa entre Pontedeume e Miño. Tras percorrer uns catro quilómetros, metémonos por un carreiro que había á dereita e que, logo dunha pronunciada costa abaixo, remataba no areal de Centroña. Tratábase dunha praia diminuta, de area finísima, coa auga cor esmeralda, e protexida por uns enormes castiñeiros que asombraban a zona máis retirada do areal.
Esas si que foron horas felices! Tomábamos o sol, bañámonos, buscamos cunchas anacaradas pola beira da auga, comemos os bocadillos e froitas que troxeran... Mesmo puidemos intercambiar algúns bicos e aloumiños, aproveitando o tempo que Rosa decidiu bañarse soa e durante uns minutos desapareceu da nosa vista" (Idem, p 237).
"Na mañá do domingo, a familia de Rosa ao completo desprazouse a Pontedeume para asistir á misa de doce na igrexa parroquial, e Francesca tamén os acompañou" (Idem, p. 238).
"Tal como acordamos pola tarde, ás doce e media da noite eu agardaba entre os piñeiros de Cabanas [...]. Lancei un breve asubío e Francesca, tras abrir a cancela, correu ata onde eu estaba [...]. Atravesamos o piñeiral en silencio, entre as siluetas escuras dos troncos, fantasmas inmóbiles da noite. O aire estaba calmo, non se movía nin unha folla. Ao chegar á area, Francesca guioume a un lugar entre as dunas, oculto ás miradas de calquera que camiñase a aquelas horas pola praia [...]. Despois estendeu o saco por debaixo da toalla e descorreulle a cremalleira. Descalzámonos e introducímonos nel. Volvín subir a cremalleira e acomodeime naquel improvisado leito de area. Despois permanecemos inmóbiles durante algúns minutos, gozando daquela inesperada intimidade [...]. Fronte a nós, o mar, movéndose en ondas que morrían na area mansamente, cun rumor rítmico que acougaba o corazón [...]. Non relatarei aquí todos os momentos desa noite, hai sentimentos e sensacións que non son para contar [...]. Mellor será quedar co fulgor daquelas horas en que fun feliz e o amor por Francesca me atrapou para sempre" (Idem, p. 243-245) (Foto de Carmen Rodríguez Pena).
"A miña vida non ficou no areal de Pontedeume, naquel afastado amencer que seguirá á noite en que se conquistou a Lúa. Contar canto me ocorreu despois daría para encher ducias de cadernos. E non digo porque me sucedesen feitos extraordinarios, que eses foron escasos, senón porque calquera vida, por gris que sexa, dá para varios cadernos se hai vontade de contala.
Nunca máis volvín ver a Francesca" (Idem, p. 250).
Añadir nuevo comentario