Usted está aquí

Pontedeume El amor entre en rio y una ria. Un artigo de Olga Rico na contraportada do ABC

JoseFS

A eumesa Olga Rico Cadavid publicou o vinte e catro de agosto de 2014, na contraportada do xornal ABC, unha fermosa columna sobre a nosa vila, titulada “Pontedeume. El amor entre un río y una ría”. Coa natural habelencia e calidade literaria que mostra sempre nos seus traballos, presenta a vila, a ponte e o río que lle dan nome e a ría Ares, a súa namorada coa que se funde en amoroso bico na súa desembocadura. O marabilloso artigo está moi ben escrito, con boa prosa, en ordenado e fermoso discurso, e polas súas liñas abrolla sempre a paixón. Invita ao lector a gozar do noso rico patrimonio natural, co monte de Breamo, as fragas e o río Eume, as praias, a ría de Ares, o golfo Ártabro −onde Deus deixou gravada a súa man coa creación das catro rías− e as fermosas paisaxes; o patrimonio histórico-artístico, ligado á casa dos Andrade, coa actual ponte de pedra de quince arcos reconstruída sobre a espléndida de sesenta e oito mandada facer polo Bo e que foi unha das máis sobranceiras da península Ibérica no século XIV, o Torreón, o castelo de Andrade na pena Leboreira, ou as rúas medievais, e á Igrexa, co templo parroquial reedificado polo arcebispo Raxoi ou a capela románica de San Miguel de Breamo; o literario, coa beleza das lendas; o musical, co ronco e festeiro son das gaitas; o etnográfico, co rito deambulatorio das voltas arredor da capela na romaría de San Miguel ou a ardentía das augas nas noites de agosto e setembro; e mesmo o gastronómico, cos melindres, amendoados, biscoitadas, tortilla, empanada e bota de viño; e resulta unha auténtica delicia.

Aquí podedes velo na súa versión orixinal, que é o mellor. Así e todo, eu quixen traducilo para que esta xoia se puidese ler tamén na nosa lingua.

Pontedeume. O amor entre un río e unha ría

Cando chegamos a Pontedeume, nos recibe un universo ateigado de matices e contrastes. Podo dicir que, pola súa historia; os seus montes; o río Eume, inmerso nas marabillosas fragas, e pola ría de Ares, Pontedeume nos ofrece un veraneo á carta.

Hoxe levanteime cedo para gozar dun agradable paseo polas súas rúas estreitas, baixo os antigos soportais. Subo cara á igrexa e vénme o arrecendo dos doces típicos: amendoados, melindres, biscoitadas (Foto de Aurora Lapique).

Baixo de novo e vou á praza do Conde para visitar o señorial Torreón. Este edificio cheo de historia acolle a oficina de turismo. Desde a súa terraza, vexo a desembocadura do río Eume e a emblemática ponte de pedra que lle dá nome á vila. Quedo pensativa e a historia do río e mais da ría antóllaseme unha historia de amor (Foto de Carmen Rodríguez Pena).

O río Eume sería o amante, bravo, misterioso, señor do bosque atlántico mellor conservado de Europa: as Fragas do Eume, que o acompañan, ofrecéndolle unha vexetación autóctona e unha fauna única. Esta paraxe é dunha beleza indescritible.

A ría de Ares sería a súa amada, fermosa, feminina e ás veces esquiva. É dona de múltiples e variadas praias. Unhas son de area mollada e penas artisticamente esculpidas por ela mesma. Outras, de areas douradas, como a de Ber, e a praia da nosa veciña Cabanas, de augas tranquilas, areas branquísimas e acoutada por un frondoso piñeiral que a fai única. Así e todo, a nosa ría é apaixonada e séntese atraída polo murmurio do río que lle fai as beiras. Coa axuda das mareas vivas, chamadas Lagarteiras, que actúan de alcaiotas, a nosa namorada acéndese coa luz da lúa, propiciando que os máis destemidos bañistas que nadan nas frescas augas da noite vexan o singular fenómeno de arder as augas, a ardentía.

Volvo a mirada cara ao pobo e observo o monte de Breamo, en cuxa aba repousa a nosa vila. Os días nos que se celebra a romaría de San Miguel os eumeses subimos ata a ermida do románico galego que se atopa situada na cima. Ao chegar recíbenos a música das gaitas. Éche unha romaría coma as de antes, de bota de viño, tortilla e empanada. E a tradición di que os namorados deben dar sete voltas á capela, silandeiros, se queren casar. Eu dou fe de que é certo.

Á saída do Torreón miro cara ao ceo: hoxe está solleiro. É un día excelente para visitar o castelo de Andrade e quedar extasiado coas espectaculares vistas. As maxestosas rías fan boa a lenda que afirma que a Deus lle gustou tanto a nosa costa que pousou a súa man sobre ela e entre os seus dedos agromaron as catro rías que desde alí se contemplan.

Veranear en Pontedeume permítenos gozar de todos os nosos sentidos; e comprácenos se imos na procura de tranquilidade, bo xantar, longos paseos, fermosas praias ou se queremos practicar múltiples deportes, quer acuáticos quer de montaña, no medio de paisaxes paradisíacas.

Olga Rico

   

Añadir nuevo comentario