Usted está aquí

Pontedeume e os tres Santiagos dos que falaba Castelao

JoseFS

Castelao constata a imaxe eminentemente viaxeira, peregrina e pacificadora que a figura do Apóstolo ten en toda Europa e a galega, sedente e en maxestade no trono da Gloria, en aberta antítese coa do matamouros que representa a épica castelá. Así, o vinte e cinco de xullo de 1923, co gallo da festividade de Santiago, publica un debuxo na primeira páxina do diario Galicia, de Vigo, titulado Os dous espritos, no que o Santiago cabaleiro aparece etiquetado como “O d-eles”, referíndose aos españois que defenden esta imaxe guerreira inspirada na súa aparición a prol das tropas cristiás contra os sarracenos na batalla de Clavijo, e contrapono ao Santiago en maxestade, ao que lle chama “O Noso”, evanxelizador e defensor do espírito de concordia, inspirado no do parteluz no Pórtico da Gloria, en cuxo nimbo relocen os sete brillantes representativos das antigas provincias galegas vixentes ata 1883, A Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, que tamén figuran no escudo de Galicia en forma de cruces rodeando o Cáliz e a Hostia que simbolizan o Santo Graal e o milagre do Cebreiro.

Aínda que o certo é que o Santiago do Pórtico da Gloria ten nove brillantes e non os sete que debuxa Castelao para os identificar coas antigas provincias galegas, entre outras cousas porque no século XII Galicia non tiña esta división territorial, a figura que representa ao Apóstolo en maxestade foi a máis querida polos vellos galeguistas.

Os tres modelos iconográficos de Santiago dos que falaba Castelao, que atopamos xuntos no altar maior da catedral compostelá, foron tamén plasmados na vila de Pontedeume.

A representación galega do Apóstolo en maxestade está esplendidamente esculpida en pedra no corpo central do retablo do altar maior da igrexa parroquial e no cruceiro da praciña das Angustias, e finamente labrada en madeira no lado do Evanxeo do retablo do altar maior da capela das Virtudes.

O modelo europeo de peregrino aparece na igrexa parroquial, na nave do Evanxeo, no ático do retablo do Sagrado Corazón de Xesús.

Pola súa parte, a imaxe española de Santiago matamouros foi mandada gravar en relevo polo arcebispo Bartolomé Rajoy (1751-1772) na fachada da igrexa parroquial eumesa cuxa reedificación patrocinou e pode verse tamén no magnífico conxunto escultórico procesional realizado segundo o modelo que evoca a mítica batalla de Clavijo e se garda, case clandestinamente, na entrada deste templo, no lado do Evanxeo.

Fóra da vila, pero no Concello de Pontedeume, hai unha valiosa talla en madeira de Santiago peregrino no altar maior da igrexa parroquial de Boebre, e nos fustes pétreos dos cruceiros do Muíño, na parroquia de Santa María de Centroña, e do Falucho, no Camiño de Breamo, na antiga casa do noso lembrado Tito Ríos, aparece tamén labrada esta imaxe do Apóstolo co Libro e o bordón coa cabaza.

Nos cruceiros chantados nos adros parroquiais de Santiago de Boebre e de Santa María de Centroña, están así mesmo esculpidas en maxestade, no fuste, dúas representacións do Apóstolo sedente no trono celestial.

Ademais, a nave do Evanxeo da igrexa parroquial de Santiago de Boebre alberga, exento, un sinxelo conxunto procesional de Santiago cabaleiro brandindo a súa espada vencedora contra os mouros infieis e o lábaro do exército cristián do rei Ramiro I (842-850) ao que socorreu na batalla de Clavijo.

 

 

 

 

Añadir nuevo comentario