Usted está aquí

Pontedeume de vila de reguengo a señorio dos Andrade

JoseFS

O dezanove de decembro de 1371 Pontedeume perdía a súa condición de vila de reguengo que Afonso X o Sabio (1252-1284) lle outorgara, por un privilexio asinado en Guadalfaiara (Guadalajara) o trinta de decembro de 1270, e pasaba a depender de Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, o seu primeiro señor, por mor doutro privilexio asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379), chamado o Fratricida, o das Mercedes ou o Bastardo, no que se dicía que "por conoçer a vos Fernand Peres de Andrade, qoanta lealtad en vos fallamos de fianza que en vos fezimos e por quanto afan ovistes e aueys tomado por nuestro serviço e por vos dar gallardon dello, e por bos fazer bien e merçed por muchos e buenos e leales e muy grandes serbiçios que nos fazedes e fezistes de cada dia, porque vos e los de vuestro linage valgades mas e seades mas honrrados e ayades con que nos podades mejor serbir, e finque en remembrança para otros que lo supeieren e oyeren, auiendo voluntad de vos heredar en los nuestros regnos, damosvos por juro de heredad para agora e para siempre jamas, para vos e para vuestros herederos e para los que de vos vinieren los lugares de la Puente d’Ume e Ferrol, que son en Galliçia […]. E de hoy dia que este privilegio es dado vos damos e apoderamos en la tenençia e posesión e propiedad e señorio de todas las cosas que dichas son e de cad una dellas que vos damos, como dicho es" [co propósito de recoñecervos a vós, Fernán Pérez de Andrade, toda a lealdade que en vós atopamos e a confianza que en vós puxemos e por canto afán tivestes e tomastes ao noso servizo e para recompensarvos por iso e por vos facer un agasallo polos moitos, importantes, leais e moi grandes servizos que nos facedes e fixestes acotío, para que vós e os da vosa liñaxe vallades máis e sexades máis honrados e atopedes con que vos podades servir mellor, e para que así conste para outros que o souberen e o escoitaren, co propósito de que vos poidan herdar nos nosos reinos, dámosvos por xuro de herdadanza para agora e por sempre xamais, para vós e os vosos herdeiros e para os que de vós viñeren os lugares de Pontedeume e Ferrol, que están en Galicia […]. E desde o día de hoxe que este privilexio vos foi dado dámosvos e apoderámosvos na tenencia e posesión e propiedade e señorio de todas as cousas que ditas son e de cadansúa que vos damos, como dito é] (Tomado e traducido de José Francisco Correa Arias: Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social, Noia, 2004, p. 242 e 243).

En opinión do Padre Placer, "Pontedeume naceu para ser libre; pero a súa liberdade duroulle ben pouco, desde 1270 a 1371 [...]. Ademais da paisaxe, presidiu na súa fundación unha idea de comercio […]. Os fundadores de Pontedeume tiveron visión e misión; visión da realidade e misión do destino [...]. A independencia de Pontedeume foi unha epopea […]. Un Rei Sabio déranos foros e un rei fratricida quitóunolos. O día dezanove de decembro de 1371, o señorío de Pontedeume coas súas aldeas, termos e xurisdicións, pasou a pertencerlle á Casa de Andrade [...]. Fernán Pérez o Bo foi home de rapina e Pontedeume, a súa boa presa. Concedamos que baixo o seu feudalismo, e o dos outros condes, a vila vivira a súa época brillante, da que nos quedaron vestixios históricos de importancia. Todo foi regueiro de luz de estrela fugaz" (Tomado e traducido de Gumersindo Placer López: Crónicas de mi rincón natal, Pontedeume, 1977, p. 51 e 52).

Non comparte este parecer Couceiro Freijomil, que, para destacar esta época de esplendor, pon como exemplo unha lenda que lle atribúe a Fernán Pérez de Andrade o Bo a construción de sete igrexas, sete mosteiros, sete hospitais e sete pontes en sete ríos caudalosos. "A historia non chega tanto aló como a lenda; pero, no que a isto toca, o certo é que non queda moito atrás […]. Por estes feitos, a historia do primeiro señor de Pontedeume ten unha importancia excepcional" (Antonio Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume e a súa comarca, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, p. 122 e 123).

Desde a fusión da Casa de Andrade coa de Lemos en 1576, pensa o noso cronista que "a historia de Pontedeume é preferentemente interna e local. Tomando os novos señores asento noutro lugar, a vida da bisbarra experimentara unha radical transformación; perdidos os factores de prosperidade que os Andrade lle subministraban, limítanse en adiante a vivir a conta dela propia, perdendo bastante da súa antiga sona e do seu esplendor […]. Os nobres foxen dos seus estados e procuran na corte máis amplo campo ó xénero de vida, tan distinto, que as circunstancias impoñían. Así, a terra eumesa vive desde agora desvencellada dos seus novos amos, fóra da intervención que estes tiñan no nomeamento de cargos do concello e na percepción de rendas que o señorío producía" (Idem, p. 271).

Así pois, sexa cal for a opinión que cadaquén teña dos tempos dos Andrade na vila, o certo é que todos coinciden en aquela fusión coa Casa de Lemos non foi boa para Pontedeume, que hoxe, libre xa de señores e doutros sometementos, quere ser dono do seu porvir, como ben expresara, xa en febreiro de 1978, o meu benquerido profesor Xoán Xosé Fernández Abella no poema que á vila lle compuxera:

Un milagre de beleza

é a vila de Pontedeume,

con pegadas dos Andrade

tan só nas pedras, pois quere,

señora do seu destino,

ir ao seu futuro ceibe.

Xoán Xosé Fernández Abella: "Pontedeume (A Ignacio Dosil Felípez)", en Poemas de amor, loanza, condena e outros, Santiago de Compostela, 2011, p. 56.

 

Añadir nuevo comentario