Usted está aquí
Pesar polo pasamento de Agustin Fernandez Paz. Viviu en Pontedeume e amou a nosa vila, da que se sentía parte
O pasamento de Agustín Fernández Paz é unha moi triste nova para Pontedeume que o tivo por veciño nos noventa do pasado século durante varios anos e por veraneante despois. Sempre levou no corazón a nosa vila. Sentíase eumés e mesmo fixo de Pontedeume o escenario de varios dos seus libros e a inspiración daquela vila ficticia chamada Pontebranca, que "é e non é Pontedeume", como dicía naquel artigo titulado "Onde o mundo se chama Pontedeume", que publicou no Libro das Festas das Peras de 1994, páxina 25, e que agora reproducimos a xeito de homenaxe.
É unha evidencia que as persoas somos fieis ás nosas raíces, que se van facendo máis fortes co paso do tempo. E é natural que sexa así, porque a infancia é unha das épocas determinantes da nosa vida. Eu teño as miñas, firmemente asentadas na Terra Cha luguesa, na comarca "poboada de ventos e carpazas" que tan ben cantou Manuel María. As raíces son irrenunciables, pero non exclúen outros afectos. E todas as persoas que me coñecen saben que, aínda que non nacín en Pontedeume, gústame dicir con todo o orgullo que, dalgún xeito, eu son tamén de Pontedeume.
E dígoo porque esta vila da beiramar, un microcosmos no que está encerrada Galicia enteira, exerce en min unha fascinación sobre a que me teño interrogado ben veces. Unha fascinación que, se ben xa estaba presente, dun xeito soterrado, dende moito antes, se me revelou con toda evidencia a primeiros do ano noventa e dous, cando vin vivir a Pontedeume.
O que nun principio só ía ser un cambio de domicilio máis converteuse, de vagariño, en algo moito máis fondo. E non porque ocorrese nada especial, nada que se arredase do que é a vida cotiá: andar polas rúas, entrar nos comercios, falar coa xente. Pero empecei a sentir a sensación de que, dalgún xeito, eu xa vivía aquí dende sempre; que aquelas rúas, aquelas pedras, aquelas paisaxes, formaban parte das miñas cousas, da miña memoria. Que Pontedeume era tamén o meu lugar, que eu non era un estraño nel (Foto de Aurora Lapique).
Agora sigo tendo esa mesma sensación, aínda que a miña situación persoal cambiase e só viva en Pontedeume durante algunhas épocas do ano, as que coinciden cos períodos vacacionais. Pero a vila xa é para min unha referencia inevitable. E cada vez que volvo a ela, dende a Galicia do sur, sei que me agarda algunha descuberta nova. Porque Pontedeume aínda garda para min moitos segredos, que se me van desvelando pouco a pouco: unhas pedras nas que non reparara ata agora, unha perspectiva distinta, un camiño descoñecido para min...
Na tranquilidade desta vila, tan propicia para a creación, naceron tamén algúns dos meus libros. E non só os que escribín aquí; quen coñeza Pontedeume e lea atentamente os meus libros, atopará referencias que lle soarán a coñecidas. E non porque traslade a vila ó que eu escribo, xa que a escrita ten unha dimensión autónoma e as historias ou os espacios das novelas non existen máis que na ficción que se crea coas palabras.
Pero nalgúns dos meus libros (As flores radioactivas e Rapazas, sobre todo), sentín a necesidade de crear un espazo de ficción, ó que chamei Pontebranca. Pontebranca é e non é Pontedeume. Explícome: o lugar de ficción no que sitúo as historias, un lugar moi ben definido na miña cabeza, ten elementos que tomo prestados do que é Pontedeume e a súa bisbarra: diversos topónimos, certas paisaxes, algúns lugares e ambientes... Pero, ó mesmo tempo, modifico e altero ese espacio, integro nel outros elementos novos, outras experiencias e paisaxes que vivín ou inventei; dese xeito, o espacio físico resultante, a vila de Pontebranca, acaba sendo algo que só é real na miña cabeza e nos relatos que escribo. Pero que lle debe moito a esta vella vila noutrora dominada polos Andrade, que tamén mandaban en Vilalba, que me viu nacer.
Dicía Vicente Risco que "Galicia é un mundo. Cada terra é como se fora un mundo enteiro. E cada vez que a andes has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves". Parafraseando a Risco, eu tamén podería dicir que para min Pontedeume é un mundo. Un mundo do que, felizmente, aínda me quedan moitas cousas por descubrir.
Agustín Fernández Paz
Añadir nuevo comentario