Usted está aquí

Os Reis Magos en San Fiz de Solovio

JoseFS

Esta epifanía policromada no tímpano románico do pórtico da igrexa compostelá de San Fiz de Solovio, que representa aos Reis Magos como os primeiros peregrinos da cristiandade, foi levantada no lugar onde vivía recollido o eremita Paio, que atopou nas súas inmediacións, no bosque de Libredón, os sagrados restos do apóstolo Santiago e dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.

A Virxe, coroada de gloria, agarima no seu colo ao Salvador, que leva a coroa dun reino que non é deste mundo. Á súa esquerda, un pastor axeonllado adora ao Neno e san Xosé observa compracido, sentado e sostendo na man o seu bastón. Á dereita, o rei Melchor, que quitou a súa coroa en sinal de respecto ao redentor do mundo, entrégalle o ouro; ao seu carón, Baltasar, de pé, fai ademán de quitarse tamén a súa coroa porque está próximo o seu momento; e en terceiro lugar aparece Gaspar, tamén en pé, co cofre de incenso nas mans e a coroa na cabeza, esperando a súa quenda.

Hai tamén en Santiago de Compostela outro pórtico que representa a Adoración dos Magos na miña antiga facultade de Filoloxía, hoxe de Filosofía, e unha epifanía, na capela da Corticela, parroquia de todos os peregrinos que veñen onda a tumba do Apóstolo, na catedral.

Añadir nuevo comentario