Usted está aquí
Os reis Filipe I o Fermoso e Xoana I a Tola en Pontedeume. Visitaron a vila acompañados polo conde don Fernando de Andrade
Un relato anónimo, recollido por García Mercadal en Viajes de extranjeros por España y Portugal, narra en castelán, e eu traduzo á nosa lingua, a viaxe desde Bruxelas ás Españas dos reis Filipe I o Fermoso e Xoana I a Tola a Castela, para tomar posesión dos seus reinos despois da morte da raíña Isabel I de Castela, alcumada a Católica (Filipe o Fermoso e Xoana a Tola, do mestre Affligem).
"No mes de decembro do ano 1504, o señor arquiduque de Austria e duque de Borgoña, estando na súa cidade de Bruxelas coa señora dona Xoana de Castela, a súa esposa, chegáronlle novas da morte da moi nobre, moi excelente, moi virtuosa e moi católica princesa, a raíña Isabel I de Castela, a súa nai (O testamento de Isabel a Católica, de Eduardo Rosales).
Despois destas noticias, mandaron facer en Bruxelas un solemnísimo e suntuoso funeral, e logo tomaron as armas e os títulos de rei e raíña de Castela, de León, de Granada, etcétera [aquí estaría incluído, aínda que non nomeado, o reino de Galicia], tal como de razón era, porque os devanditos reinos lle corresponderan á dona Xoana como filla maior e herdeira da raíña Isabel, a súa nai, e foran recibidos dous anos antes alí como príncipes e herdeiros aparentes, na viaxe que fixeran para ver ao rei de Aragón, o seu pai, e á moi católica raíña, a súa nai" (Sepulcro de Filipe o Fermoso e Xoana a Tola na catedral de Granada).
O rei Filipe o Fermoso e a raíña Xoana a Tola "chegaron o domingo vinte e seis de abril de 1506, contra as dúas da tarde, á baía da Coruña. Cando os da cidade viron as bandeiras e enseñas de Castela, foron en barcos cara ao mar para saber quen viña [...] e, ao comprobar que eran o seu rei e a súa raíña, ben sabe Deus qué alegría mostraron e que non aforraron en pólvora dos canóns para o celebrar, tanto dos da cidade coma dos dos castelo. E foron onda o rei e a raíña os alcaldes e correxedores da cidade con gran reverencia e ofrecéronlles as chaves e obediencia coma o seus reis [...] (Foto de Diego Delso).
O día seguinte, luns vinte e sete de abril de 1506, contra as dúas da tarde, o rei, a raíña e todo o seu séquito puxeron pé en terra e os habitantes da cidade, axeonllados, xuraron e recoñeceron ao rei e á raíña coma os seus príncipes e señores e mostráronlles por escrito o xuramento que tiñan costume de facer os reis de Galicia. Rogáronlles que fosen á igrexa onde, consonte a tradición, eran recibidos os reis e facían o xuramento e pregáronlles que o fixesen. O rei, indo alí coa raíña con gran pompa e triunfo, non adiou o facelo; así e todo, a raíña non quixo oír nada daquilo, polo que os habitantes da Coruña quedaron avergoñados e perplexos. Non obstante, pedíronlles que xamais aceptasen entregar a vila e o castelo nin consentisen que fosen separados da coroa do reino de Galicia. A raíña non mostrou estima por eles nin pola súa petición, mais o rei animounos de tal xeito que se mostraron satisfeitos [...] (Acuarela da Coruña de Pier Maria Baldi).
E pouco tempo pasou ata que o conde [de Vilalba] don Fernando [de Andrade e Pérez das Mariñas], lugartenente e gobernador de Galicia, chegase alí en gran triunfo e fose ben recibido polo rei [...].
Diariamente chegábanlle noticias a Filipe o Fermoso de que o rei don Fernando de Aragón estaba en Villafranca, ao pé das montañas de Galicia, e que viña a Santiago para estar máis preto do seu fillo e reunirse con el alí. Outros dicían que o rei don Filipe enviara a decirlle que non pasase as montañas, pois sería para el un penoso traballo. Outros aseguraban que puxeran unha boa e forte gornición en Villafranca e que non permitirían que o rei Filipe pasase e entrase en Castela. Outros sostiñan que, se o rei Fernando viñese á Coruña, o seu fillo Filipe tiña a intención de envialo a Flandres dentro dos seus navíos que aínda estaban na baía da Coruña. Así e todo, crer a uns ou a outros sería unha tolemia; eu limítome a recoller todo o que se dixo (Fernando o Católico, de Michael Sittow).
O rei Filipe marchou da Coruña o xoves vinte e oito de maio e foi a Betanzos. O día seguinte estivo en Pontedeume e o sábado, noite de Pentecoste, chegou á cidade de Compostela, onde descansa o corpo de Santiago, en cuxo lugar foi moi grandemente recibido e benvido".
Tomado e traducido de "Segundo viaje de Felipe el Hermoso a España en 1506 (Anónimo)", en García Mercadal: Viajes de extranjeros por España y Portugal, Salamanca, 1999, t. I, p. 517-541.
Añadir nuevo comentario