Usted está aquí

Os motivos do sorriso de Daniel

JoseFS

Parece claro que o sorriso cativador e algo retranqueiro que o Mestre Mateo lle puxo ou fixo poñer a Daniel é debido ao episodio que este mesmo profeta nos relata no seu libro, no que conta a súa reacción (Libro de Daniel, 14, 7, e 14, 19) cando lle demostrou ao rei Ciro o Persa que eran os sacerdotes e as súas familias os que comían e bebían as ofrendas que o pobo lle presentaba a Bel e non o ídolo, como todos pensaban.

Esta é a pasaxe que eu traducín á nosa lingua: “Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel, en cuxo honor gastaban diariamente máis de seis hectolitros de flor de fariña, corenta ovellas e máis de dous hectolitros de viño. Tamén o rei lle rendía culto e ía adoralo acotío. Como Daniel só veneraba ao seu Deus, o rei díxolle un día: ‘¿Por que non adoras a Bel?’. El respondeulle: ‘Eu non adoro ídolos feitos pola man humana, senón ao Deus vivo, creador do Ceo e máis da Terra e señor de todo o vivente’. O rei díxolle: ‘¿Pensas que Bel non é un deus vivo? ¿Non ves canto come e bebe cada día?’. Daniel respondeu rindo: ‘Non te enganes, rei; este Bel é barro por dentro e bronce por fóra e non comeu xamais’. O rei, cheo de cólera, chamou os sacerdotes do ídolo e díxolles: ‘Se non me dicides quen é o que come estas ofrendas, morreredes; mais se demostrades que é Bel o que as come, morrerá Daniel, por blasfemar contra el’. Daniel díxolle ao rei: ‘Fágase consonte a túa palabra’. Eran setenta os sacerdotes de Bel, sen contar as súas esposas e fillos. O rei e Daniel foron onda o templo de Bel e os seus sacerdotes lles dixeron: ‘Mirade, nós marchamos de aquí e ti, noso rei, fai que se dispoñan na mesa os manxares e o viño ofrendados, logo pecha a porta e precíntaa co teu selo. Se mañá cedo, cando volvamos ao templo, vedes que Bel non comeu todo o que estaba servido, nós quedaremos sentenciados a morte; no caso contrario, será Daniel o condenado a morrer porque mente contra nós’. Os sacerdotes estaban tranquilos porque fixeran debaixo da mesa unha abertura secreta pola que entraban regularmente e comían e bebían as ofrendas. Cando saíron, o rei fixo depositar as viandas e o viño diante de Bel. Así e todo, Daniel mandoulles aos seus criados que trouxesen cinza e que a ciscasen cunha peneira por todo o templo en presenza do rei. Logo saíron, pecharon a porta, precintárona co selo real e marcharon.

Durante a noite, os sacerdotes entraron, como o facían decote, coas súas esposas e fillos, e comeron e beberon todo. Coa alba do día, o rei foi onda o templo acompañado por Daniel e preguntoulle cando chegaron: ‘¿Daniel, están intactos os selos’. ‘Están, meu rei’, respondeulle Daniel. Abriron a porta e o rei botou unha ollada e exclamou a grandes voces: ‘¡Grande es, Bel, e non hai en ti engano ningún!’. Así e todo, Daniel riu, detivo ao rei para que non entrase e logo dixo: ‘Mira ben o pavimento e comproba de quen son esas pegadas’. O rei, moi sorprendido, respondeu: ‘Vexo pegadas de homes, mulleres e nenos’. Cheo de carraxe, o rei fixo apresar os sacerdotes, coas súas mulleres e fillos, que admitiron o engano e lle mostraron a porta secreta pola que entraban a consumir o que había na mesa. Así pois, o rei mandou matalos a todos e entregoulle a Daniel a imaxe de Bel, que a destruíu xuntamente co seu templo” (Libro de Daniel, 14, 3-22) (Están destacados en letra grosa os dous momentos nos que Daniel ri).

Así e todo, contan en Santiago de Compostela que unhas rimas populares no século XVIII lle atribuían o sorriso de Daniel ao feito de que lle gustaba moito ter á súa vista á raíña de Saba que o Mestre Mateo lle colocara diante del nunha das columnas do pórtico. Hai quen asegura, e moitos investigadores son os que o avalan, que un arcebispo do século XIX mandou rebaixar o tamaño dos seos da raíña para atenuar a súa voluptuosidade.

Sexa como for, o certo é que Daniel non deixou por iso de sorrir.

Añadir nuevo comentario