Usted está aquí

Os franciscanos na capela e o hospital da ponte medieval eumesa

JoseFS

Conta a tradición e así o recolle tamén o capítulo IV das Fioretti de san Francesco, un fermoso libro anónimo do século XIV que presenta os principais acontecementos da vida do santo [a imaxe de arriba é a da talla que se aloxa no retablo de Nosa Señora do Rosario na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume] e foi marabillosamente traducido á nosa lingua por Darío Xohán Cabana co gallo do oitavo centenario da súa peregrinación a Santiago de Compostela, que hai oitocentos anos, en 1214, “no principio e fundación da Orde, cando había poucos frades e non se estableceran aínda os conventos, san Francisco, pola súa devoción, foi a Santiago de Galicia, e levou canda el algúns frades […]. Chegados aló, e estando de noite en oración na igrexa de Santiago, foille revelado por Deus a san Francisco que debía fundar moitos conventos polo mundo, porque a súa Orde se debía dilatar e medrar en grande multitude de frades. E por esta revelación empezou a fundar conventos naquelas terras” (Darío Xohán Cabana (trad.): As floriñas de san Francisco, Santiago de Compostela, 2013, p. 23).

En 1239 xa había unha comunidade de frades franciscanos en Compostela, na imaxe o actual convento, e a Orde comezaba a espallarse por Galicia, Aragón e Castela, especialmente nos lugares polos que pasaban os peregrinos que transitaban polo Camiño de Santiago.

Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo porque unha lenda lle atribúe a construción de sete pontes en sete ríos caudalosos, sete mosteiros, sete igrexas e sete hospitais, foi un decidido impulsor do Camiño Inglés a Santiago, no que levantou moitas destas obras como as pontes de Xuvia, O Burgo, Ponte do Porco, Ponte Baxoi, Lambre, Pontedeume e parte da de Sigüeiro, ou mosteiros franciscanos como os de Betanzos, en cuxa igrexa está enterrado e que aparece na imaxe, ou Ferrol.

Así e todo, talvez a obra máis importante que o Bo patrocinou foi a espléndida ponte de Pontedeume, que pode verse no marabilloso debuxo que Fernando Sarmiento Calvo realizou consonte o rigoroso estudo de Correa Arias, e que chegou a ter sesenta e oito arcos e a dispoñer dunha capela e un hospital, entre os arcos vinte e vinte e dous, comezando a contar desde a parte de Pontedeume.

Un privilexio de vinte de marzo de 1384 asinado polo rei Xoán I (1379-1390), que foi recollido por Vaamonde Lores, confirma que Fernán Pérez de Andrade mandou facer con cargo ao seu peculio a ponte eumesa e que se comprometía a levantar alí unha capela e un hospital para pobres e peregrinos e a os dotar para sempre co décimo da madeira, os impostos do portádego da vila e o recadado nas misas celebradas na capela (Vaamonde Lores: Ferrol y Puentedeume. Escrituras referentes a propiedades adquiridas por el Monasterio de Sobrado en dichos partidos durante los siglos XII, XIII y XIV, A Coruña, 1909, p. 77) (Retrato do rei Xoán I, conservado no Congreso dos Deputados de España).

Tamén dá fe de que o Bo impulsara esta magna construción unha inscrición que se fixo gravar no xabaril colocado xunto co oso, símbolos ambos os dous da Casa dos Andrade, nos ocos dos tallamares, entre os arcos segundo e terceiro, contados desde a orela eumesa, onde se pode ler, consonte a transcrición que fixo Antonio de la Iglesia: EN NA ERA DE MIL E CCCLXXX. ANO9 [TRESCENTOS OITENTA ANOS], / DA NACENZA DE / NOSO SENOR IESU XUO [CRISTO] / POR ABRIL COMEZADA E / ACABARONA EM SEIS AN9 [ANOS] ESTA / PONTE (Antonio de la Iglesia: El idioma gallego, su antigüedad y vida, t. II, A Coruña, 1886, p. 58).

O Bo encomendoulles o coidado e a atención desta capela e do hospital do Espírito Santo, recreado por M. Marín tomando como base tamén os traballos de investigación do profesor Correa Arias, aos frades franciscanos do convento de Santa Catarina de Montefaro que o primeiro señor de Pontedeume fundara, nos anos oitenta do século XIV, no vello mosteiro que alí mandara facer a mediados do XII o conde Pedro Osorio da Casa dos Traba, cando aínda san Francisco non nacera. Os frades debían reservar catro camas para os peregrinos do Camiño Inglés a Santiago de Compostela (Fotos de Santa Catarina de Montefaro publicadas por S. F. no grupo "Mi pueblo es Ares" de Facebook).

Despois de máis de catrocentos anos prestando, unhas veces mellor e outras peor, ese servizo, en 1820, o superior do convento de Santa Catarina de Montefaro envíalle unha carta ao alcalde da vila na que lle comunica que a Orde franciscana renuncia á súa encomenda porque o hospital xa non estaba en uso e tampouco non se cumprían as primitivas condicións para atender a capela.

O hospital foi demolido en 1841 e a capela en 1867, para construír a nova ponte.

Añadir nuevo comentario