Usted está aquí

O título de conde de Andrade e a union das Casas de Andrade e Lemos coa de Alba

JoseFS

O dezanove de decembro de 1371, Pontedeume perde a súa condición de vila de reguengo, que o rei Afonso X o Sabio (1252-1284) lle concedera o trinta de decembro de 1270, e pasa a ser señorío dos Andrade por un privilexio asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379) en favor de Fernán Pérez de Andrade o Bo, o seu primeiro señor, que quixo descansar para sempre na igrexa de San Francisco de Betanzos que el mesmo fundara. 

O vinte e dous de marzo de 1486, consonte os datos que me proporciona a Casa de Alba a través de don José Manuel Calderón, a raíña Isabel I a Católica (1474-1504), concédelle a don Diego de Andrade, sétimo señor da vila de Pontedeume, o título de conde de Vilalba. Os seus restos descansan na igrexa de Santa María de Monfero, baixo unha lápida onde aparece labrada a súa figura coa armadura de cabaleiro, a espada na man destra e na esquerda o escudo da casa dos Andrade, coa lenda AVE MARIA GRACIA PLENA DOMINUS TECUN (Foto de Ángel Cendón).

Don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, que está enterrado no lado do Evanxeo do altar maior da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, foi o oitavo señor da vila e o segundo conde de Vilalba, como reza na inscrición do seu sepulcro, título que herdara do seu pai .

A súa filla Tareixa de Andrade Zúñiga e Ulloa, que casara co cuarto conde de Lemos Fernando Ruíz de Castro Osorio e Portugal, era a herdeira do condado de Vilalba, pero como morreu antes do pasamento do seu pai o conde Fernando de Andrade, ao falecer este, no ano 1540, consonte consta na súa inscrición funeraria, ou en 1542, data en que posiblemente aconteceu a morte, o seu neto Pedro Ruíz de Castro e Andrade, alcumado o Vello e fillo dos devanditos Tareixa de Andrade Zúñiga e Ulloa e o conde de Lemos Fernando Ruíz de Castro Osorio e Portugal, pasou a ser o terceiro conde de Vilalba e polo tanto noveno señor de Pontedeume. O primeiro de maio de 1543, o rei Carlos I (1516-1556), na imaxe pintado por Tiziano, concedeulle a Pedro Ruiz de Castro e Andrade o título de conde de Andrade.

Logo, co pasamento do seu pai en 1576, Pedro Ruíz de Castro e Andrade, tamén se converteu en quinto conde de Lemos e segundo marqués de Sarria e uniu as Casas de Lemos e de Andrade nunha soa.

Desde aquela, como recoñece Couceiro Freijomil, “a historia de Pontedeume é preferentemente interna e local. Tomando os novos señores asento noutro lugar, a vida da bisbarra experimentara unha radical transformación; perdidos os factores de prosperidade que os Andrade lles subministraban, limítanse en adiante a vivir a conta dela propia, perdendo bastante da súa antiga sona e do seu esplendor” (Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume e a súa comarca, cuarta edición, Pontedeume, 1995, p. 271).

En 1777, co pasamento sen deixar descendencia de Xoaquín López de Zúñiga Soutomaior e Castro, noveno conde de Andrade, décimo terceiro conde de Lemos, undécimo conde de Vilalba e décimo marqués de Sarria, herda os seus títulos Jacobo Fitz-James Stuart e Colón de Portugal, neto de Fernando Ruíz de Castro e Portugal, que era irmán de Pedro e Francisco, sétimo e oitavo condes de Lemos e terceiro e cuarto condes de Andrade, respectivamente. Este Jacobo Fitz-James Stuart e Colón de Portugal, décimo conde de Andrade e décimo cuarto conde de Lemos, casara en 1738 con María Teresa de Silva y Álvarez de Toledo, filla da undécima duquesa de Alba María Teresa Álvarez de Toledo, a primeira muller que recibiu ese título.

En 1794, Carlos Fitz-James Stuart y Silva convértese no décimo cuarto conde de Andrade e décimo oitavo conde de Lemos, e, á morte sen descendencia da súa curmá María del Pilar Teresa Cayetana de Silva y Álvarez de Toledo en 1802, en décimo cuarto duque de Alba.

Así, Carlos Fitz-James Stuart y Silva, no 1802, une na súa persoa as Casas de Alba, Lemos e Andrade, e este é o motivo polo que os castelos de Andrade, Moeche ou Naraío son propiedade da Casa de Alba, aínda que estean cedidos á Administración Pública, e polo que o actual duque de Alba, Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, posúe tamén os títulos de décimo noveno conde de Andrade, vixésimo terceiro conde de Lemos e vixésimo primeiro conde de Vilalba.

Añadir nuevo comentario