Usted está aquí

O relato xacobeo na fachada barroca do Obradoiro na catedral de Santiago de Compostela

JoseFS

No Obradoiro, sen dúbida a praza máis europeísta, e se cadra a máis fermosa, do mundo, aos pés do pazo neoclásico que o arcebispo eumés Bartolomé Rajoy (1751-1772) mandou construír e que leva gravado no seu frontispicio o nome da súa vila natal, pode contemplarse, ao meu ver, a mellor representación arquitectónica apoloxética da peregrinación polos Camiños de Santiago onda o sepulcro apostólico. A fachada occidental e principal da Domus Iacobi, é dicir, da catedral compostelá, realizada por Casas Novoa e Ferro Caaveiro entre 1738 e 1750, é unha auténtica apoteose barroca e xacobea.

Preside o corpo central a imaxe barbada de Santiago peregrino co seu sombreiro de aba larga e cuncha de vieira e esclavina, que porta na súa man dereita o bordón coa cabaza e na esquerda, o Libro dos Apóstolos, que simboliza a súa evanxelización e predicación en Galicia e no resto da Península Ibérica. Escoltan a Santiago dous anxos a cadanseu lado que branden a cruz espataria que representa o seu martirio, decapitado pola espada executora, e a salvación, acadada no madeiro redentor no que Cristo foi sacrificado, e un pergameo no que estaría escrito o Evanxeo que Santiago veu predicar a estas terras. Aos pés do Apóstolo, axeonllados, aparecen na fachada dous reis hispanos peregrinos ofrecéndolle os seus cetros como máximos representantes do pobo que Santiago evanxelizara, para agradecerlle a súa protección e padroado. Máis abaixo está o seu sartego rodeado por un coro de anxos e alumado pola impresionante estrela refulxente que lle indicou, no primeiro cuarto do século IX, ao eremita Paio o lugar no bosque Libredón onde os seus sagrados restos permaneceran agochados durante case oito centurias, que logo serían exhumados polo bispo Teodomiro (¿810?-847) para confirmar a súa autenticidade e que hoxe se gardan nun sepulcro de prata no altar maior da catedral. Escoltan o sartego os discípulos de Santiago, Teodoro e Atanasio, con barba e ataviados tamén como peregrinos, co chapeu de aba larga e cuncha de vieira, a esclavina, o bordón e o Libro dos Evanxeos, que o trasladaron na barca apostólica desde Jaffa a Iria, o enterraron no lugar que logo sería Compostela e logo foron tamén sepultados onda o seu mestre.

A torre do Evanxeo acolle a imaxe de Zebedeo, o pai de Santiago, barbado, tocado cun elegante chapeu, que viste unha longa túnica e unha rica capa con amplos pregos e leva na man dereita o Libro dos Evanxeos que os seus fillos Santiago e Xoán predicaron; mesmo este último escribiu un dos catro relatos. Diante del, sobre unha balaustrada, están dispostas as representacións de santa Susana, á dereita, e do seu fillo Xoán, á súa esquerda. Susana aparece coa palma do seu martirio na man destra, inflixido por non querer casar con Maximiliano, o fillo adoptivo do emperador Diocleciano, por ser ela cristiá e el pagán; vai coroada de gloria e porta na súa esquerda o Libro da fe pola que foi decapitada pola espada. Santa Susana é copatroa de Santiago de Compostela e as súas reliquias foron traídas a esta cidade desde Braga polo arcebispo Diego de Xelmírez, no chamado Pío Latrocinio, xunto coas dos santos Frutuoso, Cucufate e Silvestre; Xelmírez mandou levantar un templo na actual alameda compostelá para acoller as reliquias roubadas, onde hoxe se atopa a igrexa de Santa Susana. San Xoán aparece, imberbe, coa pluma na man destra coa que se dispón a escribir o seu relato no Libro dos Evanxeos, que sostén na esquerda; viste unha longa túnica e unha elegante capa de amplos pregos e ocupa este relevante lugar pola súa relación fraterna con Santiago e por ser un dos tres discípulos predilectos de Xesús Cristo, xunto co seu irmán e mais Pedro.

A torre da Epístola acolle a imaxe de santa Salomé, a nai de Santiago, que viste unha longa túnica, cobre a cabeza cunha touca de amplos pregos que lle chega ata os pés e porta na man dereita o mesmo Libro que o seu home. Diante dela, sobre outra balaustrada, están as figuras pétreas de Santiago Alfeo o Menor, á súa dereita, e de santa Bárbara, á esquerda. Santiago Alfeo aparece aquí pola súa relación co seu homónimo o Zebedeo, alcumado o Maior, co que compartía un lugar de privilexio como apóstolo de Xesús, e porque na catedral compostelá se conserva a súa suposta cabeza nun fermoso busto relicario custodiado na capela das Reliquias e que levan en procesión en determinadas cerimonias solemnes no interior da catedral; a súa imaxe barbada leva os hábitos do peregrino e porta na man dereita o bordón e na esquerda o Libro dos Evanxeos que como discípulo de Cristo predicou. Santa Bárbara está presente na fachada para protexer a catedral das tormentas; vai coroada de gloria e viste unha longa túnica cun xeitoso manto; leva na man dereita a palma do martirio e na esquerda porta unha torre con tres ventás que simboliza que sempre buscou refuxio na súa fe na santísima Trindade.

Dá xenio vela hoxe, restaurada e máis relucente que nunca, despois de varios anos, que se nos fixeron eternos, cuberta de andamios e rodeada de guindastres.

Añadir nuevo comentario