Usted está aquí

O Pontedeume polo que pasou Unamumo en 1903. Había quince ou dezaseis mozas por cada mozo solteiro

JoseFS

No capítulo titulado “Por Galicia” e incluído no seu libro Por tierras de Portugal y España, Unamuno asegura que na súa viaxe a Galicia en 1903 visitara a nosa vila e conta a traxedia da emigración que fai que os homes teñan que marchar desta terra, “navegando, pescando, en América, no interior de España” para gañar o pan.

Nesta frase vexo eu recollido tamén un anaco non pequeno da vida do meu pai, que navegou polos mares do mundo boa parte da súa vida para que a nós non nos faltase de nada, e a miña nai, que quedaba soa coa miña avoa coidando dos fillos

O terrible drama da emigración, que deixaba a Galicia e as súas mulleres sen homes e os nenos sen pais, xa fora denunciado medio século antes, en 1863, por Rosalía de Castro nos Cantares gallegos, e en 1880, nas Follas novas, por exemplo no seu poema “Pra a Habana”, onde se refire ás “Viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará” (Rosalía de Castro: “Pra a Habana”, en Follas novas, Madrid, 1888, A Coruña, 2001, p. 244) e logo tamén por Castelao nos seus debuxos.

Unamuno fala da feminina paisaxe galega e dunha terra na que case só quedan mulleres ―ás que ao meu ver non describe con xustiza e si nelas á súa querida e bochuda amiga dona Emilia Pardo Bazán―, nenos e vellos porque os homes en idade de traballar teñen que marchar. Pontedeume, como el puido comprobar, era unha das vilas nas que este drama acontecía en maior medida:

“El paisaje en Galicia es femenino, y luego apenas se ve más que mujeres trabajando el campo; los hombres están fuera, navegando, pescando, en América, en el interior de España. Allí quedan, en la tierra vieja, mujeres y niños. En Puentedeume me aseguraron que había quince o dieciséis mozas para cada mozo soltero, y en general podría suponerse que hay una docena de mozas por cada mozo. Y las mujeres, cuando el trabajo no las ha marchitado, son como el paisaje, de carnación muy fraguada, bien tapados los huesos, redundantes como las que pintó Rubens, con tupida fronda de cabellera, con ojos a que asoma la melancolía secular de un pueblo antiguo” (Miguel de Unamuno: Por tierras de Portugal y España, Madrid, 1911; edición de Manuel García Blanco, Anaya, Salamanca, 1965, p. 108).

“A paisaxe en Galicia é feminina, e case non se ven máis que mulleres traballando os eidos; os homes están fóra, navegando, pescando, en América, no interior de España. Alí quedan, na terra vella, mulleres e nenos. En Pontedeume aseguráronme que había quince ou dezaseis mozas para cada mozo solteiro, e en xeral podería supoñerse que hai unha ducia de mozas por cada mozo. E as mulleres, cando o traballo non as murchou, son como a paisaxe, de carnación moi fraguada, ben tapados os ósos, redundantes como as que pintou Rubens, con tupida fronde de cabeleira, con ollos nos que asoma a melancolía secular dun pobo antigo” (Tradución realizada por min).

Nunha entrevista que lle fixera Francisco Camba e publicara na primeira páxina de La Voz de Galicia, do dezaseis de decembro de 1915, Unamuno dixo anos despois da súa visita e de publicar Por tierras de Portugal y España que Betanzos e Pontedeume eran dúas vilas galegas nas que lle gustaría vivir.

Añadir nuevo comentario