Usted está aquí

O poeta e ministro Molina nas Fragas do Eume. "A cadaquén o seu errar", unha reflexión filosófica de César Antonio a carón do río

JoseFS

Conta a historia que un pequeno grupo de anacoretas, seica nunca foron máis de nove monxes, fundou, contra o ano 890, no corazón das Fragas do Eume, na súa marxe dereita, no actual concello da Capela, un modesto mosteiro no que buscar a Deus e a eles mesmos neste privilexiado agasallo da natureza. Algunhas décadas despois, parece que o abade e bispo Rosendo, un dos principais santos galegos do século X, foi tamén un asiduo visitante daqueles eremitas de Caaveiro.

Moitos foron, ao longo dos séculos, os historiadores, narradores e poetas que, como Pomponio Mela no século I, Frei Luis de León ou Bartolomé Sagrario de Molina no XVI, o Padre Martín Sarmiento no XVIII, Manuel Murguía no XIX, Otero Pedrayo e Álvaro Cunqueiro no XX e Ramiro Fonte, Eva Veiga ou Carlos G. Reigosa, entre outros, no século actual, gabaron a beleza e a paz que transmiten este bosque atlántico, considerado como o máis importante de Europa, e o seu río.

Na espesura da silandeira fraga, arrolado polo cantareiro río, atopou tamén César Antonio Molina un lugar máxico para a reflexión e compuxo este filosófico poema titulado "A cadaquén o seu errar".

Para que falar?

Acaso fala o Eume?

A cadaquén o seu errar.

Observando os erros dunha persoa

coñécese a súa humanidade.

Para que falar?

Acaso fala o Eume?

César Antonio Molina: "A cadaquén o seu errar", en Eume, Vigo, 2007, p. 19.

Añadir nuevo comentario