Usted está aquí

O paso por Pontedeume do Padre Sarmiento en 1745 . Foi recollido tanto na ida como na volta en "Viaje a Galicia (1745)"

JoseFS

O nove de maio de 1745 inicia en Madrid o Padre Martín Sarmiento unha viaxe a Galicia que recollerá, a xeito de diario, nun libriño manuscrito de vinte pregos, nos que se interesa, como dirá despois na súa obra Problema corográfico para descubrir a Galicia, escrita en 1762, principalmente pola "Xeografía, a Historia Natural e a Lingua Galega; eran os tres obxectos da miña curiosodade, por non estar ocioso en Galicia, aínda que fora a aquel reino co propósito de recrear o ánimo, divertirme e fortalecer a miña saúde, o que non impediu que pensase tamén en antigallas e algunhas observacións históricas. Copiei por min mesmo algunhas inscricións antigas romanas, suevas, góticas e galegas da Idade Media" (Tomado e traducido de José Luis Pensado (ed.): Fr. Martín Sarmiento. Viaje a Galicia (1745), Salamanca, 1975, p. 12). Como nos di o autor da edición que seguimos, José Luis Pensado, "así pois, Xeografía, Historia Natural e Lingua Galega son os obxectivos máis inmediatos da súa Viaxe. As inscricións e documentos, así como as moedas e noticias históricas, están ao servizo non só da lingua, tamén da xeografía que, ao cabo, semella que rexe e define a historia" (Idem,p. 13) (Gravado do Padre Sarmiento realizado por Francisco Muntaner).

O día oito de agosto daquel ano, o Padre Sarmiento, desde o veciño concello de Miño, chega a Pontedeume por “Andrade. Freguesía. E á dereita está o castelo ou torre, de Andrade, que domina o val de Pontedeume, tan redondo coma Lemos e moi fermoso. San Pedro de Vilar (Foto de Ángel Cendón).

Pontedeume, tres légoas de Betanzos. Pasei a ponte, que é estreita, case como a da Ponte do Porco, pero moi longa, pois seica ten sesenta e un arcos, e toda está feita de pedra. Ao entrar nela, hai, a un lado un lobo [en realidade é un oso] de pedra. E á esquerda, un porco ou xabaril tamén de pedra cunha inscrición no lombo ben grande. Pareceume, ao pasar que era unha inscrición romana, pero non o é. Ao cruzar a ponte, a baía, que queda á esquerda, é moi semellante á de Pontevedra, mirando desde a ponte a Mourente, e, á súa imitación, aparece rodeada por montes a xeito de círculo, e neles está a Torre de Andrade. A ría de Pontedeume sobe ao nordés unha légoa e recibe o río Eume, e a outra légoa máis arriba fúndese co Eume o río Sesín e fai unha illa na que se atopa o Real Priorado de San Xoán de Caaveiro. Aquí fixen mediodía” (folios 59 v e 60 r dunha copia manuscrita do orixinal) (Idem, p. 65 e 66) (Debuxo da antiga ponte realizado por Fernando Sarmiento).

Chega ese mesmo día a Xuvia, onde pasa a noite no seu priorado, e o domingo nove [a referencia do Padre Sarmiento debe ter algún erro porque o día nove de agosto de 1745 era luns] visita Ferrol e regresa novamente para durmir. “O día dez, luns, vixilia de san Lourenzo” (folio 64 r dunha copia manuscrita do orixinal) (Idem, p. 69) [aquí volve haber un pequeno erro na data xa que o dez de agosto é martes e non se celebra a vixilia de san Lourenzo senón a súa festividade] sae de Xuvia en viaxe de regreso e chega a San Martiño do Porto. “Aquí a granxa de bernardos sobre o lado boreal da vila ou ría de Pontedeume. Avístase a distancia, antes que o monte Faro, a punta e vila de Ares e, máis preto, a punta de Redes e, en fronte do lado oposto da vila, e sobre a vila de Pontedeume, vese o alto monte de Breamo, cuxo remate ao mar é o cabo de Centroña, que divide a ría de Pontedeume da de Betanzos, pois ata alí veñen as dúas unidas. Entre o monte Faro e o cabo de Dexo, e entre este e o castelo de San Diego, entra a ría da Coruña, que vai ao Burgo.

Pontedeume. Dúas légoas de Xuvia (pasando a ría). Fixen que se contasen os ollos da ponte; ten en total sesenta, cos cales dez están na calzada. Detívenme ao acabar de cruzar a ponte para rexistrar os animais de pedra que vira cando pasara camiño de Xuvia (Debuxo da antiga ponte realizado por Fernando Sarmiento).

O oriental non é un lobo, senón un oso sen letras. O oriental é un xabaril ou porco montés e ten no lombo gravadas seis liñas cunha inscrición, que, cando máis, será do século XIV. O contido está en lingua galega, ao parecer; lese 'ano de Jesuchristo' e que se fixo a ponte en seis anos [Consonte a interpretación de Antonio de la Iglesia a inscrición di: EN NA ERA DE MIL E CCCLXXX. ANO9 [TRESCENTOS OITENTA ANOS], / DA NACENZA DE / NOSO SENOR IESU XUO [CRISTO] / POR ABRIL COMEZADA E / ACABARONA EM SEIS AN9 [ANOS] ESTA / PONTE; cfr. Antonio de la Iglesia: El idioma gallego, su antigüedad y vida, t. II, A Coruña, 1886, p. 58].

A tradición di que os que a fabricaron tiñan nome alusivo aos dous animais. Así e todo, outros aseguran que o conde de Lemos [refírese a Fernán Pérez de Andrade, que non era conde de Vilalba e Andrade, o primeiro foi Fernando Pérez de Andrade no primeiro cuarto do século XVI, e moito menos de Lemos, xa que as casas de Andrade e Lemos non se funden ata 1576; Fernán Péren de Andrade morrera en 1397], afeccionado á caza, matara un xabaril e mais un oso terribles e que os mandou poñer alí en lembranza daquel feito, como tamén o fixo no seu sepulcro coa súa efixie de Pontedeume [o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade está na igrexa de San Francisco de Betanzos, sostido por un oso e mais un xabaril, e presenta aos seus pés dous cans lebreiros], que ten aos seus pés un can lebreiro.

Á esquerda, deixei a torre e o castelo de Andrade” (folios 64 v, 65 r e 65 v dunha copia manuscrita do orixinal) (José Luis Pensado (ed.): Fr. Martín..., op. cit., p. 69 e 70).

Añadir nuevo comentario