Usted está aquí

O paso por Pontedeume do Camiño de Santiago 1. A entrada na vila pola ponte de pedra

JoseFS

O aumento do número de persoas que utilizaban o Camiño Inglés desde Ferrol e as Terras da Mariña Alta e tiñan que pasar necesariamente por Pontedeume para ir a Santiago onda a tumba do Apóstolo fai supoñer que, logo da concesión do privilexio real de 1270 por Afonso X o Sabio (1252-1284) e da concentración de poboación que iso supuxo para a vila creada ex novo, esta se convertería para os peregrinos nun lugar de acollida onde descansar para continuar con ben a súa viaxe piadosa. Cómpre lembrar que Pontedeume, paseniño, se vai consolidando como o principal núcleo de poboación situado entre Ferrol e Betanzos, por mor do puxante comercio, a pesca e a agricultura, e que os peregrinos buscaban refuxio nas vilas prósperas do Camiño.

Como acredita López Calvo, desde o século XI, a asistencia aos peregrinos facíase a través do acollemento ofrecido polos mosteiros e hospitais, pero, a partir do XII, a solidariedade veciñal fai medrar a carón das parroquias unha organización de axuda mutua entre os seus fregueses e, asemade, xorden tamén pequenas institucións piadosas que teñen como obxectivo a asistencia aos enfermos e peregrinos. Estes movementos parroquiais nacidos en Galicia, e con toda probabilidade tamén en Pontedeume, moitos deles postos baixo a advocación do apóstolo Santiago, mantiveron vivos, coa axuda dos devanditos cenobios, o fenómeno xacobeo e o entusiasmo polas peregrinacións (Jesús Andrés López Calvo: “Los hospitales para peregrinos del Camino Inglés a Santiago”, en Estudios Mindonienses, 20, Ferrol, 2004, p. 746 e 747).

Así e todo, o despegue definitivo da vila vai vir da man da Casa dos Andrade. Por mor dun privilexio real de dezanove de decembro de 1371, o rei Henrique II (1369-1379) concédelle en Burgos a Fernán Pérez de Andrade o señorío de Pontedeume, entre outros. O Bo, como era alcumado o primeiro señor da vila, comprendeu axiña a necesidade de acometer as imprescindibles obras que permitisen unha comunicación fluída entre todos os seus territorios para xerar riqueza para el, pero tamén para os habitantes que estaban baixo a súa xurisdición. A lenda atribúelle o alcume de Bo porque patrocinou a construción de sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais. Entre as pontes que mandou levantar destacan as situadas no Camiño Inglés, que serviron tamén para que os peregrinos salvasen os ríos que se atopaban na súa ruta cara a Santiago de Compostela: a ponte do Burgo, na imaxe, que unía os actuais concellos de Culleredo e Cambre que o río Mero separaba; a de Xuvia, que salvaba o río do mesmo nome entre Neda e Narón, preto do mosteiro de San Martiño do Couto; a do río Baxoi, na parroquia homónima de Ponte Baxoi, no hoxe concello de Miño; a de Ponte do Porco sobre o Lambre, que unía os actuais concellos de Miño e Paderne; e a de Sigüeiro, que salvaba o río Tambre entre Oroso e Santiago de Compostela; así e todo, a ponte máis sobranceira que o Bo mandara construír no Camiño Inglés fora a de Pontedeume, que unía os actuais concellos de Pontedeume e Cabanas, que chegou a ter sesenta e oito arcos e a albergar unha capela e un pequeno hospital no que debían reservarse sempre catro camas para os peregrinos (Debuxo de M. Marín).

O Camiño Inglés que parte de Ferrol comeza o seu percorrido no peirao de Curuxeiras e vai á igrexa conventual de San Francisco, fundada por Fernán Pérez de Andrade, desde onde continúa pola rúa Real, as prazas do Marqués de Amboage e de Armas, Cantóns de Molíns, Recemil, Caranza e o polígono industrial da Gándara, polo que abandona o municipio ferrolán. Desde aquí atravesa os concellos de Narón –parroquia de San Salvador de Pedroso, onde se atopa o mosteiro de San Martiño de Xuvia–, Neda –parroquias de Santa María de Neda e San Nicolás de Neda–, Fene –parroquias de San Salvador de Fene, Santo Estevo de Perlío e Santiago de Barallobre– e Cabanas –parroquias de San Martiño de Porto e Santo André de Cabanas–, onde chega a Pontedeume pola antiga praia do Tambre, que os eumeses, con razón pero sen dereito, considerabamos nosa e os de Cabanas, con dereito pero sen razón, decidiron destruíla nos anos oitenta para poder eliminar o paso a nivel con barreira que había preto do Apeadeiro.

A solución non foi boa e, despois de varias mortes, as autoridades cabanesas e o ministerio de Transportes mandaron facer unha ponte por debaixo da vía do tren, pola que puidesen cruzar as persoas e os coches sen perigo, e construíron o actual paseo marítimo, polo que veñen os peregrinos. Así albiscaba, retranqueiro, o tambricidio o noso bardo Ramiro Fonte en Os ollos da ponte: “Poñan o que poñan os mapas, os eumeses aínda posuímos un enclave colonial na praia da Magdalena que, co seu extenso areal e o seu magnífico bosque de piñeiros, pertence ó municipio irmán de Cabanas. Malia non asinaren ningún acordo o noso Sarmiento e os diversos alcaldes que pasaron polo outro concello, na zona da Ponte de Ferro os da vila temos os nosos illotes de Alhucemas ou, visto doutra maneira, a nosa rocha de Xibraltar. Nin os veraneantes madrileños nin os bañistas ferroláns se achegan polo noso territorio […]. Antes de que se perda, cando modifiquen a orla do litoral, que todo pode ser, é bo lembrar o nome do Tambre” (Ramiro Fonte: Os ollos da ponte, Vigo, 2004, p. 331 e 332).

A entrada do Camiño de Santiago en Pontedeume realízase a través da ponte de pedra que salva o río Eume e une o noso municipio co de Cabanas. Abandónase así un ámbito rural, que se viña impoñendo nos últimos quilómetros, e pode verse xa un horizonte máis urbano. O Torreón dos Andrade, que preside a entrada na vila, as torres da igrexa parroquial e os almacéns de Raxoi onde se acondicionou un albergue para os peregrinos, á dereita da ponte; e a capela das Virtudes, na esquerda; así como as numerosas casas, moitas delas con galerías, fan pensar en que se chega a unha das vilas máis importantes deste Camiño Inglés que parte do porto ferrolán de Curuxeiras. Así e todo, é unha mágoa a desagradable presenza dun solar en ruínas, cuxas obras levan xa paralizadas unha chea de anos e afean a entrada ao recinto urbano.

A vila aparece protexida pola ampla sombra do monte de Breamo. Á dereita da ponte de pedra, está o porto, inzado de embarcacións de recreo, pequenos caiucos, veleiros e tarrafas que nos lembran que a pesca −hoxe en menor medida− era unha actividade fundamental para a vila noutros tempos. Con tenrura Ramiro Fonte di que “comecei a amar os caiucos, as máis humildes das nosas embarcacións, debido ó sentimento de piedade que despertan dentro dun as cousas indefensas” (Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 23). Cando a veda da ameixa e o berberecho está aberta, moitos destes caiucos coas rañeiras a bordo fondean cos seus rizóns na banda esquerda da ponte, porque alí é onde extraen o marisco.

Pola beira dereita da ponte de pedra tamén se ven a de ferro, as praias da Madalena, por cuxo piñeiral –no que aínda se pode comer o polbo e beber un bo ribeiro na feira celebrada o día vinte e un de cada mes– cruza o Camiño Inglés para chegar a Pontedeume, e de Zopazos, que na chamada Pena do Soldado acolle unha fermosa imaxe pétrea da Virxe do Carme, que despide e recibe os mariñeiros eumeses cando van ou regresan do mar, e no alén, a ría de Ares.

Desde o peitoril esquerdo da ponte, pode contemplarse o fermoso paseo marítimo que acolle o encontro do río Eume no seu esteiro coas augas salgadas. Á entrada do paseo está a praza de Rosalía de Castro, onde se erixen un monólito dedicado á insigne escritora e unha xeitosa fonte, que case nunca ten auga, decorada coas cabezas das emblemáticas figuras do oso e o xabaril, símbolos da vila e da Casa dos Andrade. Unha das vías do paseo marítimo desemboca en Esteiro, preto do río Covés, o derradeiro afluente do Eume, e a outra, en Nogueirosa.

Ao lonxe, visible tamén desde a varanda esquerda da ponte, chantado sobre a Pena Leboreira, está o castelo de Andrade, desde cuxa torre se divisan as máis fermosas vistas do golfo Ártabro, formado polas rías de Ares, Ferrol, A Coruña e Betanzos. Foi levantado por Fernán Pérez de Andrade, que iniciou a obra en 1369 e a rematou no 1377, despois de bravas disputas pola propiedade do solar cos monxes do convento de Sobrado.

Pola vella ponte medieval mandada construír polo Bo pasou en 1539 o peregrino polos Camiños de Santiago Bartolomeo Fontana que dicía no relato que fixo da súa viaxe, publicado en 1550, que “ao entrar por Pontedeume pasei unha longa e antiquísima ponte de pedra, que sustentaba moitos arcos e que cruza un porto. Na miña vida non vin unha tan longa en país ningún, nin a puido ver ninguén; no medio dela hai un hospital que alberga peregrinos” (Tomado e traducido de Carolina Macedo Cordal: “Las peregrinaciones italianas a Santiago. Sinopsis del relato de Bartolomeo Fontana”, en Carlos Breixo Rodrïguez, Jesús Andrés López Calvo, Carolina Macedo Cordal e Benito Sáez Taboada: Pontedeume, vila e ponte no Camiño a Santiago, Pontedeume, 2004, p. 93).

(Debuxos de Fernando Sarmiento).

Añadir nuevo comentario