Usted está aquí

O Libro das Festas das Peras de 2015

JoseFS

Este ano o Libro das Festas das Peras está, coma sempre, moi interesante e presenta unha fermosa portada que mostra o baile da Mómara e, sobre un fondo negro, a noite dos Fogos e o Combate Naval.

Comeza o libro co Saúda do novo alcalde Bernardo Fernández Piñeiro, que nos convida a gozar das tradicionais festas eumesas e do atractivo programa que se expón entre as páxinas 7 e 20 (Foto Ríos).

O primeiro artigo está escrito por Enrique Salgado Tenreiro, que fala do Cine Eume, ao que evoca na introdución con palabras de Ramiro Fonte, e repasa autores e películas que alí se proxectaron e forman parte das nosas vidas. Finaliza cun lamento porque hoxe Pontedeume é un pobo sen cine malia ser un pobo de cine.

Coa habelencia dunha boa licenciada en Filoloxía Hispánica como ela o é, Sonia Rico Alonso conta que veu de Limodre a estudar no colexio de Atocha de Pontedeume e que comezou a sentirse eumesa de pleno dereito cando se fixo socia da Biblioteca Municipal, na que Alejandro, como a todos, lle falaba moi baixiño e lle recomendaba boas lecturas. Sonia sente a vila, as nosas tradicións e, por suposto, as Festas de Setembro como propias, sen renunciar á súa condición de limodresa.

Olga Rico Cadavid, como a experta e gran novelista que é, conta, coa paixón que pon en todo canto escribe, a súa experiencia como espectadora dos Fogos artificiais e o Combate naval nunhas recentes Festas das Peras, ás que había xa algúns anos que non acudía, que lle serve para evocar as da súa infancia, non tan diferentes. Tamén se poñía nerviosa, como os nenos eumeses de agora e sempre, coa saída dos Mómaros, eses particulares xigantes que bailaban moito mellor cós de calquera outro lugar do mundo, e os cabezudos, que vareaban os rapaces e maiores que andaban polo medio, almorzaba melindres, amendoados e biscoitada, contemplaba a cucaña desde a ponte de pedra e admiraba a algún rapaz, ao que amaba en tenro segredo, dos que corrían lixeiros polo pau cheo de sebo na procura da bandeira que lle daría un dos tres premios, e gozaba do espectáculo da traca e a queima do galán, mercaba boletos na tómbola e doces de algodón, montaba no carrusel e disparaba coas escopetas da feira, bailaba nas verbenas… Lembra tamén estes e aqueles fogos artificiais e o combate naval da súa infancia, os boliños milagreiros de san Nicolás, a xira ao río Eume e a ledicia dunha vila que sempre a espera e á que sempre regresa.

No seu artigo, Antonio Manuel Fraga Allegue evoca a visita imaxinada que, cando el tiña catro anos, fixo a Pontedeume en 1980 o prestixioso antropólogo norteamericano Augustus P. Moriarty e cita o artigo que sobre as nosas festas publicou en marzo de 1981 na afamada revista científica Journal of American Anthropology, onde conta a súa grotesca experiencia cos Mómaros, a fractura do fociño no seu intento de coller a bandeira na cucaña, o insólito pote que recibiu como membro do xurado na concurso de froitas ou a perda dos dous incisivos superiores no seu intento de lle dar unha trabada ao durísimo boliño de san Nicolás. Así e todo, puido gozar da hospitalidade eumesa nunha inesquecible xira ao río na que por incrible que vos pareza non lle aconteceu nada malo.

Eu mesmo fixen tamén un pequeno texto no que deixo constancia dalguns dos grandes autores que escribiron sobre o río Eume, conto unha lenda referida ao seu nacemento e pido que se lle dea o nome de Ramiro Fonte, un dos poetas que mellor lle cantaron, á Biblioteca Municipal.

Nosa querida Concha Suárez a Paragüeira publica tamén un sentido poema que lle fixo ao seu amado Pontedeume natal o vinte e seis de abril de 1984, co gallo dunha festa celebrada na Grande Obra de Atocha.

Sindo Vilariño describe con paixón e rigor as Fragas do Eume, que foron declaradas Parque Natural en 1997 para conservalas e protexelas da súa degradación, e fala da súa riqueza biolóxica e paisaxística, do patrimonio histórico, cultural e artístico que gardan, os roteiros de sendeirismo, os autobuses que se poñen ao dispor dos visitantes no verán para chegar ao mosteiro de Caaveiro, verdadeiro corazón natural e espiritual das Fragas, e convida a eumeses e forasteiros a pasear a pé ou en bicicleta polas beiras do Eume e gozar da paz e beleza desta marabilla da natureza.

Eduardo Veiga Piñeiro repasa para nós a historia da emblemática fonte do Pilón e achega unha valiosa referencia documental de varias obras de rehabilitación que nela se realizaron.

Este ano, ademais das excelentes fotografías que sempre nos regala José Augusto Ríos, digno sucesor do seu pai, coa igrexa parroquial, o Torreón, os Mómaros, san Nicolás ou o sempre presente e entrañable Eduardo, o libro conta coas marabillosas achegas de tres magníficos ilustradores eumeses. O sempre xenial Jacobo Muñiz, meu veciño da infancia nas Virtudes, que xa nos deixara engaiolados cos seus traballos no Xardín do pasatempo de Ramiro Fonte e noutras moitas publicacións, mandou desde terras andaluzas unha composición na que dunha pera, da que as festas toman o nome, decorada con flores na que dominan as cores verde e amarela da bandeira de Pontedeume, saen os arcos da ponte de pedra reflectidos nas xa salgadas augas do Eume na súa desembocadura e do rabo da emblemática froita fai o pau cheo de sebo da cucaña polo que corre un rapaz na procura da nosa bandeira galega. Ángeles Gómez, por cuxas veas corre sangue de artistas, deixa a súa fermosa pincelada cunha cativadora representación da humilde e estreita rúa da Tafona, chea de vida e cor, que nos namora. E na contraportada podemos atoparnos cunha evocadora e marabillosa acuarela de Sandra Sarmiento Viña, unha artista que nunca deixa de sorprendernos, duns Mómaros que nin eu nin ela cheguamos a coñecer pero que están no noso corazón por mor dunha foto realizada nos anos cincuenta, se non me equivoco, polo sempre lembrado Tito Ríos.

Añadir nuevo comentario