Usted está aquí

O Eume visto por Otero Pedrayo. Descrición do noso río co gallo da súa peregrinación a Santo André de Teixido en 1929

JoseFS

O Eume visto por Otero Pedrayo. Descrición do noso río co gallo da súa peregrinación a Santo André de Teixido en 1929 (Foto de Ángel Cendón).

No ano 1929, Otero Pedrayo peregrinou desde a cidade de Ourense a Santo André de Teixido, onde vai de morto o que non foi de vivo, consonte a crenza popular, cos seus amigos Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, e realizou un marabilloso relato odepórico desta viaxe no seu libro Pelerinaxes, onde recolleu as súas experiencias e sensacións.

No seu percorrido, que se pode ver no sinxelo debuxo da portada, realizado por Vicente Risco, pasaron a carón do Eume, do que Otero Pedrayo deixou escrito que era “un río de loita, de combate, esgrevio serranchín, que labra os cernes duros do granito. Boa diferenza c’os ríos desfiados, superfizás, tranquíos das mesetas lucenses.

Eiquí o río sinte a responsabilidá histórica −xeoloxía histórica− da súa funzón erosiva. Podía folgar un pouco na conca ditosa. Non ten vagar. Cada fío criado nos outos e batido nas fervenzas figura gardar un ritmo de carreira.

O Eume non espella a outra ponte, a vella, tan ben posta acarón das casas antergas e dos grandes arbres. Espello romántico o río, é dicir espello temeroso, fuxitivo, que alonga cun xesto apaixonado a muller refrexada [...].

O Eume, fillo de cumes desertas, inda ten moito que puxar. Así morre tan gostoso baixo a bendizón que lle botan os arcos das Pontes d’Eume [...].

O Eume ollou a colonizazón monástica −Caabeiro−; agora, ô igual d’un río suizo −foron tamén feudales e monásticos−, proporciona o romanticismo necesario pr’o burgués en vacazós”.

Tomado de Ramón Otero Pedrayo: Pelerinaxes, Sada, 1993, p. 175-177.

 

Añadir nuevo comentario