Usted está aquí
O Domingo de Ramos de Pontedeume
Etimoloxicamente, o verbo recordar significa volver levar ao corazón. Así pois, eu recordo con emoción as vésperas do Domingo de Ramos da miña infancia, nas que subiamos con meu pai pola aba do Breamo na procura de ramos de loureiro, un chisco máis grandes cada ano, para a súa bendición no adro parroquial, na que os músicos eumeses, dirixidos polo mestre Leira, alcumado o Patolo, tocaban a marcha do triunfo. Breamo era o noso particular Monte das Oliveiras, onde se collían os galegos loureiros no canto daquelas pólas de oliveira, e o adro parroquial, unha pequena Xerusalén. Antes da misa, don Pedro, acompañado do fiel e discreto don Vicente, collía o acetre cheo da auga bieita que esparexía co hisopo polos ramos. Ao finalizar a misa, había decote un combate de ramallos que ás veces finalizaba con algunha fendecha. Despois, cando naceron meus fillos, íamos buscar os loureiros a Cioi, á casa do seu padriño (Foto de Ángel Cendón).
Acotío andaba polo adro Tito Ríos coa súa cámara, sempre atento, para captar ese momento especial que queremos gardar no noso álbum fotográfico aínda que na memoria e no corazón permanece indeleble. Unha daquelas mañás colleu á miña avoa Jesusa saíndo da igrexa parroquial do brazo da nosa querida Paragüeira cos ramiños de loureiro xa bieitos, que farían máis santas e saborosas as comidas do ano.
Pero un día, no ano 1977, o Cabido da Catedral compostelá decidiu incorporar a don Pedro como cóengo e o párroco marchou para A Coruña, onde, na igrexa de Santa Lucía, tiña encomendadas algunhas tarefas sacerdotais ata o seu pasamento. O novo párroco, don José Ramón Cascón Raposo, substituído en 2018 por don Benjamín despois de máis de corenta anos con nós, tivo, ao meu ver, unha moi boa idea. Trasladou a bendición dos ramos ao adro da capela das Virtudes e desde alí organizou unha procesión polas rúas da vila ata a igrexa parroquial. Convertía así o adro das Virtudes naquel lugar preto de Betfagué e Betania, ao pé do Monte das Oliveiras, do que falaban as Sagradas Escrituras, e as rúas da vila, cheas de nenos cos seus ramallos para recibir a Xesús, en Xerusalén. O cregos e as autoridades municipais levan grandes palmas.
O acontecido en Pontedeume no difería moito das celebracións desta festa nas cidades e vilas de Galicia. En Ourense, contaba Vicente Risco que “o Domingo de Ramos acudía xente, principalmente á catedral, con ramos de loureiro e de oliveira para que os bendiciran. Hoxe predominan as palmas; noutros tempos non había máis que as dos cóengos que eran sinxelas e a do señor bispo que era toda entrenzada e adornada; os cóengos tiñan costume de regalaren as palmas bentas ós seus amigos para que as puxeran nos balcóns. A procesión das palmas daba a volta arredor da catedral. Os rapaces levaban ramos de loureiro canto máis grandes puidesen e ían batendo uns cos outros e metendo barullo” (Vicente Martínez Risco: Etnografía, Obras completas, t. III, Vigo, 1994, p. 600).
Así e todo, a imaxe do Neno Xesús, que hoxe se atopa no retablo de Santa Lucía, que se levou nos primeiros anos, non tiña sentido iconográfico ningún e pronto se lle puxo remedio a iso. Mercouse un fermoso paso máis axeitado para a procesión, o de Xesús Cristo montado no burriño, bendicindo o pobo coa man dereita e coa palma do seu martirio redentor na esquerda, consonte contaban os relatos evanxélicos.
“E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos dicíndolles: Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ao que entredes, ides atopar atado un burro que ningún montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: Precísao o Señor, pero deseguido o mandará de volta. Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí preguntáronlles: ¿Qué facedes aí desatando o burriño? Eles contestáronlles tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban: ¡Hosanna! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Bendito o reino do noso pai David que chega! ¡Hosanna nas alturas! Entrou en Xerusalén e foi ao templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos doce para Betania” (Mateo, 11, 1-11; Xosé Fernández Lago e Xosé Antonio González García (coord.): O Novo Testamento, Vigo, 1998, p. 128) (Foto de Ángel Cendón).
Desde aquela, mentres as campás das Virtudes anuncian con toda a súa forza o xúbilo das xentes, a procesión baixa polas escaleiras do adro, continúa pola Avenida de Raxoi, a travesa da Real, a rúa Real, a Inmaculada, a praza do Conde, a antiga Cátedra de Latinidade e a rúa da Pescadería, pola que a procesión sobe ata o adro da igrexa parroquial, onde se escoita de novo o alegre repenicar das súas campás. Antes da misa, o párroco volve bendicir os ramos (Foto de Ángel Cendón).
Desde 1990, a Escola de Música Charamela de Pontedeume acompaña e fai máis solemne e fermosa a procesión.
Añadir nuevo comentario