Usted está aquí

O Dia Nacional de Galicia imaxinado por Castelao. A súa celebración en Pontedeume

JoseFS

En 1920 a Asemblea das Irmandades da Fala acordou celebrar o Día Nacional de Galicia o vinte e cinco de xullo de cada ano. Co gallo desta festa, publicaron, no número do vinte e cinco de xullo de 1922 na revista A Nosa Terra o manifesto do seu idearium no que se definía esta data como “un día de recollimento, de comunión, de ledicia para os galegos, un acto esterno para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver si queren ser algo. Desta maneira despertarán do seu sono e traballarán n-un futuro glorioso. Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a sua propia fala, e recen os versos dos nosos poetas!”. Nun decreto de un de xaneiro de 1979, a Xunta de Galicia, presidida por Antonio Rosón Pérez, antes da aprobación do Estatuto de Autonomía, declarou de xeito oficial a celebración do Día Nacional de Galicia o vinte e cinco de xullo, festa do apóstolo Santiago, de cada ano.

O vinte e cinco de xullo de 1947, Castelao, sumido na saudade e a negra sombra do exilio, fixo unha lúcida reflexión “sobor da siñificación que para nós ten o día do Apóstolo, convertido en Día de Galiza por ser a mellor afirmación do noso universalismo, pois sendo tan galega esta festividade non caben os seus motivos no estreito marco dunha soia patria. O seu carácter relixioso provén do misticismo cabaleiresco da Edade Media, francamente europeo, atlántico e oucidental; o seu carácter patriótico dimana da ofensiva oito veces secular iniciada en Galiza contra o Islam; e o seu carácter civil provén da confluencia dos camiños de Europa en Compostela e da irradiación do xenio de Galiza a través destes mesmos camiños […]. Pero a triple siñificación deste día márcase máis nidiamente nas tres formas iconográficas do Apóstolo […]. Estas tres advocacións do noso Señor Sant-Iago ―o pelengrín europeo, o guerreiro hispano e o patriarca galego [das que temos, de todas elas, en Pontedeume marabillosos expoñentes ben representativos no templo parroquial]― corresponden a tres feitos de suma trascendencia: pola virtude dos camiños que conducían a Galiza, onde os diversos pobos da cristiandade se axuntaban e chegaron a cantar un mesmo himno, fíxose posible a unidade espiritual de Europa, a única conciencia moral europea que no decorrer dos séculos se pudo rexistrar. Polos ideaes cabaleirescos da Edade Media, creados polo xenio celta e nutridos pola fe que o sepulcro apostólico inspiraba, cerrouse Hespaña á marea sarracena e pudo salvarse a civilización oucidental. E polo desexo de proseguir o camiño de Sant-Iago alén do cabo Fisterra, venceuse o Mar tenebroso e fíxose posible o descobrimento de América. Velaí as tres sendas, os tres espritos e os tres feitos en que é doado afincar a groria deste día, un día tan grande que non hai outro que teña raíces máis fondas no sentimento popular galego, nin categoría universal máis elevada. Cicais fose posible escoller outra data máis íntima e privativa das moitas que a nosa hestoria rexistra, pero ningunha superaría o prestixio e trascendencia que o día de hoxe ten” (Castelao: Sempre en Galiza, Libro IV, capítulo I, primeira edición Bos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 247-249).

Como ben contaba Otero Pedrayo nun discurso pronunciado en Vigo un vinte e cinco de xullo de 1931 evocado por Castelao, “se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa Terra e percorrela en todas direccións, asistiríamos á marabilla dunha mañán única […], por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comeza en Sant-Iago. A torre do reloxo tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás repenicada nas torres do Obradoiro, que comunica tódolos campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos marabillosos de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra-nai, alzada simbolicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo, e por lámpada votiva o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes de beiramar [como o da nosa igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume que tamén se une coas súas campás para repenicar esa alborada de gloria comezada pola Berenguela] até as homildes espadañas da montana. E o badaleo rítmico das campás ―de todas as campás de Galiza, en leda algarabía― semella o troupeleo dos cabalos astraes que veñen pola vouta do ceo, turrando do carro de Apolo, que trae luz ao mundo en sombras. Hoxe é día de Galiza, e así comeza!” (Idem, p. 245 e 246).

Hoxe tamén en Pontedeume ondeaba con orgullo a bandeira de Galicia no alto da súa torre máis emblemática, o chamado Torreón dos Andrade, cumprindo así o soño de Castelao de “ver o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes” (Idem, p. 246) e evocaba no meu corazón emocionado os fermosos versos do poema “Galicia” do gran Ramón Cabanillas:

Ceo branco do luar

ceo azul do mediodía:

son dous anacos de ceo

a bandeira de Galicia.

 

¡Galicia! Nai e Señora,

sempre garimosa e forte;

preto e lexos; onte, agora,

mañán… na vida e na morte!

 

[…]

 

A dos seráns campesinos,

a dos brilantes orballos,

a dos queixumes dos pinos

i as risadas dos carballos.

 

[…]

 

¡Sempre Nai, sempre Señora,

con leda ou cativa sorte;

preto e lexos; onte, agora,

mañán… na vida e na morte!

Ramón Cabanillas: “Galicia”, en Da terra asoballada, primeira edición Vilagarcía de Arousa, 1917, citado pola edición de Xerais e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, p. 16-18.

Añadir nuevo comentario