Usted está aquí

O caer das follas nos bosques e a arela dunha nova primavera

JoseFS

Xa pasou o inverno. Os castiñeiros e outros caducifolios que habitan na Fraga do Eume quedaran espidos, como nos mostra a marabillosa foto de Carmen Rodríguez Pena. Así e todo, os tempos da primavera son chegados e as follas volveron agromar nas súas pólas. Non como nos séculos escuros denunciados polo gran Curros Enríquez, nos que o pobo galego vivía nun inverno perpetuo.

Aquí vén o mayo
de frores cuberto.
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
y-os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
d’os meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
q’ o qu’ é po-lo d’ hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvol-o probe
d’ o povo gallego:
¡pra min non hai mayo,
pra min sempr’ é inverno!

Cand’ eu m’ atopare
de dônos liberto
y-o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e com’ os d’o abade
frorezan meus éidos,
chegado habrá estonces
o maio q’ eu quero.

¿Querédes castañas
d’os meus castiñeiros?
Cantádeme un mayo
sin bruxas nin demos;
un mayo sin segas,
usuras nin preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez: “O mayo”, en Aires d’a miña terra, Ourense, 1880, p. 85 e 86. Podedes escoitala premendo en https://www.youtube.com/watch?v=UCZCm1q4Kwc.

O Rexurdimento da literatura galega no século XIX, co que abrollaron os Cantares Gallegos e as Follas Novas  “e naceu a poesía / galega con Rosalía” (Ramiro Fonte: “Ano de 1863”, en Xardín do pasatempo, Vigo, 2008, p. 109; a ilustración é de Jacobo Muñiz), foi coma un gran claro aberto no ceo para Galicia e o anuncio dunha nova primavera para o seu pobo e a nosa lingua, aínda que nunca se acaba de conseguir que chegue plenamente.

Eu, como Cunqueiro, “quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terreal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

Añadir nuevo comentario