Usted está aquí

Na cancion do rio Ramiro Fonte evoca o Eume cantareiro

JoseFS

Desde aquel  triste e lutuoso doce de outubro de 2008, no que os eumeses acompañamos, ao son do Paso, ao noso bardo Ramiro Fonte á súa derradeira morada onde descansa eternamente, xa pode escoitar sempre a doce voz do río Eume, que lle canta baixiño, como un arrolo, na súa desembocadura e que un día lle inspirou este poema:

Quen ollou sendo un neno

para as augas que flúen

baixo os arcos da ponte,

e envolveu, temeroso, o seu desexo

no murmurio do río, ó esvarar entre as penas

entrementres duraba a baixamar,

o ruxerruxe aquel que eternizaba o tempo,

sabe como cantan

as pontes que atravesan as cidades do mundo,

detense a contemplalas, non escolle

ningunha das ribeiras,

e como se soubese tódalas estrofas

desa canción do río,

ponse a cantala, pero só un instante,

pois non se chega nunca a comprender

a súa duración, e o mesmo feito

do fluír incesante,

fainos pensar na morte.

Pasa en tódolos ríos farturentos

―esas veas de Europa―

que gobernan a vida das cidades

que por aquel entón nós buscabamos,

e eran puntos perdidos no mapa azul dos libros.

(Puentes Deume [Pontedeume] e o río Eume no mapa do Gallaecia Regnum realizado por Fernando de Ojea en 1640)

Nelas hai un lugar,

ás veces unha illa,

que estaba destinada para nós.

Cunha pouca fortuna podemos atopala,

e, coma as caracolas que segredan

a música do mar

ata que lles prestamos oído,

e entón desfán as ondas lentamente,

ese mesmo silencio leva escrito

o familiar murmurio que rompía

nas cepas, e nos arcos, e nos ollos da ponte,

así no noso temeroso corazón,

porque entón era amigo das cousas que choraban.

Ramiro Fonte: "A canción do río", en Capitán Inverno, Vigo, 1999, p. 119 e 120.

 

Añadir nuevo comentario