Usted está aquí

A muralla medieval da vila de Pontedeume

JoseFS

O fundador da vila en 1270, Afonso X o Sabio, na sua Lei das Sete Partidas, afirmaba que “o Rei debe honrar a súa terra mandando cercar as cidades, vilas e castelos con bos muros e torres, porque isto os fai máis nobres, honrados e fermosos e ademais proporciona unha gran seguridade e amparo para todos en todos os tempos. Santas cousas son os muros e as portas das cidades e das vilas, polo que os emperadores e filósofos, antigamente, estableceron que ninguén os quebrantase nin rompese, perforándoos nin entrando por riba deles con escaleiras nin doutra maneira ningunha, senón que se entrase polas portas e que se establecese como castigo para os que isto non fixesen que lles cortasen as cabezas porque quen así entra nunha cidade ou vila non o fai como un home que ama e honra o lugar e si como inimigo ou malfeitor” (tomado e traducido de José López Hermida e Carlos de Castro Álvarez: "Las murallas de Pontedeume", Cátedra, 13, Pontedeume, 2006, p. 89) (Miniatura de Afonso X o Sabio na súa corte, que aparece nunha edición das Cantigas de Santa María, que o rei  mandara facer, e talvez el mesmo fose o autor dalgunha, na honra da Virxe).

Segundo o profesor De Castro Álvarez, a primeira noticia que temos da muralla eumesa é que “o día vinte e cinco de abril de 1284, catorce anos despois da fundación, a vila contaba cunha cerca con portas de acceso, antecedente do que sería a muralla medieval, máis sólida e consistente, con torres, exenta de casas e tres portas, cuxa realización foi un proceso lento e esixiu un esforzo colectivo, e unha vez rematada, iríase reformando consonte a evolución das ameazas exteriores” (José López Hermida e Carlos de Castro Álvarez: Op. cit., p. 89 e 90) (Debuxo de López Hermida que dá idea de como sería a hipotética muralla contra o ano 1400).

Desde que Pontedeume perdeu a súa condición de vila de reguengo e pasou a ser señorío dos Andrade en 1371, Fernán Pérez o Bo, o seu primeiro señor, fixo construír tamén unha torre de homenaxe que os eumeses chamamos Torreón, cuxa “misión principal era a de ser o último reduto defensivo, naqueles casos nos que unha ameaza, quer exterior á praza, quer froito dunha sublevación interior, puxesen en perigo a vida dos moradores do palacio. Neste caso, o Torreón fornecido de víveres e defendido desde o seu interior polos seus máis fieis seguidores, serviría de último parapeto, desde o que se podería resistir algún tempo ata que a ameaza desaparecese ou chegase algunha partida amiga con reforzos" (Idem, p. 84).

No debuxo de Pedro Texeira, de 1634 (Pedro Texeira: La descripción de España y de las costas y puntos de sus reinos, 1634), “advertimos que a muralla ameada, cunhas nove torres, cingue a vila en forma de semicírculo. Discorría esta muralla ao longo da ribeira do mar ata a amea antiga, bordeaba o palacio, seguía polas rúas do Picho e A Tafona e baixaba á ribeira do mar pasando a carón da fonte do convento de Santo Agostiño. Nun principio contaba coas portas da Ponte, de San Roque ou da Vila (nos estremos da rúa Real) e a de Porto ou de San Miguel, nas inmediacións da súa capela. Posteriormente, foron abertas as portas da Salga ou do Torreón, na hoxe rúa do mesmo nome; a do Postigo [O Picho], que comunicaba a vila co que hoxe se chama a rúa da Fontenova; e a da Carnicería ou Trabanca, ao final da rúa de San Agustín” (tomado e traducido de Carlos de Castro Álvarez: Calles, plazas y jardines de Pontedeume. Denominación, morfología y actividad en el espacio público (1270-1970), Pontedeume, 2007, p. 120).

Así e todo, xa a principios do século XVIII, esta estrutura defensiva estaba moi deteriorada. Como nos conta o profesor De Castro Álvarez, o dezasete de xullo de 1702, a Corporación Municipal, temendo a invasión de inimigos ingleses e holandeses, decide que non compensa reconstruíla, porque "as murallas están arruínadas e as portas vellas e caídas [...] e acorda pedirlle ao gobernador e capitán xeneral do reino permiso para aproveitar as madeiras cortadas do Areal e facer as portas do Torreón da Ponte e da Carnicería e poñer paramentos onde sexa preciso [...]. Con posterioridade á acta de 1702, xa non se volve falar de ruína e reedificación da muralla, aínda que si [...] das portas de entrada, que, polas súas características arquitectónicas, van presentar unha maior resistencia á súa desaparición; o arco de Maldonado é unha boa proba diso" (Idem, p. 123 e 124).

O profesor De Castro Álvarez confirma que en 1830 estaba tan arruínada que cando "o Concello ten que arbitrar medidas de defensa, nin sequera fai alusión ás murallas, de tal xeito que as portas que se mandan construír son para pechar rúas [...]. No debuxo de Jenaro Pérez Villaamil de 1849, pode advertirse que a muralla, en avanzado estado de descomposición, posuía grosos estribos [na porta do Torreón]". Así e todo, o vinte e un de agosto de 1852, a Corporación Municipal acorda, como recolle De Castro Álvarez, que debe demolerse a parte que se comezara preto do Torreón porque non tiña a solidez precisa e estaba mal trazada a liña para enlazar coa muralla antiga (cfr. idem, p. 124 e 125).  

 

Añadir nuevo comentario