Usted está aquí
Miguel Garcia Posada gaba a figura de Ramiro Fonte
Co gallo da edición de Ramiro Fonte: Capitán Invierno, Pre-Textos, Valencia, 2002, unha tradución a castelán realizada por Xavier R. Baixeras de Ramiro Fonte: Capitán Inverno, Xerais, Vigo, 1999, o crítico literario Miguel García-Posada publicaba no ABC Cultural, o dezaoito de maio de 2002, este artigo tan laudatorio sobre Ramiro Fonte, que poñemos na nosa lingua, que era tamén a do poeta.
É Ramiro Fonte un dos poetas máis destacados na hora actual da nosa poesía. Que escriba en galego resulta irrelevante a estes efectos valorativos, porque Fonte non se circunscribiu a territorio “rexional” ningún e esixe ser medido no cadro de toda a poesía española, fágase en castelán ou non. Máis en concreto, Fonte é un dos mellores representantes da chamada “poesía da experiencia”, termo este equívoco pero que designa a máis poderosa corrente de alternativa ao culturalismo que se rexistrou na nosa lírica desde os comezos dos anos oitenta.
Fonte é poeta da experiencia no radical sentido da expresión, porque toda a súa poesía consiste na manifestación segura e solvente dun vivir, dun estar en contacto coa vida histórica e existencial. Non se trata de que Fonte tramite poeticamente as súas experiencias; ben ao contrario, a cuestión reside en que é un poetizador maxistral daquelas, de xeito que, verdadeiras ou falsas no ámbito do real, resultan verdadeiras, convincentemente verdadeiras, no ámbito do discurso poético (Xenial retrato acróstico de Ramiro Fonte realizado por Pepe Barro).
Fonte recupera nalgún sentido a imaxe do poeta sabio de vida, curtido por todos os ventos, que coñece os relativismos e nimiedades do existir, e que se apoia neles para verter a súa ciencia vital na branca melodía destes versos —falo agora de Capitán Invierno (Capitán Inverno), que publicaron as Edicións Xerais de Galicia en 1999 e agora edita en castelán Pre-Textos, en versión de Xavier R. Baixeras— . A tradución deste libro acredita, unha vez máis, a vocación de poeta español de Fonte, por riba das continxencias idiomáticas —A tradución é correcta, pero Fonte merece ser lido no orixinal—. Esa imaxe de poeta sabio —e soñador, melancólico e fondo soñador, pero nunca iluso— obríganos a pensar en Antonio Machado.
Capitán Invierno é anterior ao maxistral A rocha dos proscritos e o radical tour de force no seu retorno ás fontes do modernismo primixenio. Valéndose agora, sobre todo, da silva branca, manexada con absoluta soltura, que acada un estremo refinamento estrutural na complexa arquitectura dalgúns poemas —véxase o extenso “Una leyenda” (Unha lenda)—, verte o poeta unha profunda, substanciosa melancolía vital: “Paseo porque quiero / habitar la ciudad /con mis propios recuerdos” (Paseo porque quero habitar a cidade / cos meus propios recordos). É dicir, e como reza o peche desta composición, “Contar eso que canto con mis pasos” (Contar iso que cantan os meus pasos).
Poeta de camiños, que padece ou soña, sabe que vive unha idade sen piedade, unha condición sen piedade, pois a piedade non figura entre os “recursos estilísticos” do tempo, xa que a vida é “un tahúr impenitente” (tafur impenitente). Non renuncia o suxeito poético á súa persoa, aínda que a incorpora a un máis amplo escenario desde o que vai proferindo o seu dicir fermoso, lúcido e solidario, acompañado pola “música del Réquiem de Mozart porque siempre / hay alguien escuchándola” (música do réquiem de Mozart porque sempre / hai alguén escoitándoa), e sumido na traxedia schopenhaueriana que é a vida: “La lógica de los formidables maremotos / que hay en los pequeños universos, / en aguas de una lágrima” (A lóxica dos grandes maremotos / contidos nos pequenos universos, / nas augas dunha lágrima); consciente de que a confesionalidade dos versos nos obriga “a poner demasiadas denuncias / contra nosotros mismos / en tribunal de guardia que llamanos olvido” (a pór demasiadas denuncias / contra nós mesmos / nun tribunal de garda que chamamos olvido) (Retrato de Ramiro Fonte realizado por Victor G. Garabana).
Así, con este ton confidencial, sen ampulosidades nin énfases, vaise debullando o extenso poemario, habitado polas antigas paisaxes do poeta, as paisaxes urbanas ou mariñás, os cafés, os vellos cines, os barrios humildes, os teimudos bebedores, os raros turistas ou peregrinos... Unha lección de perdurable poesía, perdurable e abundante.
Miguel García-Posada: “Ramiro Fonte: ‘Capitán Invierno’. O poeta sabio”, ABC Cultural, dezaoito de maio de 2002, Madrid, 2002,p. 15. Pódese ler o artigo neste enlace http://hemeroteca.abc.es/cgi-bin/pagina.pdf?fn=exec;command=stamp;path=H:\cran\data\prensa_pages\Madrid\Cultural\2002\200205\20020518\02Y18-015.xml;id=0005393544.
Añadir nuevo comentario