Usted está aquí

A matanza dos inocentes

JoseFS

O día dos inocentes tivo a súa orixe na matanza, ordenada por Herodes, de todos os nenos menores de dous anos de Belén e toda a bisbarra para acabar co que moitos adoraban como rei (A matanza dos inocentes nas pinturas murais da catedral de Mondoñedo).

Conta o Evanxeo de san Mateo que “Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. Pouco despois, uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando: ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá en Oriente e estamos aquí para lle rendermos homenaxe.

Oído isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén, e convocou os sacerdotes e letrados do pobo para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon: En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: E ti Belén, terra de Xudea, / de ningún xeito es a máis pequena / entre as vilas de Xudea, / que de ti sairá o guía / que será o pastor do meu pobo de Israel (Palacio de Herodes).

Entón, Herodes, ás agachadas, chamou aos magos para se informar ben de cando se lles aparecera a estrela. Logo, mandounos a Belén, dicíndolles: Ide e informádevos cumpridamente de todo o que se sabe dese neno; e, unha vez que o atopedes, avisádeme porque eu tamén quero ir onda el para lle render homenaxe (Salterio de Ingeborg).

Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. A estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba do lugar onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren a estrela alí pousada (Adoración dos Reis Magos de Murillo).

Cando entraron na casa, atoparon o neno con María, a súa nai, prostráronse e rendéronlle homenaxe. Logo, abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como agasallo ouro, incenso e mirra. Despois, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño (Tímpano de San Fiz de Solovio en Santiago de Compostela).

En canto se foron, un anxo do Señor aparecéuselle a Xosé en soños e díxolle: Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe cara a Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para o matar (O soño de Xosé de Gaetano Gandolfi).

Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi cara a Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta: Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto (A fuxida a Exipto de Rembrandt).

Daquela, Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E botando contas polos datos que eles lle proporcionaran, mandou matar a todos os nenos menores de dous anos, de Belén e de toda a bisbarra. E así se cumpriu tamén o que dixera o profeta Xeremías: Oíuse un berro en Ramah, / choros e moito lamento: / Raquel choraba polos seus fillos, / e non tiña consolo porque xa non existían” (A matanza dos inocentes nas pinturas murais da catedral de Mondoñedo).

Evanxeo de san Mateo, 2, 1-18.

Añadir nuevo comentario