Usted está aquí

María Fidalgo e Abelardo Miguel

JoseFS

O pasado dous de xaneiro, na Casa da Cultura de Pontedeume, tiven a honra de presentar a María Fidalgo Casares e escoitar a súa rigorosa, apaixonada, didáctica, amena e reivindicativa conferencia sobre o pintor Abelardo Miguel. Isto foi o que dixen:

Sempre é un pracer volver a este vello convento agostiño que vixiaba os meus xogos de neno na vella praza terreira á que me levaban a miña tía María Edreira, a miña avoa Jesusa ou os meus pais, e desde a que se podía ver tamén o Coliseo ou a daquela fermosa casa de Maruja Pena, que tantas veces me acolleu na infancia, e que hoxe vemos con pesar comesta pola ruína.

Por iso teño que agradecerlles, e con moito gusto o fago, ao alcalde, á concelleira de Cultura, á corporación municipal e, por suposto, a María Fidalgo, que me convidasen a participar neste importante acto que, xunto con outros, serve para lle render unha máis que xusta homenaxe a Abelardo Miguel no primeiro centenario do seu nacemento.

Hoxe a vella praza de terra, que fora remodelada co gallo da celebración do sétimo centenario da fundación da vila polo rei Afonso X, con xustiza alcumado o Sabio, que lle cantou ou mandou cantar en galego á Virxe nas Cantigas de Santa María, presenta unha faciana moi diferente á aquelas dúas etapas e a pétrea figura do culto monarca ocupa un lugar relevante na chamada horta dos frades, coa coroa na cabeza e un libro na man esquerda, que eu quero crer que contén aquelas marabillosas cantigas escritas na nosa lingua e fermosamente miniadas.

Di o Libro da Xénese que Deus creou o mundo en seis días e, ao sétimo, descansou, e conta unha lenda que o lugar que o Creador escolleu para o seu repouso foi unha illa situada no norte do océano Atlántico, que hoxe coñecemos como Irlanda. Aquel Deus de inmenso poder estendeu a súa enorme man dereita sobre as augas salgadas e entre os ocos dos seus dedos xurdiron catro marabillosas rías, as de Ares, Betanzos, A Coruña e Ferrol, coas que ningunha outra podía competir porque naceran do propio corpo carnal da divindade. Así pois, Pontedeume quedou desde a creación irremisiblemente vencellado ao mar.

Non lle pode pois estrañar a ninguén que cando o rei Afonso X, o trinta de decembro de 1270, mandou poboar o lugar que chamaban Pontedeume e fundar alí ex novo unha vila de reguengo, lles outorgase aos que decidisen vivir nesta pobra e no seu alfoz o dereito a pescar libremente e sen carga naquel mar, e ordenase tamén que non tivesen que pagar o portádego nin dereitos ningúns do que pescaren cos seus navíos na vila nin no seu alfoz.

Durante toda a súa historia, en Pontedeume sempre tivo unha grande importancia a pesca, cousa que se ve mesmo na toponimia menor que recolle o nome da rúa da Pescadería como un dos máis antigos da vila; o profesor Carlos de Castro atopou documentos nos que aparece citada como tal en 1574 aínda que pensa que a súa orixe ten que remontarse a unha época máis temperá. Sempre é un pracer pasear por esta rúa. Así e todo, ao meu ver, os eumeses sentimos alí unha maxia especial o Venres Santo, ás oito da mañá, cando acompañamos as imaxes de san Xoán, a Verónica, o conxunto do Nazareno coa cruz ás costas e a Virxe das Dores, arrolados pola doce melodía do Paso.

Consciente tamén desa importancia da pesca en Pontedeume, o arcebispo Rajoy mandou facer en 1763 as lonxas de pedra que aínda hoxe se conservan na nosa ribeira e unha das principais actividades que alí se desenvolvían era a salga para a conservación do peixe.

O propio Ramiro Fonte asegura en Os meus ollos que, “para sermos xustos, as familias que vivían do peixe atesouraban a verdadeira memoria popular de Pontedeume. Gracias a elas, malia a nosa situación xeográfica, conformabamos aínda unha vila mariñeira. Analfabetos, manexaban oralmente o fermoso dicionario do mar. Aprendíannos que as embarcacións do peirao se correspondían con distintos nomes, como caiuco, bote ou buceta, e que eran necesarios outros nomes como estrobo, tolete ou rizón para poder navegar nelas”.

Quen non ten na súa familia unha peixeira, un mariño ou un mariñeiro. Eu, desde logo, non podo nin quero deixar de recordar aquí á miña avoa Marina Vázquez, ao meu pai Pepe Fonte, ao meu irmán Pibo, ou ao meu tío Antón, entre tantos outros.

Todo iso fixo sen dúbida que Abelardo Miguel pintase coma ninguén a vida dos nosos mariñeiros e peixeiras nos seus lenzos e que lograse, coa maxia da imaxe, transmitir o que dixera con palabras, non menos marabillosamente, Castelao en Sempre en Galiza do noso mar e os mariñeiros galegos:

“O peixe é un dos símbolos de Cristo.

O peixe é a prata do mar feita carne.

Cada peixe ten a sustancia do seu mar. O peixe do Mediterráneo sabe a carne civilizada e xa decadente. O peixe do Atlántico –un mar terriblemente salvaxe− sabe a sal de vida libre.

O peixe galego trai nas frebas da carne as mellores esencias do Océano.

¡Canto custa criar un quilo de carne de vaca! En troques a carne de peixe críase sen coidados nen gastos.

A pesca era un traballo nobre e xeneroso. Por algo Xesús de Nazaret escolleu, para os seus apóstoles, a doce mariñeiros. Mais agora péscase con dinamita…

Cando naufragaba unha lancha morría o ‘patrón’ xunto cos ‘compañeiros’. Agora o ‘patrón’ chámase ‘armador’ e nunca morre afogado, porque xa non vai ao mar.

A pesca en Galiza ennobrecerase de novo cando retorne ás maneiras colectivistas da nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo. ¡O que queira ‘quiñóns’ que xogue a vida no mar!

O Fisterre galego –a punta máis avanzada de Europa− fíxose para pescar.

A xente da Meseta sóio coñece as momias de sardiña, en ataúdes de folla de lata ou en tambores de madeira. O día que teñamos un gran porto pesqueiro e vías de transporte lixeiras e baratas, toda Hespaña comerá peixe fresco.

A Hespaña que morre de carne de porco revivirá pola carne de peixe galego.

O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura”.

Sen dúbida é María Fidalgo Casares a persoa que mellor estudou a obra de Abelardo Miguel, á que lle dedicou a súa tese de doutoramento e unha boa parte do seu amplísimo traballo de investigación, que analizou tamén a obra de autores tan importantes como Murillo, Ferrandiz ou Ferrer Dalmau, sobre o que acaba de publicar un magnífico libro titulado Bocetos para la historia, que vos recomendo.

Moito tivo que ver María Fidalgo, seguro, con que Ferrer Dalmau se decidise a pintar ao noso paisano Alonso Pita da Veiga como protagonista da batalla de Pavía o vinte e cinco de febreiro de 1525, ao ser un dos que apreixaron ao mesmísimo rei Francisco I de Francia. Recordo ben o día que María mo dixo en primicia, facéndome gardar o secreto de confesión ata que se fixese público.

Cando María soubo que era sobriño de Celestino Sardiña, tamén me falou un día da intervención da súa avoa Teresa, para que a miña, Jesusa Barral, a persoa máis boa que coñecín na vida, recuperase o anel do seu home. A versión que ela me daba era moi similar á que me contara a miña avoa, aínda que engadía algúns detalles que eu descoñecía. Non era tan milagreira coma a do galego san Rosendo cando recuperou o anel que arrebolara ás augas do Eume, pero si para min máis entrañable.

Nun estudo de investigación que fixen sobre a iconografía eumesa  referente ao apóstolo Santiago, publicado na revista Cátedra, tamén me achegou María Fidalgo un interesante dato sobre o redescubrimento da marabillosa imaxe pétrea, sedente no trono da Gloria, do noso patrón, que hoxe preside o retablo maior da igrexa parroquial de Pontedeume, no que tiveron especial protagonismo o seu pai, o pintor López Guntín e Abelardo Miguel.

María Fidalgo impulsou decididamente o nomeamento de Abelardo Miguel como fillo predilecto de Pontedeume, sendo instrutora do expediente preceptivo, no que buscou a colaboración doutros expertos como os profesores Ángel Sicart e Paz Gago e o noso común amigo Paco Singul, unha das persoas que máis sabe sobre a arte no Camiño de Santiago e todo canto ten que ver co mundo xacobeo.

Aínda que María Fidalgo naceu en Ferrol, está vencellada coa real vila de Mugardos, onde conta a lenda que en 1689 a raíña Mariana bateu co seu traseiro nunha pena, desde aquela chamada do Cu da Raíña, e hoxe vive en Sevilla, eu penso que ben merece o título de eumesa, xa que ten moitas veces presente a Pontedeume nos seus recoñecidos artigos no Mundiario, en Galicia Ártabra Dixital e outros, foi pregoeira das Festas das Peras, sempre colaborou nos actos culturais da vila, levou ao seu neno aos mómaros e, malia que nunca llo preguntei, seguro que sabe cantaruxar a música do Paso.

Como dicía Ramiro Fonte en Os meus ollos, “nós eramos descendentes dos Andrade, unha das máis poderosas casas da Galicia medieval. Donos de vidas e facendas, señores de forca e coitelo, pero tamén cultos”. Así pois, imitemos a parte boa destes nosos devanceiros, rexeitando a pretensión de sermos donos de vidas e facendas e señores de forca e coitelo, pero fomentando como o facían a cultura, honrando aos que nos deixaron como Abelardo Miguel e apoiando o traballo de magníficos creadores eumeses que seguen na loita como Ito Mosquera, ao que María tanto admira, eu tamén o fago, o meu outrora veciño das Virtudes Jacobo Muñiz, Víctor Gómez Garabana, Sandra Sarmiento e tantos outros, para seguir sendo a vila culta da que sempre nos gabamos.

 

Añadir nuevo comentario