Usted está aquí

As lonxas que lle mandara facer Rajoy a Alberto Ricoy na ribeira eumesa en 1763

JoseFS

Conta o sacerdote e profesor de Arqueoloxía, Historia e Patrística no Seminario compostelán, José Couselo Bouzas, que "a munificencia de Rajoy coa súa vila natal non só se refería ás obras que se relacionaban coa relixión e o culto, senón tamén ás que tiñan por obxecto os intereses terreais e o benestear material dos seus habitantes. Esa era a finalidade que tiñan as lonxas que o prelado determinou edificar no seu pobo no ano 1763. O propio párroco de Pontedeume, don Tomás Moreira e Montenegro, 'por mor da orde e facultade do arcebispo, fai un contrato con Ricoy, o vinte e oito de setemebro dese 1763, residente na vila desde máis de catro anos a esta parte, para a edificación de dez lonxas ou bodegas, para nelas fabricar sardiña salgada e outras cousas, na ribeira do mar, fronte á muralla que pecha a horta da excelentísima señora condesa de Lemos e á torre [o torreón] pegada ao seu palacio'. Cada lonxa (fábrica de fomento e salgadura, que se di hoxe) tería de longo dezaoito varas en oco e oito de ancho. Entre a horta da condesa e a lonxa quedaría un oco 'no que caiban dous carros á par'. Pagaría Rajoy por esta obra doce mil reais" (tomado e traducido de José Couselo Bouzas: Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX, primeira edición Santiago de Compostela, 1933; edición utilizada Santiago de Compostela, 2005, p. 566).

Estas lonxas de Raxoi, que acollen entre outras cousas un albergue para peregrinos a Santiago polo Camiño Inglés e, provisionalmente, o mercado de abastos, ata que remate a ansiada remodelación da praza, fóronlle encargadas polo arcebispo a Alberto Ricoy, consonte se di no contrato de obra, porque levaba xa catro anos en Pontedeume realizando os traballos de construción das tres torres da fachada da igresia parroquial que tamén lle foran encomendadas polo noso ilustre prelado.

Alberto Ricoy fixo tamén na fachada da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume o relevo do Matamouros e o escudo dos Andrade coas dezaoito bandeiras da famosa batalla de Seminara librada polo conde don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas e a lenda Ave María.

Añadir nuevo comentario