Usted está aquí

As lendas da sombra do peregrino na Quintana

JoseFS

¿Onde se meterá a sombra do peregrino que todas as noites aparecía puntual á súa cita aos pés da Berenguela, a torre do Reloxo da catedral compostelá, e que, por mor das obras que alí se están a facer, levamos meses sen ver?

Contan en Santiago de Compostela que, hai xa un par de séculos, o cóengo máis novo do Cabido da Catedral lle facía as beiras á unha fermosa novicia do mosteiro de San Paio de Antealtares e seica era correspondido por ela.

Os dous namorados, a véspera de que a rapaza tomase os hábitos, decidiron que esa mesma noite, cando a Berenguela dese as derradeiras doce badaladas do día, a rapaciña fuxiría do convento e o cóengo a agardaría ao pé da torre do Reloxo, vestido de peregrino para que ninguén o puidese recoñecer, e marcharían xuntos fóra de Santiago a vivir libremente o seu amor.

Esa noite o cóengo acudiu puntual á cita coa súa amada na praza da Quintana pero a novicia arrepentiuse e decidiu ser fiel á súa vocación, tomar os votos definitivos, facerse monxa do convento de San Paio de Antealtares e renunciar ao amor mundano para llo entregar a Deus.

O cóengo agardou á súa amada toda a noite e ela mirábao chorosa desde a ventaíña da súa cela de Antealtares. Alí seguiu acudindo, melancólico, todos os días da súa vida, á tardiña, desde o mosteiro de San Martiño Pinario onde vivía, coa esperanza va de que ela se decidise unha noite ao acompañar.

Mesmo despois de morto non deixou o cóengo de acudir a aquela ansiada cita e a súa sombra, co hábito e o sombreiro de peregrino, e o bordón coa cabaza na man, aparece diariamente no recanto da dereita, ao pé da torre do Reloxo, contra a noitiña, e non marcha ata que chega a alba do día.

Hai tamén quen di que a sombra deste peregrino reflectida ao pé da torre do Reloxo da Quintana é a do nobre francés Léonard du Revenant. Seica na segunda metade do século XV este rapaz, fillo bastardo do duque de Borgoña, Carlos I o Temerario, cuxo escudo de armas aparece na imaxe, envelenou o seu pai putativo Leon du Cornu para cobrar a súa herdanza.

A falcatruada non lle saíu ben porque foi descuberto e condenado a cadea perpetua. Así e todo, a intercesión do duque de Borgoña logrou que a pena lle fose conmutada, como era habitual na Idade Media e nos conta tamén o sermón Veneranda dies do Códice Calixtino, por unha peregrinación expiatoria como camiñante e penitente a Santiago de Compostela para abrazar o Apóstolo e obter o seu perdón.

Así saíu de París polo Camiño Francés, pasando por Tours, Poitiers, Bourdeaux e Saint Jean Pied de Port. Todo ía ben ata que chegou a Roncesvalles e coñeceu, nunha pousada na que parou, unha fermosa rapaza navarra que alí servía.

Léonard du Revenant fíxolle as beiras e a rapaza rexeitou os seus amores porque xa tiña mozo e quedaran en verse de noite na fraga cando os dous rematasen os seus traballos. Foi daquela cando a maldade e a soberbia se apoderaron do francés, que esperou agochado a chegada do mozo ao bosque e o matou a traizón. Logo agardou pola fermosa rapaza, violouna e deulle despois morte a ela tamén. Léonard sepultou os dous corpos na fraga para que ninguén os atopase e marchou decontado cara a Zubiri para continuar a súa peregrinación a Santiago, onde chegou un mes máis tarde, o día vinte e cinco de xullo, para gañar a indulxencia xubilar e o perdón da xustiza.

Aquela noite non atopou pousada en Compostela e decidiu pasala á intemperie na praza da Quintana, ao abeiro da catedral. Léonard sentou ao pé dos seus muros e, abrigado cunha mantiña que levaba, quedou profundamente durmido.

De socato, co son das doce badaladas da Berenguela, aparecéuselle nun soño seu pai putativo Leon du Cornu que lle dixo que coa súa peregrinación expiara a culpa polo seu asasinato e as súas contas coa xustiza pero non así polo crime dos dous rapaces navarros e que só obtería o perdón do Apóstolo e o dereito a entrar pola Porta Santa se as almas daqueles namorados viñan peregrinando a Compostela.

Léonard, fóra de si e aínda medio durmido e desconcertado, sacou do seu cinto o puñal con que matara os dous noivos navarros e arremeteu contra aquela figura imaxinaria do seu pai putativo que vira no soño, con tanto ímpeto que bateu a cabeza contra a parede e morreu alí mesmo desangrado e así foi atopado polo crego de Antealtares na alba do día.

O seu corpo foi enterrado en Santiago e seica o seu espírito se aparece todas as noites en forma de sombra na Quintana, co sombreiro e o bordón de peregrino, na parede da catedral, agardando inutilmente a chegada dos rapaces navarros para conseguir a redención do seu terrible pecado.

Eu mesmo, que puiden ver esta sombra moitas veces ao pasar de noite pola Quintana e sentín un arrepío o día que escoitei, mentres a contemplaba, as doce badaladas do reloxo da Berenguela, dou fe de que, for a do espírito do cóengo for a do fillo bastardo do duque de Borgoña, non deixa de presentarse á súa cita ningún día. Os máis descridos din, e seguramente terán razón, que a misteriosa sombra é o reflexo da luz sobre o piar que hai ao lado; así e todo, a min gústame pensar que algo de verdade, polo menos poética, haberá tamén nestas dúas lendas.

Añadir nuevo comentario