Usted está aquí

A lendaria ponte do Burgo

JoseFS

Unha das sete pontes que a lenda conta que Fernán Pérez de Andrade o Bo mandara facer no Camiño Inglés foi a que une os actuais concellos de Culleredo e Cambre, onde o río Mero abraza ás augas salgadas da ría do Burgo.

A localidade, de fondas raíces xacobeas, que, desde a súa fundación polo rei Afonso VII (1111-1157), tomou como padroeiro ao Apóstolo o e nome de Santiago do Burgo, que esta parroquia do municipio de Cambre aínda conserva na actualidade, así como unha igrexa baixo o seu patrocinio, foi porto de acollida dos peregrinos que chegaban por mar a estas terras, sobre todo procedentes dos portos ingleses, e lugar de carga e descarga de mercadorías marítimas.

 

A primacía, ata o século XIII, do porto do Burgo sobre outros foi debida á seguridade que os cabaleiros da Orde do Temple lles proporcionaban tanto aos peregrinos como aos comerciantes que alí chegaban. Os templarios levantaron un castelo-fortaleza e unha igrexa, onde hoxe se atopa a ermida románica de Santa María do Temple, no municipio de Cambre. Estes cabaleiros custodios do Camiño de Santiago vixiaban desde a fortaleza a chegada dos barcos ao porto, dábanlles acollida, atención e aloxamento aos peregrinos e ofrecíanlles protección coa súa presenza na ruta. Contan que un deles trouxo de Xerusalén unha das hidrias das vodas de Caná, nas que Xesús Cristo, por intercesión da Virxe María, fixo o milagre da conversión da auga en viño, que na actualidade se utiliza como pía bautismal.

Así e todo, a partir do século XIII, o da Coruña será o principal porto de acollida para os peregrinos que viñan a Galicia por vía marítima para realizar desde aquí a pé ou dacabalo a ruta que os conduciría ata a sé onde repousan os restos do apóstolo Santiago en Compostela (Debuxo de Pier Maria Baldi no século XVII).

Parece que a ponte de pedra medieval do Burgo puido ter algúns arcos máis cá actual, que hoxe estarían sepultados baixo as augas. Fora derruída o dezaseis de xaneiro de 1809 por sir John Moore para conter o ataque das tropas francesas antes da batalla de Elviña; polo seu valor, o inglés foi enterrado con honores militares na Coruña e na súa honra levantado na cidade coruñesa un monólito coa inscrición HIC OCCIDIT JOHANES MOORE DUX EXERCITUS ANGLICAE IN PUGNA JANUARI XVI 1809 CONTRA GALLOS A DUCE DALMATIAE DUCTOS (Aquí morreu John Moore, xefe do exército inglés, o dezaseis de xaneiro de 1809, na batalla contra os franceses comandados polo duque de Dalmacia) (Foto de E. Mosqueira).

A propia Rosalía de Castro fixo un emotivo pranto en Follas Novas (Rosalía de Castro: Follas Novas, primeira edición, Madrid, 1880; edición citada Xerais, Vigo, 2001, p. 153 e 154) na súa honra no que dicía:

“Lonxe caíche, pobre John, da tomba

onde cos teus en descansar pensaras.

En terra allea inda os teus restos dormen

i os que te amaron e recordan inda,

mirando as ondas do velado Océano,

doridos din, desde as nativas praias:

‘¡Aló está el, tras dese mar bravío;

aló quedou, quisais, quisais por sempre;

tomba onde naide vai chorar, cobexa

amadas cinzas do que nós perdemos...!’.

[...]

¡Mais que fermosa e sin igual morada

lle coupo en sorte ós teus mortales restos...!

¡Quixera Dios que para ti non fora,

nobre estranxeiro, habitación allea...!

que n’hai poeta, ensoñador espirto

non pode haber que ó contemplar no outono

o mar de seca, amarillenta folla,

que o teu mausoleo con amor cobexa”.

(Foto de E. Mosqueira)

A ponte estivo desde aquela en ruínas ata que o dezasete de xuño de 1993 foi inaugurada, despois da súa reconstrución pola Escola Taller de Culleredo. Hoxe presenta doce arcos de medio punto, dos que seis proceden da primitiva edificación, separados por tallamares triangulares para conteren a forza da marea. É un paso seguro para os peregrinos que veñen desde A Coruña polo Camiño Inglés a Santiago de Compostela, porque ao seu carón, á dereita, foi construída unha sólida ponte de formigón destinada ao tráfico rodado.

Entrando por Cambre, no peitoril da dereita, ten labrado un escudo coa lenda AVE MARIA GRATIA PLENA e a cabeza dun xabaril, símbolos da Casa dos Andrade, e ao pé da ponte foi chantado un fermoso cruceiro.

Añadir nuevo comentario