Usted está aquí

Lenda de Mariña a serea de Salvora. O que aconteceu na illa unha noite de san Xoán

JoseFS

A miña avoa, á que non cheguei a coñecer,

e ás miñas irmá e sobriña,

as Mariñas ou Marinas da familia,

e ao meu irmán, na véspera do seu santo.

 

Consonte os relatos da Chançon de Roland e o libro IV do Códice Calixtino, Roldán morreu o quince de agosto do ano 778 na batalla de Roncesvalles loitando contra os infieis no exército comandado por Carlomagno, que decidira así cumprir o mandato que lle dera o apóstolo Santiago cando se lle aparecera nun soño.

Cando fixo soar o seu olifante para avisar ao emperador de que fora vítima dunha emboscada xa era demasiado tarde para que o salvaran. O corpo de Roldán foi embalsamado alí, despois de ter sido chorado por Carlomagno, e levado logo á cidade francesa de Blaye para o enterrar.

Así e todo, contan na illa de Sálvora que a historia non foi como din estes libros. Segundo alí aseguran, Roldán logrou fuxir ferido desde Roncesvalles ata o porto de San Sebastián, onde colleu un barco no que atravesou o Cantábrico, pasou polo noso golfo Ártabro e chegou á illa de Sálvora no Atlántico.

Xa na illa, construíu unha fermosa casa e quedou alí a vivir sen dar a coñecer a súa verdadeira identidade. Un día que paseaba pola praia viu tirado na orela o corpo dunha muller moribunda, colleuna no colo e levouna ao seu fogar. Roldán quedou enfeitizado coa beleza da rapaza e coidouna con tanto agarimo que a moza sandou aos poucos días.

A fermosa rapaza de longos cabelos louros era unha serea que chegara perdida ata a illa e non podía falar. É ben sabido que estes seres mitolóxicos mudan a súa cola de peixe cando están fóra da auga salgada por unhas pernas de muller e perden a súa sempre deliciosa e feiticeira voz.

Como a serea non podía falar, Roldán púxolle o nome de Mariña, porque viña do mar, e á rapaza semellaba que lle gustaba. O amor non tardou en xurdir entre eles e só dez meses despois de que a serea chegase á illa xa tiñan un fillo ao que chamaron Xoán (Foto Lola Fornos Ríos-Garabana).

Na véspera da festa do santo do neno, cando aínda non cumprira o seu primeiro ano, como mandaba unha tradición que Mariña descoñecía, Roldán acendeu un enorme folión na praia para o saltar. Cando as lapas estaban máis altas, Roldán colleu o seu fillo no colo, foi correndo cara ao folión, deu un gran chimpo e atravesaron os dous o ancestral lume purificador, mentres as muxicas salpicaban os seus rostros.

Mariña, como descoñecía aquel costume, pensou que Roldán se volvera tolo e quería queimar o seu fillo nas lapas polo que tentou chamalo con tanta forza para o deter que recuperou a súa voz. Roldán tranquilizou a Mariña e explicoulle que saltara con Xoán o folión seguindo unha vella tradición e xuroulle que el nunca poría en perigo o seu fillo.

O neno medrou feliz e, cando se fixo maior, marchou da illa. Roldán e Mariña viviron xuntos e namorados moitos anos en Sálvora e abofé que foron moi ditosos.

Cando morreu Roldán, Mariña volveu ao mar, recuperou a súa cola de peixe coa auga salgada e viviu eternamente na súa antiga cova co espírito do seu namorado como compañeiro. Contan os vellos mariñeiros que sucan as augas do Atlántico que, aínda hoxe, nos días nos que o mar está máis embravecido, Roldán fai soar o seu olifante para os avisar do perigo, e que tamén o fai a noite meiga de San Xoán (Foto Lola Fornos Ríos-Garabana).

Añadir nuevo comentario