Usted está aquí

Lembranza dos meus primeiros mestres

JoseFS

En setembro de 1968 comezabamos os nenos eumeses nacidos en 1964 a nosa primeira experiencia como alumnos de parvuliños no edificio da antiga Cátedra de Latinidade, na que estudara tamén o mesmo arcebispo Rajoy, e en xuño de 1978 rematabamos o ciclo de EXB, no daquela chamado Colexio Nacional Couceiro Freijomil.

Naquela marabillosa década, primeiro dous anos como parvuliños no edificio que hoxe é a Biblioteca Municipal, despois outros dous a carón do adro das Virtudes no Agustín Tenreiro, logo un novo bienio no Pescador e, finalmente, os últimos catro no actual colexio, fixemos grandes amigos para toda a vida e tivemos tamén moi bos profesores que nos aprenderon a camiñar sos polo mundo adiante e aos que lles estamos eternamente agradecidos.

Na nosa lembranza vivirán sempre o querido compañeiro e amigo Bicocas e inesquecibles mestres como don Pablo Díaz, o entusiasta director do colexio e grande amante da filatelia e a cultura eumesa; don Julio Fernández, que nos aprendía as Matemáticas cunha disciplina case militar; don David Piñeiro, que ensinaba esta mesma materia con métodos máis modernos; dona Mercedes Álvarez, que cunha infinita paciencia conducía as miñas torpes mans nas clases de Plástica e Pretecnoloxía; don Ignacio Dosil, que sabía mostrarnos decote o lado humano da Historia; don Pepe Gómez, que guiou as miñas primeiras redaccións, me aprendeu a amar a lingua e espertou a miña vocación pola Filoloxía; dona Pilar Martínez, que alentou os meus primeiros balbucidos en francés e mellorou a miña malísima letra; e por suposto tamén don Antonio Freijomil, ao que non lle gustaba moito saír nas fotos e que nos inculcaba os valores do deporte, a liberdade, a solidariedade e o europeísmo, nuns tempos nos que a democracia aínda estaba nacendo por estes lares.

A todos eles e tamén aos que aínda viven quero presentarlles, no meu nome e penso que no de boa parte dos seus alumnos daqueles anos, o noso respecto, admiración e gratitude.

 

 

 

Añadir nuevo comentario