Usted está aquí

A importancia das arbores segundo Castelao. As Fragas do Eume, o principal bosque atlántico de Europa

JoseFS

Desde o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, chantado por uns eremitas a finais do século X en pleno corazón das Fragas do Eume, o bosque atlántico máis importante de Europa, lembramos a fermosa e atinada reflexión que fixera Castelao sobre as árbores da nosa terra.

O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza (Foto de Ángel Cendón).

O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do espírito, porque nas súas ponlas conta contos o vento (Foto de Ángel Cendón).

O albre dános a froita, que é un manxar composto polo mesmo Creador, para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do Paraíso perdido.

O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida, bonitura.

O albre dános a sombra fresca no vran e a quentura garimosa no inverno (Foto de Ángel Cendón).

O albre dános as trabes, o sobrado e as portas da casa. Dános a cama, o almario das sabáns e a artesa do pan. Dános o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar á terra (Foto de Ángel Cendón).

O albre dános o papel barato que nos trai a decotío as novas do que pasa no mundo.

Val máis unha Terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.

A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o Estado unitario.

Os albres son as minas galegas que nós saberemos esplotar cando a nosa Terra sexa nosa.

A repoboación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da colectividade.

Na nosa Terra dánse os mellores albres.

O día que seipamos o que val un albre, aquel día non teremos necesidade de emigrar.

Castelao: Sempre en Galiza, Libro I, capítulo XXXII, Bos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, Vigo, 2001, t. I, p. 194.

Añadir nuevo comentario