Usted está aquí

Imaxe de santa Teresa na igrexa de Pontedeume

JoseFS

Celebramos hoxe, quince de outubro, a festividade de santa Teresa de Jesús, que viviu entre o vinte e oito de marzo de 1515 e o quince de outubro de 1582, tamén coñecida como Teresa de Ávila ou Teresa de Cepeda y Ahumada, fundadora da Orde das Carmelitas Descalzas e insigne escritora dos Séculos de Ouro da literatura española (Imaxe de Santa Teresa na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume e lenzo da santa realizado por frei Juan de la Miseria).

Moitas son as representacións iconográficas que hai da santa en boa parte dos templos espallados por España, da que foi designada patroa polas Cortes do Reino en 1626, compartindo este privilexio con Santiago o Maior, un dos discípulos predilectos de Xesús que, segundo a tradición, fora traído desde Xerusalén a Galicia, onde predicara, e enterrado no Bosque Libredón do que, séculos despois, sería a cidade de Santiago de Compostela.

Así e todo, afervoados partidarios do Santiago o de Zebedeo, negáronlle o dereito a compartir co Apóstolo, que é tamén patrón da nosa vila, o padroado de España e conseguiron revogar o acordo.

Un dos máis destacados defensores de Santiago como único patrón de España foi o grande escritor Francisco de Quevedo, que redactou, coa súa sempre xenial e afiada pluma, un incendiario manifesto dirixido ao rei Filipe IV (1621-1665) no que lle dicía: “Cierta cosa es que el Reyno, ni sus Procuradores no dieron el Patronazgo a Santiago, antes Santiago dió a vos el Reyno, quitándolo con la espada a los moros, a quienes lo dieron los pecados de aquel Rey, que mereció tal castigo. Pues como, Señor, quitará, o limitará, o disminuirá el Reyno a Santiago lo que no le dió y le deue, lo que es suyo por expressa voluntad de Christo. ¿Como puede el Reyno, que es patrimonio de Santiago, diuidirse con otra persona? Son las Españas bienes castrenses, ganados en la guerra por Santiago, y las leyes que amparan en ellos a qualquier soldado particular perderán su fuerça en este general y caudillo, a quien nos deuemos todos por compra, a quien somos deudores de la libertad y la Fé de lo humano y de lo diuino. Vos, Señor, le deueis las coronas que ya ceñís multiplicadas; los procuradores de Cortes, el Reyno en que son Tribunal; los templos, no ser mezquitas; las ciudades, no ser abominación; la República y santo Gouierno, no ser tiranía; las almas, no ser Mahometanas ni idólatras; las vidas, no ser esclauas” (tomado de José Manuel García Iglesias (ed.): Camino de Santiago, patrimonio mundial, Santiago de Compostela, 2004, p. 174).

O templo parroquial de Santiago de Pontedeume acolle no lado da Epístola, no retablo da Purísima, compartindo espazo coa Inmaculada Concepción, san Sebastián e san Luís Gonzaga, unha fermosa imaxe de Teresa de Ávila.

A talla de Teresa de Jesús, situada á esquerda da Purísima que preside o retablo, destaca a súa faceta de mística e escritora. A santa, case en éxtase e cun rostro que irradia unha gran paz de espírito, ergue a súa mirada cara ao ceo e porta na súa man dereita a pluma coa que escribía os seus acendidos poemas de amor a Deus e outras obras místicas de carácter didáctico, e na esquerda, un libro. Alumea a súa faciana unha auréola dourada que dá conta da súa santidade. Cóbrelle a cabeza, que deixa só o rostro ao descuberto, unha touca negra que lle tapa os ombreiros e lle cae polas costas ata a cintura: simboliza que xa tomou todos os votos e o seu uso está xustificado porque na Primeira Carta do Apóstolo San Paulo aos Corintios se afirmaba que “toda muller que ora ou profetiza coa cabeza descuberta deshonra a súa cabeza” (Corintios I, 11, 5). Viste unha rica túnica de veludo marrón con reberetes dourados que lle tapa os pés e non se corresponde coa moi humilde que santa Teresa e todas as irmás Carmelitas Descalzas levaban e aínda hoxe levan sempre. A fermosa capa branca, que porta sobre os ombreiros e lle chega ata os pés, está adornada tamén con finos reberetes dourados que a santa nunca levou. Un cíngulo marrón, que parece feito así mesmo de veludo, prende a túnica pola cintura. Do seu pulso dereito pende un rosario, símbolo de oración, de contas negras, que remata nunha cruz dourada.

Añadir nuevo comentario