Usted está aquí

A imaxe da Virxe do Pilar en Pontedeume. Unha pegada máis da tradición xacobea da vila

JoseFS

A lenda da aparición da Virxe a Santiago en Zaragoza, que insiste na idea de que o Apóstolo predicou o Evanxeo nestas terras, fora transmitida, desde época temperá, por vía oral entre as xentes que habitaban os pobos de Hispania.

Este acontecemento foi recollido, así mesmo, por escrito na Crónica del obispo Máximo de Zaragoza, a principios do século VII, onde se afirma tamén que “Caesaraugustae templum Dei genitricis sanctum e a divo Iacoco constructrum quod ad columnam dicitur, celebre habetur”, que podería traducirse como “é ben coñecido en Zaragoza un templo dedicado á Nai de Deus e mandado construír polo divino Santiago, que é chamado da Columna”.

Un códice do século XIII, conservado na catedral zaragozana, di que Santiago chegou cos seus novos discípulos a través de Galicia e de Castela, ata Aragón, o territorio chamado Celtiberia, onde está situada a cidade de Zaragoza, nas ribeiras do Ebro. Alí predicou Santiago moitos días e, entre os convertidos, elixiu como acompañantes oito homes, cos que trataba de día do Reino de Deus e, pola noite, percorría as ribeiras para tomar algún descanso. Un día que se atopaba pensativo nas orelas do Ebro escoitou as voces duns anxos que cantaban Ave, María, gratia plena e viu aparecer á Nai de Cristo, de pé sobre un piar de mármore, como está representada na imaxe que se aloxa no retablo de Santa Lucía do templo parroquial de Santiago de Pontedeume.

A Virxe animouno a continuar coa súa misión e pediulle que erguese á  beira do Ebro unha igrexa na súa honra e prometeulle que esta permanecería ata a fin dos tempos para que a virtude de Deus obrase portentos e marabillas pola súa intercesión con aqueles que nos momentos de necesidade implorasen o seu patrocinio. Así o fixo, consonte a tradición, Santiago, aínda que regresou, antes de que estivese rematado o primeiro templo mariano da cristiandade, a Xerusalén, onde padeceu o martirio por mandato de Herodes Agripa, que o fixo decapitar.

A imaxe do apóstolo Santiago, axeonllado aos pés da Virxe erguida sobre aquela columna, atópase tamén no retablo maior da capela da Virxe do Pilar que hai na catedral de Santiago de Compostela.

 

 

Añadir nuevo comentario