Usted está aquí

A galeguidade da festa de San Miguel de Breamo

JoseFS

A festa de San Miguel de Breamo é, desde tempos inmemoriais, unha romaría enxebre e con fondas raíces galegas. Ademais das ancestrais tradicións, que talvez nos deixasen os vellos ártabros, de venerar á divindade no cumio dun monte, dar as voltas e poñer o santo coa cruz celta, que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro, sempre en lingua galega [Santo bendito che quite a enfermedá (sic) e che poña a sanidá (sic), polo amor (poder) de Deus e da Virxe María. Un Padrenuestro (sic) e unha Avemaría], a imaxe de san Miguel toda a vida saíu na procesión acompañada polas gaitas que interpretaban a marcha do Antigo Reino de Galicia. Aquí tamén escoitei a miña primeira misa en lingua galega, cando o castelán era o idioma oficial e case único da nosa Igrexa, e a interpretación do himno galego, no canto do español, ao alzar no momento da consagración. O xantar é realizado decote así mesmo con produtos da nosa terra.

Seica por iso cantou un día Xosé María Pérez Parallé:

“No San Miguel de Breamo,

o sol gaiteiro tocaba

os sones fortes e rexos

do himno da nosa Matria;

e no cumio, ergueita e ceibe,

a bandeira azul e branca”.

Xosé María Pérez Parallé: "Pregón do Concurso Provincial de Gaitas Airiños do Eume, vinte e oito de abril de 1985", en Xosé Paz Fernández: Cancioneiro popular eumés (Festas anuais), Pontedeume, 1994, p. 134.

Añadir nuevo comentario