Usted está aquí
A fugaz visita de Murguia a Pontedeume. O seu relato en "Galicia" que eu traducín á nosa lingua
Manuel Murguía, na súa monumental obra Galicia, dedicada “á santa memoria da miña esposa Rosalía de Castro, aos nosos fillos Alejandra, Aura, Gala, Olvido e Amara, para unir cun mesmo lazo e piadoso recordo canto amei, amo e amarei toda a miña vida, isto é, esposa, fillos e patria”, rematada en Iria Flavia o vinte de agosto de 1885, só pouco máis dun mes despois do pasamento de Rosalía de Castro, e publicada por primeira vez en 1888, fai un repaso da historia de Galicia desde que aquí chegaron os primeiros poboadores e un percorrido polas súas principais cidades e vilas que nos vai presentando. Entre elas, non podía faltar Pontedeume. Murguía escribiu o libro en castelán e eu traducín este pequeno fragmento á nosa lingua. Ao meu ver, sería moi interesante que as institucións públicas da nosa terra impulsasen unha edición en galego desta marabillosa xoia.
“Un tras outro van pasando vales e cuíñas risoñas, refrescadas polos ventos mareiros, ata que, á dereita do camiño, sobre un penedo que domina o dilatado val de Pontedeume, aparecen a torre de Andrade e os demais restos do vello castelo, reducido e así e todo glorioso berce da casa á que lle deu apelido. As lembranzas que evoca son tan grandes como a lección que encerra. Cáese a cachos e derrúbase co peso dos anos, da soidade que o rodea e do esquecemento que o cubre. Semella dicirlle ao que pasa: —Viaxeiro, detente e contempla no que para todo, as grandezas dos homes e as soberbias dos seus corazóns [...].
Saudemos ao vello Pontedeume, cheo das lembranzas dos seus antigos señores. A vivenda dos homes de hoxe non é menos fermosa cá dos de onte. Vense nos seus xardíns as rosas doutros tempos e, baixo os seus ceos, vagan, como vagaban antes, almas que perseguen o ideal eterno doutros días e de sempre, a felicidade. Xa non se contan agora dentro do seu recinto aqueles servos e humildes que se descubrían e inclinaban ao paso dos condes, pero si moitos máis escravos da desgraza, da ambición, dos secretos degoiros, de cantos desexos nos aguilloan incesantes, de cantas desolacións nos matan antes da hora da morte.
Xa non temos tempo sequera para nos deter e visitar a vila. Xa queda atrás. A fume de carozo atravesamos a longa ponte construída por Fernán Pérez e gozamos do fermoso panorama que desde ela se descobre. Non son só as augas dun río, son tamén as do océano as que baten nos tallamares e pasan ou se arremuíñan baixo os amplos arcos desta que foi, desde un principio, obra importante e de caridade, pois no seu centro se levantaban unha pequena capela e un hospital de peregrinos […] [Debuxos de Fernando Sarmiento e M. Marín, e foto da ponte actual].
Os animais de pedra, un oso e mais un xabaril, simbolizaban a casa dos Andrade. Hoxe xa non se atopan no seu sitio, lembrándolle ao viandante a obra benéfica de Fernán. Botáronos de alí coma un recordo inútil. Avergoñados da postremeira ingratitude, atópanse nas abandonadas estancias do baixo do antigo palacio [na actualidade ocupan un sitio digno e relevante, a horta do convento, escoltando a estatua do fundador da vila, Afonso X o Sabio; non obstante, ao meu ver, deberían volver á rotonda da ponte, como pensaba tamén Murguía]. Así e todo, eles poden dicir que máis vale a ingratitude que o esquecemento; agresiva a primeira, semella que garda algo da vida que xamais logrará o esquecemento, que é a mesma morte”.
Manuel Murguía: Galicia, primeira edición de 1888, a cita está tomada e traducida de Edicións Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1.174-1.177.
Añadir nuevo comentario