Usted está aquí

A festa da Virxe do Carme en Pontedeume

JoseFS

O dezaseis de xullo sempre foi festa grande na nosa vila, de fonda vocación mariñá como recolleu Abelardo Miguel en moitos dos seus marabillosos lenzos, e tamén na miña casa, non en balde avoa Marina, á que eu non cheguei a coñecer, fora peixeira, meu pai era un curtido mariño que sucou os mares de Europa e do alén e meu irmán, un acreditado mariñeiro nas nosas rías e nos mares máis afastados. Así pois, o día da patroa do mar cumpría celebralo por todo o alto (Foto de Lola Fornos Ríos-Garabana).

Ese día, como todos os anos desde que morreu, coa lembranza do meu pai e un arrepío nas entrañas, escoitarei e cantarei xa ben cedo a Salve marinera, interpretada polo coro eumés Alegre Intermezzo, que sempre me chega ao corazón e cuxo enlace deixo para quen o queira premer, porque paga a pena https://www.youtube.com/watch?v=CkEfK7hcMOY.

Xa os días anteriores, a imaxe da Virxe do Carme, que se aloxa todo o ano nun pequeno e modesto fornelo situado no lado do Evanxeo da capela eumesa das Virtudes, que acolle tamén á patroa que lle dá nome no fermoso retablo do altar maior, a carón da casa onde eu vivía, era trasladada ao Fogar do Pescador, para ser venerada polos seus devotos.

O día da festa, antes da misa solemne, que se celebraba na ribeira, a imaxe da Virxe ía sobre os ombreiros de catro mariñeiros, moitas veces acompañada pola danza de arcos que uns anos bailaba a miña irmá pequena co grupo Airiños do Eume e outros os de Orballo, ata o barco que a levaría navegando pola ría para a bendicir, e sempre desfilaba diante dela unha coroa que logo era arrebolada ao mar.

Un dos barcos grandes da vila, engalanado coas bandeiras de Galicia e mais de España, feitas en tea e izadas nun lugar preferente, e as doutros moitos países, realizadas en papel e colocadas nun sitio máis secundario, tiña a honra, cada ano, de levar a Virxe do Carme pola ría de Ares para que lle dese a súa bendición, e detrás del ían os demais barcos pesqueiros e de recreo tamén adornados con bandeiras. Entre eles estaba, como non, o noso caiuco, o Cariña de Rosa, gobernado polo seu patrón maior, o meu pai, que para a ocasión colocaba nun mastro as tres bandeiras que tamén levaba no corazón, de Pontedeume, Galicia e España. Así e todo, algún ano fomos no Pedra Santa, que era un dos que adoitaba levar a Virxe e tiña por propietarios aos nosos primos, os fillos do meu querido tío Antón.

Desde o ano 1988, unha fermosa imaxe de pedra da Virxe do Carme preside a Pena do Soldado, na praia de Zopazos, que está nada máis pasar a ponte de ferro, e despide e recibe aos mariñeiros que van ou veñen de pescar e a todos os que navegan pola ría de Ares, acolléndoos baixo o seu manto protector.

Xa de volta na ribeira, a Nai de Deus regresaba ao Fogar do Pescador, e máis tarde, na igrexa parroquial, o párroco impoñíalle o escapulario do Carme, que eu sempre levo comigo, a todo aquel que quixese. Cumpría así coa tradición que asegura que a Virxe do Carme fixera a promesa de salvar das penas do Inferno a todo aquel que levase o seu escapulario no momento da súa morte. Este é o motivo polo que nos petos de ánimas aparece a Virxe do Carme tendéndolles a súa man aos fieis que se atopaban no Inferno ou no Purgatorio para subilos con Ela ao Ceo.

Tamén a fachada do convento do Carme de Santiago de Compostela acolle a imaxe da Virxe que no arco do seu fornelo ten gravada a lenda “Quien muriere con este escapulario no padecerá el fuego eterno”.

Naquelas festas da miña nenez había, ademais, sardiñadas ou mexillonadas e verbenas pola noite, e adoitaban durar dous días. Este ano, como xa viña acontecendo ultimamemte, a procesión polo mar e a misa na ribeira celebráronse o domingo quince e a sardiñada, o sábado catorce. O día do Carme hai misa na igrexa parroquial ás oito do serán e unha pequena procesión despois arredor do adro coa fermosa imaxe que se aloxa, escoltada polas de san Expedito e santo Tomás de Villanueva, no retablo da Virxe do Carme, no lado do Evanxeo deste templo (a foto de é de Concha Suárez, a Paragüeira).

Chamádeme nostálxico, pero eu, nin que dicir ten, preferiría que a procesión marítima do Carme se celebrase o día dezaseis, que é o da súa festa, como nos meus tempos nenos.

Añadir nuevo comentario