Usted está aquí

A feira do vinte e un no piñeiral do Areal de Cabanas. Relato do Padre Placer e ilustracións de Abelardo Miguel

JoseFS

O meu agrademenento a María Fidalgo Casares

a historiadora da arte que mellor coñece a obra de Abelardo Miguel

No ano 1967 o Padre Placer escribía isto sobre a Feira do vinte e un no Areal de Cabanas: "Pola ponte barroca sobre o Eume ía á feira un gandeiro. No seu maxín levaba gravados un desexo e unha idea: vender a vaca. Xa na feira buscou o sector do gando vacún e agardou, apoiado na súa aguillada, cavilando que alguén lla compraría. Rematou a feira e non a vendeu; así e todo, de regreso a casa, seguía coa teima: outro día venderei a vaca.

O vinte e un de cada mes celébrase a gran feira do Areal de Cabanas baixo o raro piñeiral que lle dá sombra á praia da Magdalena, marabillosa pola súa situación e perspectivas. Todos os camiños van a Roma e todos os rueiros dan a ela. Éche unha festa laboral na que se mesturan elementos sociais, económicos e gandeiros. Óense por todas partes muxidos, relinchos, cacarexos, beos, gruñidos, mesturados coas voces dos feirantes.

A marea de xente vai medrando. Os comerciantes de Ferrol, Betanzos e As Pontes erguen os seus postos e toldos ao longo de todo o paseo central. Amorean pezas de roupa sobre un mostrador apoiado en cabaletes e penduran teas coas cores de moda en varais e barracas. Os pequenos traficantes de quincalla abren o seu telderete en calquera recuncho e mostran a súa mercadoría: espellos de man, chifres de plástico, reloxos de pulseira de goma, petardos, peites, aneis e cadeas de ouropel.

A feira ten dúas entradas. Unha a da ponte e outra a de San Martiño, que pasa por diante da ermida da Magdalena. Por aquí se colocan en ringleiras paralelas grandes cestas de froitos da terra: cebolas, patacas, allos, repolos, remolachas, cenorias, e froitas variadas segundo a época do ano. Á dereita, baixando cara á praia, exponse a artesanía do ferro, tan necesaria para o labrego: fouces, reixas, coitelos, tesoiras, podadoras, trespés, potes e potas e utensilios diversos. Ao seu carón, en sacos e cestas, venden sementes de plantas, verzas, nabizas e grans de toda especie. Algo máis abaixo hai zocas e zocos para todos os gustos. Os compradores van metendo polas súas bocas a variña da medida e, trato feito. As zocas son de madeira de bidueiro.

Pola entrada da ponte, despois de cruzar o paso a nivel do ferrocarril, abre a feira coas vendedoras de galos, galiñas, patos, ovos, queixos, manteiga e requeixos. Ofertas e demandas a berros. Outras rúas da feira ofrecen louza, cristalería, baterías de cociña e obxectos caseiros como coadoiros, peneiras, arandelas ou rateiras. Os que saíron cedo da casa van na procura de alimento á sección de provisións, onde atoparán pan de Neda, de Betanzos, de maínzo, de centeo, de barra ou de candeal. A empanada, o biscoito, as rosquillas brancas e morenas, a costrada, os melindres, os amendoados e demais confeituras son compañeiros das carnes de porco: xamón, cachucha, morcilla, chourizos ou touciño, e das cestas co arrecendo do mar, nas que aparecen peixes frescos e salgados.

O balbordo e a animación van en aumento. Son as doce da mañá e o interese feiral medra. Os mellores negocios fanse á sombra do gando. Os chaláns de blusa, sombreiro e reloxo de peto de prata van palpando os animais. Aquí os sectores son tamén cuadriculados; o de sempre, non se mestura o gando. A un lado está o vacún e a outro o lanar; os porcos ocupan o seu, ben ceibos, ben choídos ou en carros; e o cabalar nun recuncho. Amigos, compradores, chaláns, tratantes e mediadores móvense ao compás, tal música organizada. Fuman, poxan, rin, enfádanse. Cada compra, cada venda é un combate de berros, desplantes, apertada de mans, blasfemias, palmadas no lombo e conciliábulos secretos, ata que as tesoiras debuxan nas ancas da res a marca de compra.

De cando en vez, o inesperado contribúe a darlle máis aire á reunión. É o caso do pucho ao que lle picou unha mosca e bule pola feira dando chimpos, derrubando mesas e sementando a confusión. As mulleres berran, separan as cestas, vociferan ameazas, e os homes corren detrás do animal que busca o verde dos prados próximos ou cae vítima do lazo. Daquela, o bulebule remata. Así e todo, agora, é un altofalante, funcionando desde un camión e chamando ao público con todo o boureo dos seus medios fónicos, que arremuíña a xente ao seu redor. Un locutor, antigamente chamado charlatán de feira, ofrece as súas mercadorías de novidade sospeitosa. Así e todo, el vende e gaña; a xente pica.

Unha inmensa riada humana invade todo por dentro e por fóra. Cantos non foron indispensables na casa viñeron á feira. Alí tentean, consultan, piden prezo, estudan razas, pechan tratos, atopan amigos; é o día de baixar á vila para ir ao médico, ao dentista, ao avogado ou ao Concello. Se a man vén, comen de fonda, toman café ou van ao cine. As mulleres aproveitan o día e pasan polo salón de peiteado, mercan teas, fanse fotografías, compran na tenda e fornécense do necesario para unha tempada.

Chega por fin a hora do paseo. Os quincalleiros manexan as tesoiras colgadas do cinto, os que procuran roupa usada non se dan paz a probar chaquetas, os vendedores ambulantes pregoan as súas mercadorías. O movemento oscila de aquí para alá; está a nacer un mundo á parte. É o dos mozos e mozas, sen cartos nos petos, sen complexo de feira, mais coa forza da xuventude. É a hora do paseo. Ao seu carón pasan xentes e gando, perden paso carreteiros e automobilistas, zigzaguean perigosamente motos e bicicletas; méteselles entre as pernas un porco que foxe, pero eles seguen o seu paso abstraídos, alleos ao ambiente, ás circunstancias, á desbandada. O silencio da tarde regresa ao seu no piñeiral do Areal, mentres eles, os rapaces, falan de amor, de festas, de traxes e de traxedias, nese ton íntimo, xovial e sereno ao que lle dá un fondo real a música do mar na praia.

O gandeiro, coa súa vaca, volve cruzar a ponte. Non houbo sorte. Non viu o negocio e non quixo vender. Outra vez será”.

[Cadro de labregos e animais, protagonistas da feira, con san Francisco, cuxos monxes de Santa Catarina de Montefaro se encargaron do coidado da capela e o hospital da ponte durante máis de catro séculos] [Texto tomado e traducido de Gumersindo Placer López: "La feria del Arenal, en Cabañas (1967)", en Crónicas de mi rincón natal, Pontedeume, A Coruña, 1977, p. 121-124]. 

Añadir nuevo comentario