Usted está aquí

Dous vagalumes eumeses nos seculos escuros

JoseFS

É ben sabido que despois dos tempos de esplendor vividos pola poesía galega, coas Cantigas de Santa María, impulsadas e talvez algunhas mesmo compostas polo rei Afonso X o Sabio (1252-1284), fundador da vila de Pontedeume en 1270, que as mandou editar ilustradas cunhas fermosas miniaturas como a que se mostra na primeira imaxe, e coa lírica trobadoresca galego-portuguesa, vixente entre 1200 e 1350, cuxos cancioneiros foran tamén fermosamente miniados como máis abaixo se apreza, viñeron os chamados séculos escuros transcorridos entre os solpores da Idade Media e os albores do Rexurdimento, cando viron a luz os Cantares Gallegos  de Rosalía de Castro, en 1863.

Nese tempo, en palabras de Otero Pedrayo, “o arredamento de Portugal e a política castelá detiveron o íntimo progreso de Galicia e nos puxeron unha máscara de morte […]. A cultura verdadeira soamente foi gardada polos labregos e polos mariñáns. Polas xentes que non sabían ler nin escribir, mais que estaban postas no centro do devir espiritual da raza e da súa psique […]. Cando os homes da chamada cultura souberon casarse con este ser galego, tiña que resultar o tipo superior, o verdadeiramente home da cultura, e non dicimos culto por pechar esta palabra non sabemos qué de rematado e marmóreo, como un sepulcro anguloso e académico” (Ramón Otero Pedrayo: "Morte e resurrección" en Carlos Casares Mouriño (ed.): Ramón Otero Pedrayo (1888-1976). Día das Letras Galegas 1988, A Coruña, 1988, p. 90 e 109). A lingua vernácula fora proscrita en todos os círculos de poder e no eido administrativo, e a literatura galega desaparecera practicamente como forma de expresión escrita. Así e todo, a teima dos galegos máis humildes foi a que salvou durante séculos a nosa cultura, desterrada polas elites do país, dunha morte segura. Como di Castelao, “antramentras os señoritos alleeiros vivían espiritualmente de prestado, o pobo galego sigueu creando arte e sabiduría. Velaí están os refráns […], os nosos cantares […], os hórreos […], a nosa escultura popular nos cruceiros, nas fontes e nos portalóns […], a nosa música popular e os nosos bailes e danzas” (Afonso Daniel Rodríguez Castelao: Sempre en Galiza, Libro I, 7, t. I, Bos Aires, primeira edición 1944, A Coruña, 2001, p. 78 e 79) (Miniatura das Cantigas de Santa María).

Así e todo, nesta longa noite de pedra de máis de cinco séculos, brillaron con luz propia dous vagalumes literarios eumeses, humildes e efémeros, malia que intensos, que moito tiñan que ver coa Casa dos Andrade. Os seus protagonistas foron, por unha banda, o mecenas Fernán Pérez de Andrade o Bo, primeiro señor da vila, e o tradutor Fernán Martís, tamén relevante eumés de veciñanza, mesmo o Ateneo Eumés leva o seu nome, e pola outra, a poetisa Isabel de Castro e Andrade, neta do conde de Vilalba e oitavo señor de Pontedeume Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas. Como ben di Ramiro Fonte, “nós eramos descendentes dos Andrade, unha das máis poderosas casas da Galicia medieval. Donos de vidas e facendas, señores de forca e coitelo, pero tamén cultos” (Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 74).

Pouco despois de ser nomeado primeiro señor da vila de Pontedeume, por mor do privilexio de dezanove de decembro de 1371, asinado en Burgos polo rei Henrique II (1369-1379), Fernán Pérez de Andrade, alcumado o Bo, mandáralle traducir ao galego, da versión que encargara en castelán dos textos latinos o rei Afonso XI (1312-1350), a Crónica Troiana a Fernán Martís e foi publicada na nosa lingua en 1373. Así falaba no apéndice do libro o tradutor sobre o seu mecenas: “Et sabede que este Fernãn Pérez foy fillo de Rroy Freyre d’Andrade, e por mj͂ creede de çerto que a este tenpo que este liuro foy escripto, que este Fernã Pérez era o mellor home que auía entõçe en Galiza dos cõdes ou rrico homes afora. Et sabede que el a este tenpo era home de duzẽtos homes de caualo armados a todo punto. Et era señor da uila da Cruña et da uila de Betãços e da Pontedeume. Et Ferrol et a Pontedeume dérallas el rrey por sua heredade. El outrossý tãbén era señor de Neda et de Çedeyra et de Santa Marta et de Viueyro et de Uilalua”.

O profesor e lingüista Ramón Lorenzo realizou, no ano 1985, co patrocinio da Fundación Barrié, unha marabillosa edición que incorporaba ademais un rigoroso estudo introdutorio desta obra traducida ao galego en 1373 por Fernán Martís (Ramón Lorenzo Vázquez (ed.): Crónica Troiana, A Coruña, 1985).

Así e todo, a tradución galega do noso veciño Fernán Martís xa fora editada, ben que máis modestamente, en 1900, por Antonio Martínez Salazar: Crónica Troyana. Códice Gallego del siglo XIV de la Biblioteca Nacional de Madrid, A Coruña, 1900.

O outro oasis eumés no deserto da literatura galega daqueles tempos foi creado pola filla de Fernando Ruíz de Castro Osorio de Portugal, conde de Lemos e marqués de Sarria, e de Tareixa de Andrade, e neta, xa que logo, de Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, oitavo señor de Pontedeume e segundo conde de Vilalba. Isabel de Castro e Andrade, nacida en Pontedeume como súa nai e seu avó, pouco antes de morrer en 1582, compuxo un soneto renacentista, nun galego algo aportuguesado. Así e todo, a súa publicación póstuma non viu a luz ata o ano 1589, formando parte da obra de Alonso de Ercilla Tercera / Parte de la / Araucana de don Alonso de Ercilla y çuñiga. / Cauallero de la orden de Santiago, gentil / hombre de la camara dela Magestad / del Emperador / Dirigida al Rey / don Felipe nuestro señor / Con privilegio / En Madrid / En Casa de Pedro Madrigal / Año de 1589, conservada en Madrid na Biblioteca Nacional onde foi consultada e logo transcrito o soneto polo investigador Eugenio Carré Aldao:

Araucana naçao mais venturosa

mais q quantas og’ha de gloria dina

pois na prosperidade e na ruina

senpre enuejada astais, nunca enuejosa.

 

Se enresta, ó illustre Afonso, a temerosa

langa, se aranca a espada q fulmina

creyo que julgareis que determina

s’o conquistar a terra bellicosa.

 

Faraa, mais nao temais esta mao forte

que se vos tira a liberdade é a vida,

ella vos pagará be largamente.

 

Qu’atroco dúa breue e honrrada morte,

co seu diuino estilo, esclarecida

deixará vossa fama eternamente.

 

En galego actual sería: Araucana, ti es a nación máis venturosa entre todas cantas hoxe son dignas de gloria, pois na prosperidade e na ruína sempre resultas envexada, nunca envexosa. Se enristra o ilustre Afonso a temerosa lanza, se arrinca a espada que fulmina, penso que xulgaredes que será quen de conquistar a belicosa terra. Farao, mais non temades que esta man forte vos quite a vida porque vos pagará moi xenerosamente. Xa que no canto dunha breve e honrada morte, deixaravos eternamente unha egrexia fama.

O soneto foi recollido tamén, séculos máis tarde, por Juan Pérez de Guzmán: Cancionero de la Rosa, t. I, Madrid, 1891, p. 18; e logo nun artigo, que era a terceira parte dun estudo de Eugenio Carré Aldao: “Una poetisa gallega del siglo XVI. Doña Isabel de Castro y Andrade. Condesa de Altamira”, en Boletín de la Real Academia Gallega, 112, A Coruña, 1916, p. 105-110; o poema está na páxina 110; as outras dúas partes foran publicadas nos números 110 e 111, do propio Boletín de la Real Academia Gallega, no mesmo ano 1916. En 1978, publicouse o estudo completo nun libriño editado pola Deputación Provincial da Coruña, Eugenio Carré Aldao: Una poetisa gallega del siglo XVI. Doña Isabel de Castro y Andrade. Condesa de Altamira, A Coruña, 1978; o soneto pode atoparse na páxina 31.

Añadir nuevo comentario