Usted está aquí

Dous ilustres autores do XVI gaban a ponte medieval eumesa

JoseFS

O licenciado Bartolomé Sagrario de Molina, no século XVI, na súa Descripción del Reino de Galicia, conta nunha oitava como era a ponte mandada construír na nosa vila por Fernán Pérez de Andrade o Bo no XIV:

Tomada ocasión de aquello del Sil,

notad otra puente de gran maravilla

que llega a tener de largo una milla

contada por pasos que pasan de mil

sobre sus arcos de piedra y sotil

que son Puentesdeume aquesta que digo.

No siento a la prueba hallarse testigo

que diga haber visto tal cosa gentil.

Logo, xa en prosa e máis polo miúdo, explica tamén, e nos traducimos, que “con moita razón cómpre facer conta e poñer en memoria esta insigne ponte, cuxa longura non penso que se poida atopar en España. Ten mil douscentos pasos e, considerando que as que noutros reinos se gaban por moi longas non chegan aos catrocentos, é de ver a excelencia e grandeza desta. Atópase nunha ría a dúas légoas do mar sobre os seus arcos de xentil edificio, é cousa de estimar. Está cabo dunha vila que toma o nome da mesma ponte […]. Esta vila das Pontes de Eume […] é un pobo de tanta frescura de árbores e tan deleitable asento e vista, que ben se pode chamar o verxel de Galicia” (J. A. Parrila (ed.): Descripción del Reino de Galicia por el licenciado Molina, Santiago de Compostela, 1998, p. 80 e 111) (Debuxos de Fernando Sarmiento).

Nesas mesmas datas, o peregrino polos Camiños de Santiago Bartolomeo Fontana dicía que “ao entrar por Pontedeume pasei unha longa e antiquísima ponte de pedra, que sustentaba moitos arcos e que cruza un porto. Na miña vida non vin unha tan longa en país ningún nin a puido ver ninguén; no medio dela hai un hospital que alberga peregrinos” (Debuxo de M. Marín).

Tomado e traducido de Macedo Cordal: “Las peregrinaciones italianas a Santiago. Sinopsis del relato de Bartolomeo Fontana”, en Breixo Rodríguez, López Calvo, Macedo Cordal e Sáez Taboada: Pontedeume, vila e ponte no Camiño a Santiago, Pontedeume, 2004, p. 93.

 

Añadir nuevo comentario